Ortigueira aproba moción para solicitar mellorar o SAF mentres PP e XA recortan 700.000 € en Servizos Sociais

Marco Schaal

 Na concentración en apoio ao persoal do SAF e en homenaxe a Teresa de Jesús do Porriño, escoitei varias veces a pregunta: “quen coida das que nos coidan?”.
 
Unha pregunta que tantas veces resoa no sector dos coidados e que volveu ter resposta no Pleno de Ortigueira do pasado martes 6 de agosto.

 Grazas á iniciativa presentada polo BNG, aprobouse unha moción para demandar á Xunta máis financiamento e reducir a lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que hoxe supera as 100 persoas en Ortigueira e as 2.000 en toda Galiza. Votamos a favor BNG, PSOE, P.Orti e XA; o PP votou en contra.

 Actualmente temos un SAF que está colapsado e canso: deficiencias detectadas por Inspección de Traballo, unha traballadora en excedencia, baixas ou vacacións sen poder cubrirse e todo isto implica unha sobrecarga para o persoal que queda. No Pleno, o alcalde tentou escusarse dicindo que a Xunta inviste máis que nunca, pero o Goberno central non fai a súa parte ou que os protocolos de actuación son “os do bipartito de 2008”. O que non dixo é que o PP recortou 17 millóns de euros no SAF nos últimos dous meses (maio e xuño), que leva 16 anos gobernando a Xunta sen actualizar nin mellorar eses protocolos e que, en 2020, cando o BNG propuxo no Parlamento renovalos recollendo as demandas das traballadoras, o PP votou en contra. A responsabilidade directa é do actual goberno galego.

 No mesmo Pleno, as contradicións foron aínda maiores: o cogoberno do PP e XA aprobaron retirar 700.000 € (o 10% do orzamento) da Atención Social Primaria para destinalos a outros fins, mentres seguen sen cubrirse necesidades básicas como grúas, camas ou reducir a lista de espera do SAF. O que máis sorprendeu foi que a mesma concelleira que apoiou a moción para mellorar o SAF votou logo a favor dun recorte que vai no sentido contrario.

 Desde o BNG sabemos que os coidados públicos requiren dignidade, financiamento e xestión eficaz. Pero o PP, tanto na Xunta coma en Ortigueira, demostra que a súa prioridade non é garantir condicións dignas para quen coida nin coidados accesibles para quen os precisa.

 E cando digamos “coidemos das que nos coidan”, que non sexan só palabras: que se demostre con recursos, protocolos e vontade política real.