Que pasa coa débeda do Concello de Ortigueira?
Para entender a débeda do Concello de Ortigueira, primeiro hai que saber de onde vén e sen unha auditoría completa, non se pode afirmar con certeza a que goberno se debe, aínda que todas sabiamos da súa existencia. Esta semana soubemos que Ortigueira debe 1,7 millóns de euros á Deputación da Coruña. Por que á Deputación e non aos bancos? No goberno anterior, o Concello acolleuse a un plan da Deputación para evitar ter que pagar directamente aos bancos, co obxectivo de evitar que os xuros e intereses agravaran a situación económica municipal.
Agora ben, volvamos ao presente. Neste 2024, a Deputación asignou ao Concello de Ortigueira 2.281.294,23 euros para gasto social, gasto corrente (como luz e limpeza viaria) e investimentos. Ademais, a Deputación aprobou un plan extraordinario para que concellos coma Ortigueira poidan reducir a débeda sen afectar as súas arcas municipais, financiando con 68.242,15 euros esta redución. En total, en 2024 a Deputación da Coruña proporciona 2.349.536,38 euros ao Concello de Ortigueira.
O actual alcalde, o Sr. Calvín, non pode dicir que foi sorprendido pola situación financeira do Concello, xa que o seu grupo de goberno levaba catro e oito anos na oposición e agora máis dun ano no goberno. Se non coñecían a realidade, só confirman o feito de que seguen descoñecendo o que pasa no noso concello.
A pesar de todos os recursos proporcionados pola Deputación, que para este 2024 ascenden a 2.349.536,38 euros para obras, gasto social, gasto corrente e redución da débeda, o Goberno Municipal do PP en Ortigueira demostra unha notábel ineficacia na xestión económica. A falta de acción e previsión do alcalde e do seu equipo é evidente, e escudarse na débeda para xustificar a súa incapacidade de xestión non é aceptábel.
Como guinda do pastel, fai uns meses o Sr. Calvín anunciaba que tiñamos un remanente de 3,2 millóns de euros, e esta semana sorpréndenos dicindo que por culpa da débeda non pode facer investimentos ou levar a cabo o seu programa de goberno. Esta contradición non é máis que outro intento de botar balóns fóra, demostrando unha vez máis que o actual Goberno Municipal non é capaz de xestionar adecuadamente os recursos dispoñíbeis para o benestar de Ortigueira.
En resumo, a situación de Ortigueira é o resultado dunha mala xestión económica máis que dunha débeda incontrolábel, pois esta xa a está pagando a propia Deputación da Coruña. E mentres aqueles que están no goberno sigan centrándose máis en buscar inimigos invisíbeis, sinalar culpábeis da súa inacción e levando o populismo por bandeira, seguiremos tendo un problema e non unha solución.
Marco Schaal Orizales
Portavoz do BNG de Ortigueira