A suciedade, o deterioro e a falta de mantemento reflicten o estado do noso concello

O BNG denuncia o abandono de Ortigueira

Sinais nas parroquias (Devesos - Couzadoiro)

  O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ortigueira quere expresar a súa profunda preocupación polo estado de abandono que afecta a todo o municipio. A situación actual das rúas e beirarrúas, marcadas pola suciedade, ou o deterioro e a falta de mantemento das pistas, está sendo reflexo da desatención que están a padecer tanto a vila como as súas parroquias, creando unha imaxe desoladora para residentes e visitantes.

  Desde que tomou o mando o actual Goberno Municipal, o impacto visual do abandono fíxose aínda máis evidente. As paredes con pintadas vandálicas, tanto en edificios municipais como privados, deixan unha impresión de degradación que danan a imaxe de Ortigueira como destino turístico. Este tipo de pintadas, xunto coa falta de limpeza e o deterioro das infraestruturas, están convertendo a vila e moitas parroquias en lugares descoidados, pouco atractivos e xerando cada vez máis malestar na veciñanza.

  Desde o BNG levamos tempo denunciando estas problemáticas, que son máis que unha cuestión estética. O estado deplorábel das beirarrúas, con deficiencias estruturais e invadidas pola maleza, non só dá unha mala imaxe, senón que tamén supón un grave risco para a seguridade viaria. Moitas persoas, especialmente maiores ou con problemas de mobilidade, vense obrigadas a evitar certas zonas por medo a sufrir caídas ou porque os vehículos invaden as beirarrúas, polo que os viandantes teñen que invadir a estrada ou rúa de turno, co consecuente perigo que iso supón. Esta falta de continuidade nas beirarrúas e o mal estado xeral das mesmas converten o simple feito de camiñar pola vila nun reto perigoso.

  A situación non mellora nas pistas do concello, onde a vexetación invade moitas das mesma, reducindo o seu ancho e visibilidade. Algo que consideramos totalmente inxustificábel, especialmente tendo en conta que o Goberno Municipal afirmou "contar con tres tractores para a limpeza de pistas, cando o anterior goberno só dispoñía dun". A realidade é que a pesar de contar con máis recursos o Sr. Calvín está  deixando as rúas nun estado deplorábel.

  Ademais, a falta de limpeza despois de eventos festivos é outra das grandes preocupacións. Rúas que permanecen sen baldear, con restos de vómitos, que se suman a excrementos sen recoller, non só crean un problema de saúde pública, senón que tamén contribúen a un ambiente sucio e desagradábel para a veciñanza. Todo isto é un claro indicativo dunha mala xestión municipal e dunha falta de planificación desde os que gobernan e o que é peor, unha falta de respecto cara as persoas permitindo esta situación.

  Xa lanzamos varias preguntas ao Goberno Municipal do Partido Popular e de XA, esixindo respostas e accións urxentes e concretas. Pero a nosa pregunta, de momento, vai seguir no aire: cando se vai levar a cabo un proxecto medioambiental e de mantemento adecuado para a noso concello e cando poderemos gozar dunha Ortigueira máis limpa, segura e cunha maior calidade de vida para todas as persoas.

  Ante a reiterada falta de resposta ás nosas peticións e suxerencias, volvemos instar ao goberno local do Sr. Calvín e da Sra. Rego a tomar medidas urxentes para reverter esta situación. É fundamental que a administración municipal actúe con celeridade para garantir que Ortigueira recupere a súa boa imaxe e se converta nun lugar limpo, coidado e accesíbel para todos os seus habitantes, tanto para os residentes como para as persoas que nos visitan.

 

Galería de imaxes