A voltas coas partidas...

La Voz de Ortigueira

Ben sabido é que nos últimos meses do ano, os sentimentos de solidariedade que poden permanecer aletargados noutras datas, comezan a chamar á porta de propios e estraños, facendo que se acentúen (máis se cabe) as necesidades que, por desgraza, non só afectan á nosa veciñazan senón que se antollan como unha desafortunada tónica xeral na sociedade contemporánea.

Voltando ao noso contexto máis local e botando un ollo á hemeroteca, viaxamos ao 12 de Novembro de 2020, momento no cal o PP de Ortigueira, no seu rol de oposición, publicaba nas súas redes sociais unha proposta rexistrada por sede electrónica e incluía o seguinte parágrafo:

“Dotación económica ó Banco de Alimentos municipal, para facelo, se cabe, máis amplo en canto a oportunidades e cuantía co obxeto principal de axuda as familias con falta de recursos económicos…”

O que propoñían tratábase dalgo tan loábel e sinxelo de levar a cabo, sobre todo isto último tendo en conta a crecente afección a levar a cabo modificacións de partidas orzamentarias, comisións ou plenos que levan por bandeira desde o primeiro día de mandato, e non se trataba doutra cousa máis que dunha “modificación e transferencia de crédito con minoración de alguna outra aplicación orzamentaria, como por exemplo… nas cuantías previstas para aplicar no gasto da iluminación de Nadal ou de outras que se estime oportunas”.

Situándonos de novo no noso presente, no aquí e agora, nun PP de Ortigueira tan ben instalado como acomodado no seu novo trono de goberno, obsequian á veciñanza cun recorte de 40€ por familia beneficiada na partida do programa “Agasallos de Nadal 2023”, quedándose o máximo ao que poden optar en 2023 a 60€.

Pero as súas maxestades do Ortegal non só veñen cargadas con este agasallo envelenado, senón que aquelas prioridades que outrora se debuxaban como pedras angulares ficticias da súa política social, semellan ter sido relegadas ao esquecemento observábel, xusto coa adopción da política do desgoberno co que tanto se enchían aqueles papos que criticaban o “Murismo”.

Lonxe de que ninguén poida interpretar entre liñas e símiles que me opoño á iluminación de Nadal, vaia por diante que si me opoño a que haxa poucas luces entre os que toman as decisións que afectan a toda a cidadanía, pero como xa deixamos claro na reunión mantida coa ACO, a iluminación e todas as iniciativas que sexan precisas para dinamizar e promover a economía e o comercio local, non só son benvidas senón que merecen unha forte aposta por elas. Porque se non miramos polo noso, quen o vai facer?

É por iso que non só de festas e festexos pode vivir unha poboación con miras de futuro. O pan para hoxe é a fame para mañá, e non só falamos de alimento, senón que falamos de compromisos esquecidos, gardados baixo a alfombra coa esperanza de que alguén os esqueza e deixen de preguntar por eles. Falamos da VAC Costa Norte, de raios X, de dragaxes dos portos de Espasante e Ortigueira, dun servizo de pediatría capaz de dar resposta á necesidade real do mesmo, os saneamentos das nosas parroquias, un servizo de transporte público adaptado ás necesidades da nosa veciñanza, máis persoal no SAF,... Falamos de lembrarlle á Xunta onde estamos, quen somos e por que merecemos unha consideración que parece antollarse coma un privilexio ao que só poden acceder quen lle baile as augas aos que non saben nin ubicar o Cabo Ortegal.

Con todo, de pouco serve debuxar utopías que nos poñan nun mapa de prioridades nacionais se non somos capaces de facelo a nivel local, pero tampouco imos pararnos moito máis a tentar que o gobernó do PP e XA se pasen á escola do pensamento da atención. Non lles imos facer perder máis o tempo coas reflexións nin coas disertacións porque, ao fin e ao cabo, a ninguén lle gusta chegar tarde á festa. E moito menos a eles.

Marco Schaal Orizales

Portavoz do BNG de Ortigueira