ASEMBLEA ABERTA
O pasado 25 de agosto o BNG celebrou unha asemblea aberta no Restaurante Orillamar de Espasante e que contou coa asistencia de varias ducias de persoas.
Nesta asemblea tratáronse debates internos para crear e establecer a estrutura local e facer un chamamento a todas as persoas a se implicar neste proxecto novo e ilusionante de converter Ortigueira nun Concello BNG, tomando coma referencia o exemplo de concellos veciños e que tan ben funcionan como Moeche ou San Sadurniño.
Para este proxecto trazáronse unhas liñas de traballo para os vindeiros 4 anos. Unha das propostas que se van iniciar nas vindeiras semanas son os “encontros co BNG” para o cal se estableceu un calendario de encontros coa veciñanza nas diferentes parroquias. Inclúese a publicación dun voceiro local que vai estar dispoñíbel de forma gratuíta nas redes sociais e a celebración e conmemoración de datas de relevancia galeguista ao longo do ano, así como manter a “Festa do 17 de maio” para potenciar e dinamizar a lingua galega.
As participantes e os participantes valoraron moi positivamente esta experiencia e apoiaron darlle continuidade a estas asembleas abertas a todas as persoas (sexan simpatizantes, militantes ou non) para seguir falando das problemáticas das diferentes parroquias do noso Concello e para recabar información e propostas para conseguir mudar Ortigueira.