MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG AO PLENO DO CONCELLO SOBRE A SITUACIÓN DO TRANSPORTE POR ESTRADA NA COMARCA

A moción foi aprobada por 7 votos a favor do BNG,PSOE e PO e abstención do PP (5) 

Nela ponse de manifesto “os evidentes incumprimentos” por parte das concesionarias e a “complicidade” da Xunta de Galicia, que non estaría esixindo que se respecten as condicións da adxudicación dun servizo que a empresa ten en rexime de “monopolio” e que, ademais, está cofinanciado polos concellos cunha achega de 350.000 euros anuais. 

Desde o BNG sempre acreditamos que o transporte colectivo de carácter público –baseado sempre no seu carácter inclusivo para todas as persoas usuarias- é un elemento fundamental á hora de vertebrar o noso país, cumprindo tamén un labor social á hora de democratizar o acceso ao transporte e garantir que áreas con complicacións engadidas na súa comunicación, poidan tela. Alén de este valor, o transporte público é de vital importancia á hora de facer máis sustentábel o desprazamento de persoas por estrada, polo que un bo servizo público de transporte axudará a reducir o número de vehículos persoais nas estradas e polo tanto as súas emisións, así como de accidentes ou colapsos e ruídos nos espazos urbanos.

Ao fío da instauración do último plan de transporte de Galiza, son milleiras as queixas de persoas usuarias, colectivos e traballadores ante este novo modelo no deseño das licitacións públicas e da súa execución ou posta en práctica. Este novo plan de transporte está a deixar na nosa comarca unha situación realmente caótica; con eliminación de horarios, itinerarios e paradas, cuestión que repercute negativamente na vida diaria da veciñanza. Este último plan de transporte de Galiza, ademais deixa fóra moita da poboación da comarca, á que o plan e os seus responsables non teñen nin en consideración, situación agravada pola falta de oferta de alternativa de transporte por parte de quen ten a competencia, a Xunta de Galicia.

Unha situación que deriva dos evidentes incumprimentos por parte da adxudicataria MONBUS, mais tamén da complicidade da Xunta; como responsábel da adxudicación do servizo e garante das clausulas que se explicitan nos mesmos. E cómpre lembrar que, para o desenvolvemento do transporte metropolitano na nosa comarca, asinouse un convenio hai dous anos –que deriva nunha importante aportación económica por parte dos concellos- no que se expresa coma un dos obxectivos fundamentais “…proceder á execución dunha serie de actuacions conxuntas que permitan o mellor desenvolvemento do transporte metropolitano no seu ámbito, como medidas de fomento de mobilidade sostible…”. Nada máis lonxe da realidade… Lonxe do cumprimento dos obxectivos fixados, o convenio resulta totalmente caótico: incumprimento de horarios e itinerarios, insuficiencia e malas condicións dos medios utilizados, carencias de persoal , etc….

Unha situación que levamos aturando desde hai tempo, e dun xeito indecente desde que a Xunta procedeu á nova adxudicación ao monopolio que representa a empresa MONBÚS; e que está a ser denunciada desde diversos colectivos e institucións, sen que se producise mellora algunha das deficiencias comentadas.

Con este panorama, resulta evidente que os obxectivos que se concretan no convenio asinado vai para dous anos –no que os concellos achegan en cada anualidade 2021-2024 máis de 350.000 euros- están a incumprirse por parte da Xunta, que é realmente a que ten que velar porque a/s empresa/s adxudicataria/s cumpran os seus contratos que, entendemos, deberían responder ao contido do convenio asinado cos concellos.

Neste contexto, e atendendo á defensa dos intereses das persoas usuarias e tamén á transparencia e obxectividade no referente ao destino dos fondos municipais que os concellos están a dirixir ao comprimento do convenio, e tendo presente a realidade dos concellos rurais, así como a lexislación competencial e o actual sistema de finaciamento municipal, solicitamos do Pleno do Concello a adopción dos seguintes 

ACORDOS

Primeiro. O Pleno do Concello de Ortigueira, á vista dos problemas que está a padecer o servizo de transporte público de viaxeiros da nosa comarca e que afecta directamente ao conxunto dos nosos veciños e veciñas, aacorda demandar da Xunta unha urxente solución á citada problemática; concretada especialmente no reforzo e adaptación de servizos en horas que demandan os colectivos de usuarias, co fundamental obxectivo de atender definitiva e acaídamente as necesidades de mobilidade da poboación da comarca, noemadamente as derivadas de razóns laborais, académicas, asistenciais, etc.

Segundo. Do mesmo xeito, demandamos que de existir, se revisen os convenios do Concello de Ortigueira coas empresas adxudicarias e que se esixa o cumprimento íntegro das condicións.

Terceiro. Instar á Xunta de Galicia a facer cumprir os pregos ás empresas adxudicatarias que prestan servizo no noso concello.

Cuarto. Instar á Xunta de Galicia a revisar e modificar os pregos para próximas convocatorias de transporte co obxectivo de mellorar o servizo prestado incentivando a contratación de pequenas empresas asentadas no rural, como viña facendo ata hai poucos anos.