O BNG solicita unha visita parlamentaria ao centro de día Dolores Díaz Dávila en Ortigueira no marco das reivindicacións da plataforma 'Comida digna XA'
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou unha solicitude formal á Mesa da Comisión 5ª do Parlamento de Galicia para organizar unha visita ao centro de día Dolores Díaz Dávila, no concello de Ortigueira, aberta á participación de calquera dos 75 deputados e deputadas do Parlamento Galego. Esta iniciativa ten como obxectivo coñecer de primeira man o funcionamento das instalacións e avaliar as condicións do servizo ofrecido ás persoas usuarias.
Esta solicitude chega despois da creación da plataforma cidadá 'Comida digna XA', que ten mobilizado nas últimas semanas á veciñanza de Ortigueira e que ten prevista a realización dunha concentración en defensa dunha mellor calidade no servizo de comedor da residencia, destacando carencias e reclamando cambios urxentes. O BNG quere responder a estas preocupacións, garantindo que o Parlamento de Galicia tome un papel activo na supervisión e mellora das condicións deste centro público.
Entre os representantes parlamentarios que asinaron esta iniciativa están os deputados Ramón “Mon” Fernández e Olalla Rodil, que subliñaron que esta acción forma parte do seu compromiso coas políticas sociais e a defensa dunha atención digna e de calidade para as persoas maiores.
A visita proposta pretende facilitar o acceso directo dos deputados e deputadas ao contexto real no que traballa o persoal do centro e onde residen as persoas usuarias, para ofrecer respostas axeitadas e implementar melloras que garantan un servizo de calidade.