O boletín municipal non pode ser o boletín do Goberno Calvín‑Rego
O BNG de Ortigueira denuncia o uso partidista do boletín municipal editado polo equipo de goberno, financiado con fondos públicos.
A publicación, distribuída a metade de mandato, preséntase como unha ferramenta de propaganda en lugar dun espazo informativo plural e transparente.
Fronte ás acusacións vertidas, o BNG defende a súa labor propositiva e crítica a falta de orzamentos, a xestión opaca e o desprezo polas achegas da oposición.
Nos últimos días comezou a distribuírse nas casas do noso concello un novo boletín municipal editado polo equipo de goberno. Un boletín que custou case 3.000 euros das arcas públicas e que, ao noso xuízo, debería servir para informar de forma clara, rigorosa e neutral sobre os asuntos municipais de interese xeral, e non para investir eses cartos de todas e todos en beneficio partidista de quen goberna.
En definitiva, atopamos unha publicación subordinada a intereses políticos, lanzada a metade de mandato municipal, un exercicio evidente de propaganda pagada con fondos públicos, que utiliza o formato institucional para reforzar un discurso de parte.
Desde o BNG consideramos que este tipo de boletíns non poden converterse en ferramentas de promoción política dun goberno municipal. Moito menos nun espazo para desacreditar á oposición, por exercer a súa función de control e fiscalización, tal e como recolle e garante a lexislación. A democracia precisa transparencia, pluralidade e respecto institucional, non manipulación nin confrontación permanente, e moito menos pagadas con cartos públicos.
Sobre o contido do boletín, resulta especialmente grave a acusación de que a oposición bloquea o pago a provedores. Isto é rotundamente falso. O que non se di é que o Concello leva dous anos cun orzamento prorrogado, cualificado polo propio goberno como “nefasto” cando estaba na oposición, e que mantén, entre outras carencias, unha partida moi reducida para conservación e mantemento de infraestruturas do concello. Esta situación obriga ao executivo a recorrer constantemente a modificacións de crédito e recoñecementos extraxudiciais, converténdoos nun método habitual de xestión e nunha fórmula de presión política. Acúsase de “bloqueo” o que en realidade é responsabilidade económica e institucional, ao non aceptar facturas dubidosas nin xustificadas. Todo isto, mentres se insiste en que “non hai cartos” e temos a moitas asociacións e colectivos locais que ven como se lles denegan solicitudes de apoio alegando escaseza de recursos, cando no propio boletín e medios de comunicación se fala de case 4 millóns de euros de remanente.
A realidade é que, malia anunciar reiteradamente que presentarían un novo orzamento “en 15 días”, a día de hoxe non se recibiu ningún borrador. A única reunión mantida foi en 2023, sen entregarnos ningunha documentación nin propostas. Desde o BNG solicitamos en múltiples ocasións abrir un espazo serio e estable de diálogo. A resposta máis recente da Sra. Rego, a Concelleira de Facenda, foi que “non se presenta porque a oposición vai votar en contra”. Isto evidencia quen busca construír e quen prefire manter o conflito político e persoal como forma de goberno.
Fronte ao discurso oficial de que a oposición “non propón nada, só bloquea e destrúe”, desde o BNG reiteramos o noso compromiso firme co traballo propositivo e construtivo, tanto en mocións como en rogos e propostas. Aquí só algúns exemplos de iniciativas aprobadas polo Pleno e ignoradas polo goberno municipal:
A construción dunha beirarrúa entre Santa Marta e a Residencia Dolores Díaz Dávila e o Centro de Día, para mellorar a seguridade viaria.
A convocatoria de Axudas Escolares, que se impulsaron trala proposta do BNG, aínda que sen ter en conta as necesidades reais recollidas na moción e cun tempo moi reducido para a súa solicitude.
Propostas de saneamento en Espasante, Senra, Céltigos ou Loiba, que o propio goberno dicía “descoñecer”. Grazas á presión da oposición, San Xoán de Espasante conta agora cun proxecto en curso (POS2025).
A proposta de redacción dunha ordenanza sobre estacionamento e pernocta de vehículos, aprobada en setembro de 2024, acompañada dun modelo da FEGAMP, que o goberno cualificou de “difícil de elaborar”.
O boletín tamén oculta que durante estes dous anos a oposición mantivo reunións e fixo achegas para mellorar contratos e ordenanzas, moitas das cales foron incorporadas ás versións finais. Tampouco menciona que este goberno leva acumulados varios requirimentos da Valedora do Pobo e do Consello da Transparencia por non responder en tempo e forma ás solicitudes de información feitas pola oposición, un feito moi grave que obstaculiza a función de control democrático.
E despois de todo isto, queda preguntarse: quen está realmente gobernando de forma destrutiva e quen traballa con responsabilidade, constancia e compromiso para mellorar Ortigueira?