No pleno deste luns, 3 de febreiro, o BNG, a través do seu portavoz Marco Schaal, volveu defender unha política rigorosa e centrada na veciñanza, fronte a un goberno do PP que insiste en gobernar con improvisación e sen aceptar melloras nas propostas que trae ao debate. Desde o noso grupo, presentamos alternativas concretas para garantir que as decisións municipais sexan xustas, viables e transparentes. Lonxe de ser unha oposición de bloqueo, traballamos para que Ortigueira avance, pero atopámonos cun goberno que segue instalado na opacidade e na falta de planificación.
🔹 Ordenanza fiscal – O PP queda en minoría e a ordenanza non sae adiante
O goberno do PP tratou de aprobar unha ordenanza fiscal sen garantías nin diálogo, pero quedou en minoría e a súa proposta foi rexeitada. BNG, PSOE (4) e Primeiro Ortigueira (2) votamos en contra, sumando 7 votos fronte aos 6 do PP.
Desde o BNG, denunciamos a falta de transparencia no proceso, xa que as alegacións presentadas foron rexeitadas sen unha resolución formal do Pleno, como esixe a lei. O noso grupo presentara propostas para mellorar o texto, incluíndo bonificacións para persoas en situación de vulnerabilidade e a regularización previa do servizo do GES antes da aplicación da taxa, para evitar incertezas legais. O que pasou foi que o goberno municipal se negou a calquera debate, insistindo en aprobar unha ordenanza defectuosa. O resultado da votación deixa claro que non poden seguir gobernando como se tivesen maioría absoluta cando non a teñen.
🔹 POS+ 2025 – Obras necesarias, pero con lagoas preocupantes
O plan inclúe investimentos en infraestruturas que levamos tempo reclamando, como saneamento en Loiba, Céltigos-Viso, Espasante ou Senra (que non se incluíu). Aínda así, o goberno excluíu proxectos fundamentais como a beirarrúa da residencia Dolores Díaz Dávila que ten unha moción aprobada por unanimidade para a súa realización, ou a estabilización do muro de San Roque, a pesar de ser unha das prioridades recoñecidas polo propio executivo cando estaba na oposición.
Ademais, denunciamos a falta de transparencia na sinatura dun convenio con Portos de Galiza, que obriga ao Concello a asumir gastos en infraestruturas sen ningunha contraprestación ou “levantando un reparo” sen ningún tipo de xustificación ou informe técnico que xustifique esta decisión. O alcalde, como xa é costume, non responde a ningunha das preguntas formuladas polo BNG e prefire levar as respostas a atacar o pasado en canto de pensar no presente e futuro de Ortigueira. O plan foi aprobado cos votos do PP, mentres que BNG, PSOE e PO abstivémonos para non bloquear as actuacións necesarias.
🔹 Convenio da piscina – Un problema estancado desde polo menos o 2015
O BNG considera fundamental garantir a continuidade do servizo da piscina e das instalacións deportivas, tanto polo seu valor social como polo mantemento dos postos de traballo. Porén, o contrato susténtase nun problema enquistado: xa en 2021 había informes desfavorábeis de Intervención e Secretaría alertando da falta de concesión administrativa dos terreos da piscina, unha situación que en realidade vén de antes de 2015.
Finalmente, o contrato saíu adiante cos votos do PP (5) e PO (2), mentres que BNG (1) e PSOE (3) nos abstivemos.
🔹 Ano Castelao 2025 – Un recoñecemento que supera siglas
A moción presentada polo BNG para conmemorar o Ano Castelao en 2025 recibiu un respaldo amplo, demostrando que recoñecer a nosa historia e identidade non debería ser motivo de división. A proposta foi aprobada co apoio do BNG (1), PSOE (3), PO (2) e mesmo da concelleira de Sanidade, Educación e Cultura do PP. O resto do grupo de goberno do PP (4) optou pola abstención.
Marco Schaal deixou claro que Castelao é unha figura de todas e todos, e que recoñecelo é un acto de dignidade, non unha cuestión partidista. A diferenza doutras institucións gobernadas polo PP que tentan minimizar o seu legado, aquí conseguimos que Ortigueira forme parte desta celebración nacional.
📌 Outros datos do pleno
Ao longo da sesión, abandonaron o pleno a concelleira de Servizos Sociais e un dos concelleiros do PSOE, situación que non influíu nas votacións dalgúns puntos.
BNG trasladou varias peticións ao goberno municipal, poñendo sobre a mesa demandas que veñen da veciñanza e que seguen sen resposta:
✅ Limpeza e mantemento dos espazos públicos – Rogamos, unha vez máis, unha mellora na limpeza en Espasante, Santa Marta e parroquias do Concello. Hai queixas continuas sobre colectores en mal estado, beirarrúas deterioradas e parques infantís que precisan revisión e limpeza.
✅ Nome do noso grupo na web municipal – Levamos 14 meses esperando que se corrixa o nome do BNG e do noso portavoz na web do Concello. Mentres tanto, modificouse rapidamente o nome dunha concelleira do PSOE. Desidia ou mala fe?
✅ Estado da EDAR de Espasante – Preguntamos polas medidas que se están tomando para garantir o bo funcionamento da depuradora, tras os problemas que afectaron a Praia da Concha.
✅ Piscina do Salgueiro – Volvemos preguntar cando se resolverá a situación do valado que invade a beirarrúa desde hai máis de 20 anos e o edificio inacabado que xa é coñecido como “a piscina do Salgueiro” ou “a pequena Venecia”. Seguimos sen respostas.
✅ Oferta cultural – A axenda cultural en xaneiro foi case inexistente. O goberno segue sen propostas propias e dependen unicamente das asociacións. Preguntamos que pensan facer pero non houbo resposta.
✅ Convenios coas asociacións – Un ano despois de preguntar por eles, seguimos sen información.
✅ Orzamentos 2025 – O alcalde dixo en novembro que en 15 días habería un borrador. Pasaron meses e seguimos co orzamento prorrogado de 2022. Incapacidade ou falta de vontade?
✅ Servizo de Axuda no Fogar (SAF) – Hai un informe de Inspección de Traballo que confirma unha mala xestión e falta de traballadoras sociais. Preguntamos que medidas se están tomando, pero o goberno do PP segue sen dar solucións.
✅ EMCO e estabilización de postos de traballo – Preguntamos se os postos de traballo se estabilizaron correctamente e quen asumirá as indemnizacións e a responsabilidade no caso de que houbese erros.
✅ O Concello adheriuse á Plataforma Queremos Galego? – Preguntamos se o Concello cumpriu coa moción aprobada en novembro de 2024, que incluía este acordo.
✅ Axudas escolares – Preguntamos como se xestionaron, xa que moitas familias non se enteraron ao non publicarse en redes nin en canles oficiais.