Inauguración da Rúa da Exclusión

Marco Schaal
O Goberno PP-XA insiste en repetir erros e "esquécese" de convidar en tempo e forma á oposición a un acto institucional que fora aprobado por unanimidade no Pleno Ordinario do mes de novembro

Fai unha semana tivo lugar a inauguración da Rúa da Inclusión, iniciativa que xurdiu xa no curso pasado (2022-23) por parte do alumnado do CEIP José María Lage e que foi apoiada por unanimidade polo pleno da corporación o pasado novembro de 2023. O feito de que a rúa leve este nome non só se trata de algo simbólico, senón de algo importante e que se podería ampliar coa instalación de pictogramas nos edificios públicos e municipais, nos parques infantís e na rede de centros sociais do noso Concello. Incluso sería fundamental que nalgún dos centros sociais do noso Concello se eliminasen as barreiras arquitectónicas. Todas, son medidas que seguirían marcando un compromiso real e claro para acadar esa inclusión.

Dicir que o noso grupo municipal non puido asistir á devandita inauguración por motivos persoais uns e por laborais outros, sería contar unha media verdade. Pois eu, como portavoz e concelleiro do BNG de Ortigueira, recibín o convite o mesmo día do acto ás 9:36h da maña, para asistir a este evento que estaba programado para as 12:00h. Quero entender que é algo que xa estaba planificado e programado e que ,de feito, xa se ía realizar a principio de decembro pero nunca máis se volveu saber ata onte pola razón que sexa ou porque constatamos o que xa levamos dicindo meses: estamos ante un goberno que vai improvisando día a día. 

O problema, xa non é que eu non puidese asistir por motivos persoais, senón que xa perdín a conta das veces que desde o goberno local actúan desta forma -cando convida-, porque hai inauguracións e actos institucionais aos que directamente non convidan.

Está claro que, se tivésemos coñecemento deste acto, cunha marxe razoable e asumible, estaríamos encantados e encantadas de ter asistido, como xa temos participado noutros actos organizados polo concello, colectivos, asociacións ou organicións e somos informados das mesmas, pero con tempo e non cun par de minutos de antelación. Debémonos á veciñanza, pero non ás improvisacións e ditados do alcalde e o seu grupo de goberno.

Outra cousa que xa queda constatada despois disto, é o que tamén levamos denunciando desde hai meses e é que tanto a transparencia coma a capacidade de diálogo da que alardean en redes e falan nas rúas son palabras baleiras, que soan moi ben para a propaganda e o populismo ao que xa nos teñen acostumados, pero a realidade é a que é, e non queren contar coa oposición para nada, nin sequera que aparezamos nos actos públicos e organizados polo Concello de Ortigueira. Tamén queda claro que os concelleiros e as concelleiras responsábeis da comunicación ou obraron neglixentemente e con mala fé ou cun descoñecemento das súas propias funcións. Que cada quen escolla a explicación que queira, pero os feitos están aí e unha vez máis os que sufrimos as consecuencias destas prácticas somos os mesmos de sempre e por extensión, o 52% da veciñanza que non escolleu este desgoberno.

Marco Schaal Orizales

Portavoz do BNG de Ortigueira