Plenos

Pleno Ordinario 31/01

PREGUNTAS

1.- Trasládannos queixas sobre o funcionamento da "liña verde" que ten dispoñíbel o Concello de Ortigueira. A veciñanza di que presentan a dúbida ou queixa ante o organismo competente, mais non obteñen resposta. Segue funcionando esta liña de comunicación veciñanza-concello? Por que non se lles dá resposta nas 24 horas seguintes a formular a dúbida ou queixa?

O Sr. Alcalde di que o programa “Liña Verde” funciona ben e que si se lles dá resposta. Que se non se dá resposta en 24h é porque hai avarías ou incidencias que non se poden resolver nese tempo.

2.- Desde o Concello de Ortigueira publicouse que se ían convocar novas Actividades de Dinamización Sociocomunitaria. Xurdiron dúbidas ao respecto destas actividades, quen as vai desenvolver? Unha empresa privada ou as propias asociacións veciñais? Que custe lle supón ao concello facerse cargo de activdades que xa se ofertaban en diferentes centros sociais e que realizaban as diferentes asociacións veciñais? Houbo algún tipo de diálogo entre concello e asociacións para a realización destas actividades?

A Sra. Concelleira deixou claro que ou non entendeu as preguntas ou non quixo entendelas. Isto último, seguramente por falta de argumentos. Comezou o seu mitin propagandístico intentando desacreditar ao noso portavoz referíndose á vida persoal ou facendo un xuízo de valor sobre a mesma. Algo que consideramos fóra de lugar para responder ás preocupacións que nos trasladaron diferentes asociacións veciñais. 

Pero si demostra con esa actitude a altura política e persoal da persoa que fai esas alusións co único fin de intentar desacreditar a un rival político. E non é a primeira vez que o fai e seguramente non sexa a última.

Tamén demostran que a política do PP-XA segue sendo a mesma que cando estaba na oposición: por falta de argumentos, van ao terreo persoal.

Era preciso facer a alusión á vida persoal? NON.

Era preciso facer o mítin xustificando o “ao redor dun café”? NON.

Respondeu ás preguntas solicitadas? ALGUNHAS. Unhas actividades que xa realizaban as Asociacións Veciñas, van ser levadas a cabo por unha empresa privada. Tamén deixa claro que non falou coas asociacións, senón que, falou coas veciñas e cos veciños, pero non coas asociacións.

3.- Preguntamos xa en agosto como ían ser os convenios coas asoaciacións veciñais, 6 meses despois ninguén sabe como nin cando se van asinar uns convenios que xa deberían estar en marcha para o bo funcionamento dos programas que desenvolven as nosas asociacións veciñais. Preguntamos de novo e non responda como da última vez “como se viña facendo” porque non se facía ben nin antes nin agora: como van ser eses convenios? Neses convenios recollerase tamén as condicións e concesión completa dos Centros Sociais parroquiais ás AAVV de ditas parroquias?

A Sra. Concelleira respondeu que se estaban reunindo coas asociacións desde fai uns meses e que o departamento xurídico do concello estaba traballando para redactar uns decretos para que todas as entidades saian favorecidas por igual.

 

PREGUNTAS ANTERIORES SEN CONTESTAR

Á pregunta de se o concello solicitara a subvención para conseguir un vehículo para persoas maiores, dependentes ou con discapacidade con cargos aos fondos Next Generation UE?

A pregunta xa sabiamos que era un non, pero no pleno confirmouno. Sabemos que era non porque xa estaba fóra de prazo para ser solicitada cando se lles preguntou e non a tiñan tramitada, ademais do descoñecemento de tal subvención. Pero o Sr. Alcalde intentou xustificar a perda desta subvención comentando que o máximo de subvención eran 40.000€, que o Concello debería poñer outros 30.000€ e que non contabamos con eses cartos.

Valoración: A resposta foi un “excusatio non petita, pecata manifesta”. E por riba, saíulles mal, moi mal. É redundante a escusa de “non hai cartos”. Levan 7 meses dicindo o mesmo. Pero poñela para adquirir un vehículo necesario para as nosas persoas maiores, dependentes ou con discapacidade cando fai pouco, noutro pleno, dixeron que preferían gastar os cartos nestes asuntos en vez de contratar a unha persoa para dinamización lingüística (subvención de até 20.000 euros), pois... era máis fácil dicir que non tiñan coñecemento da subvención. Máis, cando en 7 meses de Goberno PP-XA, gastaron bastante máis dos 30.000€ que o "concello non ten" en festas e festexos. Prioridades do PP-XA.

Repetimos: tampouco tería pasado nada con dicir que non a pediron porque se lles pasou ou non sabía que había esa subvención. Polo menos sería unha resposta máis honesta.

 

Á pregunta do poste da luz na Rúa Eugenio López, que levaba meses aí e dixo que xa estaba falado e solucionado o tema. Pero que pasaban as semanas e os meses pero o poste segue aí entorpecendo e imposibilitando o tránsito da xente. Ata cando imos ter ese poste instalado aí?

Esta pregunta xa foi respondida nese pleno e puxémola na publicación do pleno de novembro. A resposta foi: que se reuniron cos responsábeis e que se vai solucionar na maior brevidade. Tamén comentaron uns problemas en Loiba e Espasante.

Neste pleno insitiron, porque xusto uns días antes do pleno de xaneiro retiraron, por fin, ese poste. Consideramos que a todas as persoas nos alegramos pola retirada do poste, mais non foi á maior brevidade posíbel e si despois de preguntarlles varias veces polo tema.

Ligado ao anterior, tamén ían corrixir o nome do noso portavoz e concelleiro na páxina web do Concello de Ortigueira (versión en castelán). Mentres xa realizaron modificacións nese apartado, introducindo o nome da nova concelleira do PSOE, seguen sen corrixir o nome do noso partido e concelleiro, nin outros erros que hai desde fai máis de 7 meses que se tomou posición dos cargos e despois de 2 meses de solicitalo.  

Pleno Ordinario 31/01