Orzamentos 2025: o agasallo de Nadal da Xunta para Ortigueira? Abandono e promesas baleiras

Ortegal Existe

Chega o Nadal e, mentres a xente pensa nos agasallos para compartir coa familia, a Xunta de Galiza do Partido Popular sorpréndenos outra vez cun presente debaixo da árbore: abandono para Ortegal. Os Orzamentos para 2025 ignoran, unha vez máis, as necesidades máis urxentes do noso concello, deixando sen resposta demandas históricas que afectan a toda a veciñanza.

Desde o BNG presentamos 77 propostas claras e concretas para Ferrolterra, Eume e Ortegal, pero o PP decidiu rexeitalas todas. Entre elas, destacamos as que afectan directamente a Ortigueira:

  • Un novo Centro de Día e melloras na residencia de maiores Dolores Díaz de Dávila.
    É urxente recuperar o servizo de cociña, devolvéndoo ao ámbito público para garantir unha atención digna ás persoas usuarias. Ademais, solicitamos un novo Centro de Día que consideremoas que é esencial para apoiar as familias que loitan por coidar ás súas persoas maiores nunha comarca con índices de envellecemento altísimos.

  • Vivenda social.
    Para garantir que as familias, a mocidade e as persoas maiores poidan acceder a vivendas adaptadas e accesíbeis nun mercado inmobiliario cada vez máis excluínte.

  • Reactivación da VAP Costa Norte.
    Esta infraestrutura, anunciada hai máis de 20 anos, segue sen avances significativos, mantendo Ortegal illado e freando o seu desenvolvemento económico e social.

  • Saneamento nas parroquias, Espasante, Cuíña ou Senra, entre outras.
    Un servizo básico que moitas zonas seguen esperando, afectando tanto á calidade de vida como ao medio ambiente.

  • Mellora da Atención Sanitaria na comarca.
    Ambulancia medicalizada, atención domiciliaria e reforzo de persoal son imprescindíbeis para garantir unha sanidade pública de calidade e próxima á veciñanza.

Estas non son utopías; son demandas reais, que teñen solución se hai vontade política. Pero parece que o rural segue sen estar na lista de prioridades da Xunta.

Non é falta de recursos; é falta de vontade política
O abandono de Ortegal non é casualidade. Os orzamentos do PP priorizan medidas que favorecen aos máis ricos mentres esquecen o rural. Mentres tanto, Ortigueira segue sen dragaxes nos portos, sen vivenda social, sen saneamentos, sen avances na VAP e sen melloras na atención sanitaria ou nas comunicacións (ferrocarril, estradas ou transporte público).

Desde o BNG seguiremos traballando para poñer fin a este abandono. Porque sabemos que Ortigueira merece máis e que a nosa comarca ten un potencial que non pode quedar soterrado baixo promesas baleiras.

Este Nadal, lembrámoslle á Xunta unha cousa: Ortegal non quere propaganda; quere solucións reais.