Ortigueira mobilízase: por unha comida digna na Residencia Dolores Díaz Dávila

Fani Pérez Responsábel Local

A veciñanza de Ortigueira mobilízase contra a mala calidade do servizo de catering

A praza de Isabel II énchese de dignidade e reivindicación por unha comida xusta

A Xunta e o Concello miran para outro lado mentres as queixas seguen aumentando

  O pasado domingo 23 de febreiro, a Praza de Isabel II encheuse de dignidade e reivindicación. A concentración, convocada pola plataforma Comida Digna XA, deixou claro que a veciñanza de Ortigueira non está disposta a tolerar máis a falta de atención por parte das administracións e a mala calidade da comida na Residencia de Maiores.

  Antes de chamar á nosa porta, os residentes, hai xa dous ou tres anos, presentaron unha denuncia por escrito á dirección do centro, ao Consorcio de Igualdade e Benestar, xunto co catering COESCO DEZA - Culinaria, empresa que presta o servizo con sede en Silleda. Como resultado, mantiveron varias reunións presenciais con altos cargos do Consorcio e da empresa de restauración. Mesmo acordaron establecer unha comunicación semanal para abordar as queixas e buscar solucións, máis non conseguiron nada e o servizo continuou sen mellorar.

  Mentres tanto neste último ano, no Pleno Municipal, despois dunha visita á residencia, a Concelleira de Sanidade e Educación dixo que a comida era excelente e que as características organolépticas dos menús eran as correctas. Pero os feitos e as queixas dos usuarios din o contrario, ao igual que os usuarios de Xantar na Casa, que tamén depende do mesmo servizo de catering semanal dasta empresa de Silleda.

  Dende o BNG municipal, comezamos con isto hai case un ano, mantivemos varias reunións cos residentes, a unha das cales acudiu o noso deputado Mon Fernández, trasladamos a pregunta ao pleno do Concello, ao Parlamento, emendas aos Orzamentos da XuntaE amosamos o noso apoio para darlles voz onde eles non podían chegar. No pasado mes de xaneiro, solicitamos unha visita parlamentaria ao centro. Coa Xunta e o Concello mirando para outro lado, e responderlles que para eles todo estaba correcto, propuxéronse levar a cabo diferentes iniciativas coma o escrito á Valedora do Pobo, a denuncia en redes sociais para que se soubera o que estaba pasando e a celebración dunha concentración.

  Se nos imos máis atrás, debemos ter en conta que a Residencia depende directamente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, creado polo goberno do bipartito para garantir unha atención digna aos servizos sociais e liberar aos concellos dunha carga que, por recursos, moitas veces non podían asumir. Pero o PP encargouse de dilapidar este modelo e privatizar servizos esenciais, como a cociña da residencia, externalizada en 2012 baixo o goberno de Feijóo. Desde entón, as queixas pola mala calidade da comida non deixaron de medrar e levan máis dunha década sen resposta.

  A plataforma Comida Digna XA insiste en que isto non é unha cuestión de partidos, senón de dereitos. Pero tamén temos claro que só os responsables políticos poden cambiar esta realidade. Animamos a todos os grupos do pleno de Ortigueira a sentarnos a traballar xuntos fronte a un modelo que vemos, non funciona. Esiximos que a Xunta inspeccione o servizo de catering de Silleda e tome medidas firmes, que se recupere a cociña cando remate a licitación actual e os nosos maiores poidan ter un prato de comida recén feito na súa mesa cada día.