Balance dos primeiros 6 meses de gob… mando e ordeno

Marco Schaal

Reiteraban ao longo dos primeiros meses e plenos que había que dar 100 días de prazo para ver feitos. Desde o BNG consideramos que para facer unha valoración máis ampla e xusta debiamos esperar a que pasaran os primeiros 6 meses de mandato, mais o resultado de telo feito antes, agora ou dentro de 4 anos sería o mesmo. Pódese resumir en: retroceso democrático, crispación, descontrol e improvisación.

No actual cogoberno de Ortigueira observamos un claro descontrol e retroceso democrático. Distínguense dous grupos entre os novos gobernantes: os que están obsesionados coa oposición, interrompendo continuamente as intervencións nos plenos, xesticulando ou con comentarios que sempre buscan destruír e se é preciso ir ao persoal, pois tamén, porque non hai máis argumentos e a intención é a de crispar o ambiente e ser uns auténticos hooligans da política. E por outro temos os que descoñecen os problemas do concello (colexio, transporte, sanidade, inquedanzas veciñais,...) e que falan de conspiracións escuras que ocultan información ao goberno, pero ao mesmo tempo din sen reparos que non saben sobre temas da súa propia área. Pero ambos grupos teñen en común en falsear discursos e contar a súa verdade que nada ten que ver coa realidade. Outro día falaremos sobre a capacidade que tiñan de criticar ao anterior goberno e facer exactamente o mesmo e, incluso, peor.

Pero isto non é nada, porque consideramos moito peor que despois de 6 meses ninguén en Ortigueira saiba o modelo de concello que queren, pero isto seguramente non o saiban nin eles. Van improvisando día a día. De aí que aparezan un día coa resurrección de festas do pasado, outro con centros de aves, outro con vías peonís en Espasante, outro mostrando un apoio claro á eólica mariña na Costa Ártabra con megaproxectos e construcións surrealistas pero que nin se atreveron a publicar, outro con museos e casas da xuventude. Tamén falaban moito de crear pistas de pádel, centros de día ou residencias para persoas maiores,... e xa sabemos que moitas cousas que dicían na campaña son inasumíbeis, dito por eles mesmos no pasado pleno. 
Todo, absolutamente todo, son compromisos sen ningunha partida económica reservada, nin recollido nuns orzamentos de 2024, porque nin sequera foron capaces de ir elaborándoos nestes 6 meses (nunha reunión coa oposición apareceron cun folio en branco). O único compromiso é o de saír na foto co conselleiro ou conselleira de turno. Iso si, seguimos gastando en festexos e propaganda política en xornais e redes sociais para tapar as miserias e a inacción. 

Nós imos avisando con tempo, porque isto é a copia barata do que xa tivemos e sufrimos. A deriva sen rumbo que están levando e as improvisacións ás que nos someten a toda a veciñanza vainos dando indicios claros do que nos agarda, que non é outra cousa que acabar colapsando coma xa pasou naquela época na que o PP falaba de Vamos a levantar Ortigueira. Supoño que todos lembramos ben como rematou, e son os mesmos que agora veñen co lema de Ortigueira, fagámola revivir…

 

Marco Schaal Orizales

Portavoz do BNG de Ortigueira