Participaron 11 dos 13 concelleiros do pleno municipal de Ortigueira, o concelleiro Marco Schaal do BNG, os 5 do Goberno Municipal, 3 do PSOE e os 2 de PO.
Expediente 1516/2024: Aprobación inicial da ordenanza fiscal nº 39 sobre taxa polos servizos de emerxencias, prevención e extinción de incendios e salvamento
Votación: Goberno Local (a favor), BNG, PO, PSOE (abstención).
O pleno aprobou inicialmente a ordenanza fiscal para a taxa polos servizos de emerxencias, prevención e extinción de incendios e salvamento, cos votos a favor do Goberno Local e a abstención do BNG, PO e PSOE. Desde o BNG indicamos que a proposta tiña un futuro incerto debido á falta de regularización legal e que antes de impoñer a taxa, sería necesario que o goberno explicase como pensaba regularizar este servizo, que carecía de base legal e operativa clara. Dada a falta de aclaracións do goberno, o BNG optou pola abstención.
Expediente 1770/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 42/2024 (Facturas)
Votación: Goberno Local (a favor), BNG, PO, PSOE (abstención).
A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e a abstención dos demais grupos. Seguimos lamentando que o goberno local non presentase solucións para mellorar a xestión financeira do concello, a pesar de termos proposto medidas como a división de facturas en lotes ou a creación dunha comisión de seguimento do gasto, un borrador de orzamento ou un plan financeiro-económico para os meses que quedan de ano. A falta de acción do goberno levounos a absternos nesta votación. Con todo, a responsabilidade da situación que vive o Concello de Ortigueira cos seus proveedores é exclusivamente do goberno local, que non aborda os problemas de xestión financeira nin ten intención de diálogo ou chegar a acordos coa oposición.
Expediente 1807/2024: Recoñecemento Extraxudicial de Créditos
Votación: Goberno Local (a favor), BNG (en contra), PO, PSOE (abstención).
O recoñecemento extraxudicial de créditos foi aprobado cos votos a favor do Goberno Local, a abstención do PO e do PSOE, e o voto en contra do BNG. A pesar de absternos na modificación de crédito, rexeitamos a proposta deste recoñecemento debido a que o goberno non acepte ningunha das nosas suxestións para mellorar a xestión orzamentaria e evitar a acumulación de modificacións e recoñecementos extraxudiciais. Esta acumulación é unha mostra máis de mala xestión, xa que nun concello ben administrado non serían necesarias tantas rectificacións.
Relacionado: comunicado conxunto
Expediente 1958/2024: Moción do Partido Popular sobre a situación política de Venezuela
Votación: Goberno Local, PSOE (a favor), BNG, PO (abstención).
A moción sobre a situación política de Venezuela foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e do PSOE, mentres que o BNG e PO se abstiveron. O BNG cuestionou a pertinencia de tratar un tema de política internacional nun pleno municipal, considerando que o enfoque debería estar nos problemas locais de Ortigueira. A moción presentada polo PP non resolve os problemas urxentes da nosa veciñanza e sirve como cortina de fume e de distracción para non falar da súa mala xestión ou para non falar dos problemas municipais, como a sanidade, macroparques eólicos, a calidade da comida na residencia de maiores ou o servizo deficiente do transporte público (por estrada e ferrocarril). En consecuencia, optamos pola abstención.
Expediente 1957/2024: Moción de Primeiro Ortigueira sobre queixas pola calidade da comida na residencia de anciáns
Votación: BNG, PO, PSOE, 1 concelleiro do Goberno Municipal (a favor), 4 concelleiros do Goberno Municipal (abstención).
A moción foi aprobada con maioría de votos a favor, incluíndo os do BNG, PO, PSOE e unha concelleira do Goberno Municipal, mentres que outros catro concelleiros do Goberno Municipal se abstiveron. Desde o BNG apoiamos esta moción debido ás numerosas queixas sobre a calidade da comida na residencia de maiores Dolores Díaz Dávila. Asimesmo, defendemos a necesidade de cambios estruturais na alimentación, substituíndo a comida requentada por comida fresca preparada diariamente nas instalacións da residencia. Tamén se solicitou a utilización de produtos locais para beneficiar a economía circular e apoiar así o mantemento ou creación de novos postos de traballo no noso municipio ou comarca.
Expediente 1952/2024: Moción do BNG sobre a ordenanza de estacionamento e pernocta de vehículos en Ortigueira
Votación: Aprobada por unanimidade.
A moción foi aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais. Con esta nova ordenanza preténdese regular o estacionamento e a pernocta de vehículos en Ortigueira, o que mellorará a xestión do espazo público, atendendo a unha demanda da veciñanza.
Expediente 1996/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 52/2024
Votación: Goberno Local, PSOE (a favor), BNG, PO (abstención).
A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e do PSOE, e a abstención do BNG e PO. De novo, criticamos a falta de previsión e planificación do goberno local e que non tomara medidas preventivas para renovar o contrato de renting dos equipos informáticos, que expirara en agosto de 2023. Consideramos necesario a renovación do equipamento tecnolóxico, pero ante a falta de transparencia nas comisións previas, a falta de previsión e considerando que esta urxencia non se xustificaba por imprevistos, senón pola mala planificación do goberno local, optamos pola abstención.
Expediente 1995/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 51/2024
Votación: Goberno Municipal (a favor), BNG, PSOE, PO (abstención).
A modificación orzamentaria para a reparación da cuberta traseira do Teatro de Beneficencia foi aprobada cos votos a favor do Goberno Municipal e a abstención dos demais grupos. Recoñecemos a importancia e a urxencia desta obra para garantir a conservación do teatro, pero suxerimos que este tipo de proxectos deberían planificarse con máis antelación para evitar depender de modificacións orzamentarias constantes e buscar outras vías de financiamento. Criticamos tamén a utilización das modificacións de crédito como comodín para presionar á oposición para sacar adiante as propostas, ademais de non presentar ningunha das propostas nas comisións e tendo os orzamentos das obras desde fai varios meses atrás.
Expediente 1994/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 50/2024
Votación: Goberno Municipal (a favor), BNG, PSOE, PO (abstención).
A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Municipal e a abstención dos demais grupos. De novo recoñecemos a necesidade e urxencia da mellora do saneamento en Cuiña (e nas demais parroquias), pero advertimos que o orzamento presentado pola empresa, e que se aprobou polos votos do PP, non incluía custos adicionais como visados colexiais, levantamento topográfico ou estudos xeotécnicos, o que podería incrementar o prezo final da obra. Solicitamos claridade sobre se o goberno local contemplaba estas posíbeis variacións, pero ao non obter resposta, optamos pola abstención.