Outro ano perdido para Ortigueira
Aquí vai a nosa análise do primeiro ano de goberno en Ortigueira, onde os cambios prometidos se converteron en promesas incumpridas e as esperanzas dun cambio real na política local foron esmagadas pola triste realidade. Nunha impresionante demostración de xestión, este goberno conseguiu a fazaña de non cumprir nin unha soa das súas promesas. Si, como acaban de ler: nin unha. Se cadra, están a consultar o manual de 'Como gobernar facendo oposición á oposición’.
Con todo, Ortigueira conseguiu sobrevivir a un ano de descontrol, improvisación e crispación, porque a outra cousa non, pero a este tipo de gobernos estamos máis que afeitos e acostumados a sobrevivir.
Comecemos coa análise e o punto máis divertido: as promesas electorais. Recordan aquelas promesas que fixeron soñar a algúns co lema “Ortigueira, fagámola revivir”? Ben, resulta que eran máis ben contos de fadas. Da miríada de promesas, cumpriron exactamente cero. É case admirábel a súa consistencia. A sala de Raios X, prometida xa fai case dúas décadas, supostamente estaría operativa a principios de 2024. Aquí estamos, no ecuador de 2024, e seguimos esperando por ela e sen saber se vai estar operativa todos os días ou non.
Outra das grandes promesas era ter elaborado uns orzamentos, pero na oposición levamos desde setembro de 2023 esperando polos orzamentos municipais. Sorprendentemente, no último pleno, decidiron que o mellor xeito de abordar o tema era dicir que non había nada máis que falar sobre os orzamentos. Se cadra, agardaban a que os orzamentos llos fixéramos a oposición, que se escribían sós ou que igual, os orzamentos prorrogados que dicían que eran nefastos non o son tanto (e si, eran e son nefastos para a situación da Ortigueira actual).
Seguimos cunha promesa que xa sabemos que non se vai cumprir, a pista de pádel cuberta na Preguiza. Ah, si… como dixeron eles mesmos, iso era un 'caramelo electoral'. Non se podía facer, pero contar esas historias sempre anima á xente. E sabe alguén algo da área de autocaravanas en Loiba? Así como din que está moi avanzada, nunha entrevista prefiren non poñer prazos. Deberon aprender dun alcalde de Ortigueira que en cada campaña electoral viña coa mesma promesa e cando se lle preguntaba que por que non a cumpría, respondía: porque así sempre teño unha promesa potente para vender (un exemplo claro desta aprendizaxe: Sala de Raios X).
Outra das promesas recorrentes e sobre a que nos preguntan moitas veces é a auditoría externa. A realidade é que se fixo unha auditoría interna que descubriu que non había cartos nin para bolígrafos. Pero mentres ían por centros sociais dicindo que “non hai cartos para nada”, seguíuse gastando en festas e festexos. Quen precisa bolígrafos cando podes ter festas?
Pero se hai algo que realmente preocupa é o descoñecemento das concellerías e das que falan abertamente sen preocuparse… Preguntadas por asuntos importantes, as concellerías responden con “descoñecemos o problema”. Non saber sobre o estado das infraestruturas e servizos é case un logro despois de estar 4 anos de oposición e 1 no goberno, pero debería ser motivo suficiente para presentar a dimisión sen que se solicite desde a oposición.
Aínda estamos esperando a que presenten unha soa iniciativa ou acción para mellorar a calidade de vida da veciñanza: comercio local, vivenda, mocidade, turismo ou vivenda. Porque desde o BNG si presentamos varias actuacións e mocións nas que solicitamos a redacción das axudas escolares para o Curso 2024-25, uns servizos de transporte público digno, tanto por estrada como ferrocarril, para o Ortegal, tamén solicitamos reservar unha partida nos orzamentos para a mellora dos centros educativos, presentamos unha declaración institucional, que foi apoiada por todos os grupos políticos, contra a instalación dos PE Barqueiro e PE Badulaque ou logramos o consenso para solicitar a retirada da cota por utilización de terreos nos espazos de Portos de Galiza, co que se pode lograr aforrarlle anualmente unha boa cantidade de cartos ao Concello de Ortigueira.
Son iniciativas que contribúen a mellorar a vida da nosa veciñanza e seguiremos traballando nesa liña, porque queremos seguir construindo en positivo unha Ortigueira mellor. Ortigueira merece máis BNG.