Plenos

Pleno Ordinario 27/03

Rogos e preguntas:

1.- No Concello de Ortigueira levamos xa un tempo sen ter cuberta a praza de arquitecto municipal, o que conleva a paralización na tramitación dos expedientes para as diferentes licenzas de obras. Cando se vai cubrir a praza?

Resposta: Van sacar unha convocatoria para dotar ao Concello de Ortigueira dun Arquitecto Municipal con praza en propiedade. Máis adiante e respondendo á mesma pregunta do grupo PO, din que é mentira que estean paralizadas as obras ou que non se dean licenzas de obra, pois nun dos puntos do día hai un informe onde se recolle que se aproban obras

📝 Apuntamento: No período de xaneiro-marzo de 2024 hai dúas.

2.- O pasado 15 de marzo presentouse o cartaz do Festival de Ortigueira e algunhas das bandas e grupos que van participar no mesmo. Como ten pensado o goberno do Concello de Ortigueira garantir o desenvolvemento do Festival tendo en conta que seguimos cun orzamento prorrogado e non hai un borrador dos Orzamentos 2024. Entendemos que xa contemplades a posibilidade de recorrer a un recoñecemento extraxudicial de crédito para asegurar o cumprimento dos contratos en tempo e forma ? Van informar á oposición do traballo que se está levando a cabo desde o comité organizador?

Resposta: xa teñen pechado un convenio coa Xunta da Galiza de 110.000€ e van pechar outras dúas subvencións (coa Deputación e o Ministerio) e non saben exactamente o montante porque a convocatoria sae sobre agosto, polo que si, terán que levalo a un recoñecemento extraxudicial de crédito. Con respecto á segunda parte, responden que irán informando.

 

3.- Adheriuse o Concello de Ortigueira ás axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento participativo (EDLP) aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Resposta: si, que o proxecto é a Senda Azul do Litoral da Ría de Ortigueira. Se a conceden é para arranxar a actual Senda Litoral da Ría de Ortigueira.

4.- O 23 de marzo publicouse en redes sociais do Concello de Ortigueira a rehabilitación dun edificio municipal e crear un centro de procesado de produtos agroalimentarios. Solicitaron en tempo e forma a subvención para a rehabilitación de edificios municipais? Sabendo que xa hai un na Comarca, cal é o motivo polo que non se adheriron como sí fixeron Valdoviño, San Sadurniño, Cedeira ou Cerdido?

Resposta: Si e que a subvención ascende a algo máis de 600.000€ para a rehabilitación do antigo matadoiro e mercado municipal. Cara o final da resposta di que é no caso de saír beneficiarios de dita subvención.

Non nos adherimos ao Centro Comarcal porque había que pagar unha cota.

5.- O concelleiro de Obras anunciou na Comisión Informativa do mes de setembro que a Sala de Raios X estaría operativa a finais de marzo e nunha nota de prensa do Concello de Ortigueira anunciábase que disporiamos deste servizo nos primeiros meses do ano 2024. Poden dicirnos en que estado real se atopan as obras e cando se prevén que se finalicen e estea operativo dito servizo?

O concelleiro de obras responde que aínda están en obras e que non vai estar operativa o día 1 de abril como anunciaran.

6.- En decembro de 2023 finalizaba o prazo para instalar os colectores marróns en concellos de máis de 5000 habitantes. Como está actuando o Concello de Ortigueira para a súa implantación? 

O Concelleiro de obras responde que non se puido cubrir en prazo porque non había cartos. Que se solicitou unha subvención en xullo e que están a falar con concellos limítrofes para facer unha especie de mancomunidade para lograr reducir a inversión.

7.- Está ao tanto o Sr. Alcalde da realidade que está a vivir a veciñanza relativa aos vertidos no Río Mera, os malos cheiros e a calidade da auga? En caso afirmativo, que medidas tomou o equipo de goberno para abordar estes problemas de vertidos nos nosos ríos e, en última instancia, na nosa ría?

Resposta: que llo comunicaron ao servizo de SEPRONA e que falaron coa Xunta da Galiza. Que non teñen competencias pero a propia Xunta e SEPRONA automaticamente lles abre expediente e, se é o caso, sanciona.

📝Apuntamento: A sensación é que é unha resposta tipo para saír do paso, pois sendo alcalde, debería saber que a Fiscalía abriu un expediente tanto á empresa SOGARISA como á Xunta por considerarse indicidiariamente un delicto contra os recursos naturais e o medio ambientee de prevaricación administrativa, respectivamente.

Alén diso, ADEGA, ten denunciado á Xunta por denegar o acceso aos resultados dos controis realizados en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada de SOGARISA. A.D.X. de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.- Sobre o mantemento e conservación no Concello de Ortigueira. A veciñanza fainos chegar queixas sobre o mal estado do alumeado en varios puntos do concello, principalmente, na zona da piscina e centro médico de Santa Marta e no paseo marítimo de Espasante, onde hai un número considerábel de farolas rotas ou coas bombillas fundidas. O BNG presentou o 21 de febreiro un escrito solicitando o arranxo das mesmas, pero non se arranxaron estas deficiencias. É por iso que lle preguntamos ao grupo de goberno do Concello de Ortigueira se teñen pensado repoñer as bombillas e reparar estes desperfectos ou se polo contrario teñen pensado manter a mesma política de desidia, inacción e pasotismo que denunciaban ata maio de 2023?

A resposta é que levamos uns temporais importantes ao longo de todo o inverno e que só contamos con 3 electricistas no Concello de Ortigueira. 

📝 Apuntamento: Non responderon nada ao respecto de arranxar as farolas, cambiar as bombillas, limpar o limo de bancos ou de implementar un “Plan de Conservación e Mantemento” como xa temos comentado en máis dunha ocasión e ir arranxando os pequenos desperfectos.

 

Quedaron sen responder estas dúas preguntas ao realizarse no pleno sen previo rexistro.

1. Como ten pensado proceder o Concello de Ortigueira co camiño da costa en Loiba? Por poñelos en contexto: A veciñanza de Loiba púxose en contacto con nós hoxe sobre o estado no que se atopa dito camiño, que parece ser que foi arranxado a semana pasada para tapar as fochancas e deixala transitábel para estes días nos que o Concello recibe bastantes turistas. Tamén comentan que se pedíu permiso para meter tubos e facer cunetas. Pois ben, parece ser que a empresa deixou o camiño peor do que xa estaba. Sabendo que ía ser unha temporada con rutas de sendeirismo e con afluencia de turistas. Está ao tanto a concellería responsábel desta actuación e do malestar que causa na veciñanza? E se é afirmativa, que medidas van tomar ao respecto?


2. Varias persoas pregúntannos cal é a Praza do Olivo en Ortigueira, xa que parece que non hai tal praza no rueiro oficial de Ortigueira e están recibido notificacións de multas nesa localización. Poden aclarar onde está dita praza?

 

 

para velo online: Pleno 27/03

Pleno Ordinario 27/03