#pleno
Plenos

Resumo Pleno extraordinario

Asuntos da convocatoria

1. Adhesión ao convenio marco de colaboración entre a Conselleria de Medio Ambiente e Cambio Climatico e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor (SRAP) de residuos de envases domésticos lixeiros e de papel carton dun só uso

2. Proxecto Restauración das marismas da ensenada de Mera na ría de Ortigueira

Ler novas
Plenos

Pleno Ordinario do mes de xullo de 2025

No pleno ordinario de xullo de 2025, celebrado o 6 de agosto de 2025, participaron 10 concelleiros e concelleiras: 5 do Goberno Municipal do PP, 2 do PSOE-PSdG, 2 de P.Orti e o noso concelleiro e portavoz municipal, Marco Schaal (BNG).
Ler novas
Vídeo

Pleno Ordinario de data 06.08.2025

No pleno ordinario de xullo de 2025, celebrado o 6 de agosto de 2025, participaron 10 concelleiros e concelleiras: 5 do Goberno Municipal do PP, 2 do PSOE-PSdG, 2 de P.Orti e o noso concelleiro e portavoz municipal, Marco Schaal (BNG).

 

Ler novas
Vídeo

Pleno Extraordinario do 14 de maio de 2025 (9:00h)

1.- LIQUIDACIÓN ORZAMENTARIA

Non houbo debate nin votación.

Mais queremos dicir que desde o BNG criticamos o triunfalismo do Goberno Municipal ante a liquidación orzamentaria, denunciando que os máis de 3 millóns de remanente e o superávit non se traducen en melloras reais para a cidadanía. Fáltalles planificación, execución e, sobre todo, transparencia.

Propostas do BNG:

  • Plan integral de mellora de servizos sociais.

  • Reforzar o Servizo de Atención no Fogar (SAF) e mellorar as condicións laborais.

  • Plan de mantemento e conservación de infraestruturas (beirarrúas, pistas, espazos públicos).

  • Plan urxente de recuperación dos importes de dubidoso cobro.

  • Maior transparencia e planificación real dos investimentos.


2.- MODIFICACIÓN DE CRÉDITO

Sae adiante cos votos a favor do Goberno Municipal (6) e a abstención da oposición 6 (BNG, PSOE-PSdG, P.Orti)

O BNG recoñece positivamente actuacións moi necesarias e que están incluídas na modificación e que levamos meses solicitando (mellora da depuradora de Espasante, reparación do muro de San Roque, arranxo de rúas e pistas en todas as parroquias,...).

Con todo, denunciamos a falta de transparencia, improvisación e desorde, como a inclusión de partidas xenéricas sen xustificación, desgloses que non coinciden co total que se quere gastar ou documentación entregada a escasas horas de celebrarse o pleno para a súa revisión.

Propostas do BNG:

  • Separar por bloques as partidas para poder votar con criterio.

  • Entregar a documentación en tempo e forma.

  • Planificación seria e agrupación dos gastos por temática.

  • Fiscalización clara das partidas, especialmente as máis cuantiosas.


3.- RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL

Sae adiante cos votos a favor do Goberno Municipal (6) e a abstención da oposición 6 (BNG, PSOE-PSdG, P.Orti)

Somos coñecedores de que en moitos concellos e outras administración é necesario botar man dos recoñecementos extraxudiciais de crédito, pero que deberían de ser excepcionais. En Ortigueira e baixo o Goberno Calvín-Rego convertéronse en norma e forma de gobernar. Isto só amosa improvisación e falta de control orzamentario, ademais de non contar cun orzamento elaborado polo actual goberno e baseándose nun que consideraban nefasto para Ortigueira. Levan case 2 anos de mandato.

Propostas do BNG:

  • Un modelo de xestión ordenado e planificado.

  • Orzamentos propios e actualizados, fronte á prórroga do de 2022 que consideraban nefastos.

  • Apoiamos o pago aos provedores sen avalar a desorde actual.

 

4.- RECOÑECEMENTOS COMPATIBILIDADE LABORAL

Votamos a favor de todas.

Ler novas
Vídeo

Pleno ordinario de data 03.02.2025

No pleno deste luns, 3 de febreiro, o BNG, a través do seu portavoz Marco Schaal, volveu defender unha política rigorosa e centrada na veciñanza, fronte a un goberno do PP que insiste en gobernar con improvisación e sen aceptar melloras nas propostas que trae ao debate. Desde o noso grupo, presentamos alternativas concretas para garantir que as decisións municipais sexan xustas, viables e transparentes. Lonxe de ser unha oposición de bloqueo, traballamos para que Ortigueira avance, pero atopámonos cun goberno que segue instalado na opacidade e na falta de planificación.

🔹 Ordenanza fiscal – O PP queda en minoría e a ordenanza non sae adiante
O goberno do PP tratou de aprobar unha ordenanza fiscal sen garantías nin diálogo, pero quedou en minoría e a súa proposta foi rexeitada. BNG, PSOE (4) e Primeiro Ortigueira (2) votamos en contra, sumando 7 votos fronte aos 6 do PP.
Desde o BNG, denunciamos a falta de transparencia no proceso, xa que as alegacións presentadas foron rexeitadas sen unha resolución formal do Pleno, como esixe a lei. O noso grupo presentara propostas para mellorar o texto, incluíndo bonificacións para persoas en situación de vulnerabilidade e a regularización previa do servizo do GES antes da aplicación da taxa, para evitar incertezas legais. O que pasou foi que o goberno municipal se negou a calquera debate, insistindo en aprobar unha ordenanza defectuosa. O resultado da votación deixa claro que non poden seguir gobernando como se tivesen maioría absoluta cando non a teñen.

🔹 POS+ 2025 – Obras necesarias, pero con lagoas preocupantes
O plan inclúe investimentos en infraestruturas que levamos tempo reclamando, como saneamento en Loiba, Céltigos-Viso, Espasante ou Senra (que non se incluíu). Aínda así, o goberno excluíu proxectos fundamentais como a beirarrúa da residencia Dolores Díaz Dávila que ten unha moción aprobada por unanimidade para a súa realización, ou a estabilización do muro de San Roque, a pesar de ser unha das prioridades recoñecidas polo propio executivo cando estaba na oposición.
Ademais, denunciamos a falta de transparencia na sinatura dun convenio con Portos de Galiza, que obriga ao Concello a asumir gastos en infraestruturas sen ningunha contraprestación ou “levantando un reparo” sen ningún tipo de xustificación ou informe técnico que xustifique esta decisión. O alcalde, como xa é costume, non responde a ningunha das preguntas formuladas polo BNG e prefire levar as respostas a atacar o pasado en canto de pensar no presente e futuro de Ortigueira. O plan foi aprobado cos votos do PP, mentres que BNG, PSOE e PO abstivémonos para non bloquear as actuacións necesarias.

🔹 Convenio da piscina – Un problema estancado desde polo menos o 2015
O BNG considera fundamental garantir a continuidade do servizo da piscina e das instalacións deportivas, tanto polo seu valor social como polo mantemento dos postos de traballo. Porén, o contrato susténtase nun problema enquistado: xa en 2021 había informes desfavorábeis de Intervención e Secretaría alertando da falta de concesión administrativa dos terreos da piscina, unha situación que en realidade vén de antes de 2015.
Finalmente, o contrato saíu adiante cos votos do PP (5) e PO (2), mentres que BNG (1) e PSOE (3) nos abstivemos.

🔹 Ano Castelao 2025 – Un recoñecemento que supera siglas
A moción presentada polo BNG para conmemorar o Ano Castelao en 2025 recibiu un respaldo amplo, demostrando que recoñecer a nosa historia e identidade non debería ser motivo de división. A proposta foi aprobada co apoio do BNG (1), PSOE (3), PO (2) e mesmo da concelleira de Sanidade, Educación e Cultura do PP. O resto do grupo de goberno do PP (4) optou pola abstención.
Marco Schaal deixou claro que Castelao é unha figura de todas e todos, e que recoñecelo é un acto de dignidade, non unha cuestión partidista. A diferenza doutras institucións gobernadas polo PP que tentan minimizar o seu legado, aquí conseguimos que Ortigueira forme parte desta celebración nacional.

📌 Outros datos do pleno
Ao longo da sesión, abandonaron o pleno a concelleira de Servizos Sociais e un dos concelleiros do PSOE, situación que non influíu nas votacións dalgúns puntos.

 

 BNG trasladou varias peticións ao goberno municipal, poñendo sobre a mesa demandas que veñen da veciñanza e que seguen sen resposta:

✅ Limpeza e mantemento dos espazos públicos – Rogamos, unha vez máis, unha mellora na limpeza en Espasante, Santa Marta e parroquias do Concello. Hai queixas continuas sobre colectores en mal estado, beirarrúas deterioradas e parques infantís que precisan revisión e limpeza.

✅ Nome do noso grupo na web municipal – Levamos 14 meses esperando que se corrixa o nome do BNG e do noso portavoz na web do Concello. Mentres tanto, modificouse rapidamente o nome dunha concelleira do PSOE. Desidia ou mala fe?

✅ Estado da EDAR de Espasante – Preguntamos polas medidas que se están tomando para garantir o bo funcionamento da depuradora, tras os problemas que afectaron a Praia da Concha. 

✅ Piscina do Salgueiro – Volvemos preguntar cando se resolverá a situación do valado que invade a beirarrúa desde hai máis de 20 anos e o edificio inacabado que xa é coñecido como “a piscina do Salgueiro” ou “a pequena Venecia”. Seguimos sen respostas.

✅ Oferta cultural – A axenda cultural en xaneiro foi case inexistente. O goberno segue sen propostas propias e dependen unicamente das asociacións. Preguntamos que pensan facer pero non houbo resposta.

✅ Convenios coas asociacións – Un ano despois de preguntar por eles, seguimos sen información.

✅ Orzamentos 2025 – O alcalde dixo en novembro que en 15 días habería un borrador. Pasaron meses e seguimos co orzamento prorrogado de 2022. Incapacidade ou falta de vontade?

✅ Servizo de Axuda no Fogar (SAF) – Hai un informe de Inspección de Traballo que confirma unha mala xestión e falta de traballadoras sociais. Preguntamos que medidas se están tomando, pero o goberno do PP segue sen dar solucións.

✅ EMCO e estabilización de postos de traballo – Preguntamos se os postos de traballo se estabilizaron correctamente e quen asumirá as indemnizacións e a responsabilidade no caso de que houbese erros. 

✅ O Concello adheriuse á Plataforma Queremos Galego? – Preguntamos se o Concello cumpriu coa moción aprobada en novembro de 2024, que incluía este acordo.

✅ Axudas escolares – Preguntamos como se xestionaron, xa que moitas familias non se enteraron ao non publicarse en redes nin en canles oficiais. 

Ler novas
Vídeo

Pleno extraordinario de data 03.01.2025

O BNG de Ortigueira critica a xestión do goberno municipal e reitera o seu compromiso coa veciñanza

No pleno extraordinario do Concello de Ortigueira, celebrado o 3 de xaneiro, abordáronse dous puntos principais na orde do día: a aprobación do POS+ Adicional e a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra o proxecto eólico PE Barqueiro.

No primeiro punto, relativo ao POS+ Adicional destinado aos Servizos Sociais, aprobouse a proposta cos votos a favor do PP (4) e a abstención dos grupos da oposición (6). Durante o debate, puxemos o foco na falta de execución da proposta similar aprobada o ano pasado, que incluía a adquisición de camas articuladas e grúas para persoas dependentes.

O noso portavoz, Marco Schaal, subliñou a urxencia destas medidas, denunciando que a día de hoxe hai grúas almacenadas sen entregar e dúas persoas en lista de agarda para camas articuladas. Preguntou con insistencia polo motivo deste atraso e reclamou un calendario claro para a entrega do material pendente, tanto o aprobado o ano pasado como o que se discutía no pleno de hoxe

Ademais, destacamos que a proposta actual debe ir máis aló, incidindo na importancia de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para atender unha demanda crecente e aliviar a carga das familias, especialmente das mulleres que asumen maioritariamente os coidados. Tamén reclamamos un maior número de camas articuladas, xa que, tal e como se recolle nos datos, existe unha lista de agarda activa e unha necesidade real que non está sendo cuberta na súa totalidade.

Marco Schaal tamén sinalou que, malia apoiar as medidas propostas, o goberno municipal segue ignorando outras liñas recollidas nas bases do POS, como as axudas de emerxencia social, o reforzo do persoal técnico ou medidas destinadas a facilitar a conciliación familiar. Reclamou un enfoque máis integral e ambicioso que poña os recursos ao servizo das necesidades reais da veciñanza.

Fronte a estas preguntas, o alcalde limitouse a responder que a situación se resolvería "no menor prazo posible", sen entrar en detalles nin ofrecer explicacións. Esta resposta foi duramente criticada, sendo cualificada como unha mostra máis da ineficiencia e falta de transparencia do goberno municipal.

Ademais, durante este punto, a portavoz do PP afirmou que "non tiña nada que aportar ou dicir", demostrando, ao noso entender, un total desinterese nun tema tan importante e urxente para a veciñanza.

No segundo punto, relativo ao recurso contencioso-administrativo contra o proxecto PE Barqueiro, a proposta foi aprobada por unanimidade. Desde o BNG destacamos a importancia de defender o territorio fronte a proxectos que priorizan os intereses externos fronte ao benestar local. Aínda así, criticamos que o goberno municipal non presentase previamente un recurso de alzada, acción que consideramos fundamental para esgotar todas as vías administrativas dispoñíbeis.

Seguiremos esixindo unha maior previsión e transparencia nos procesos administrativos, defendendo os intereses de Ortigueira e promovendo unha xestión máis eficaz e comprometida. Este pleno foi unha nova oportunidade para demostrar que o BNG está do lado da veciñanza, traballando con firmeza para atender as súas necesidades e protexer o seu futuro.

Resultados das votacións:

  • Punto 1 (Aprobación do POS+ Adicional): Aprobado cos votos a favor do PP (4) e a abstención do resto dos grupos (6).
  • Punto 2 (Recurso contencioso-administrativo contra o PE Barqueiro): Aprobado por unanimidade.
Ler novas
Vídeo

Resumo do Pleno Ordinario do mes de novembro de Ortigueira

 

  O útimo pleno municipal abordou cuestións de grande relevancia para Ortigueira. O BNG destacou unha vez máis o seu compromiso coa transparencia, a xestión responsábel e a defensa dos intereses da veciñanza, ao tempo que criticou a constante improvisación do goberno local, que continúa xestionando asuntos cruciais de forma opaca e desorganizada.

  Antes de inciar o pleno, a corporación municipal gardou un minuto de silencio polo pasamento do concelleiro José Antonio Monteagudo. Desde o BNG, unha vez máis, trasladamos o noso pésame e apoio ao Partido Popular, familia e achegados nestes momentos difíciles.

Punto 1: RECLAMACIÓN DE REINTEGRO DE GASTOS XUDICIAIS

 O goberno local PP-XA, a pesar de criticar a indemnización e o alto custe da mesma, decidiu absterse nun punto clave, eludindo as súas responsabilidades. Durante o debate, o portavoz do BNG fixo referencia a informes contraditorios entre a Intervención e a Secretaría Xeral, polo que entre outras cousas, solicitou o adiamento do punto para garantir unha toma de decisións fundamentada en criterios legais, proposta que foi ignorada polo executivo municipal.

Proposta do BNG:

  • Redactar un regulamento que permita tomar decisións con base legal e transparente, para evitar futuras controversias.

Resultado da votación: O BNG, PSOE e PO votaron en contra, mentres o goberno optou pola abstención.

 

Puntos 2 e 3: MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA MEDIANTE CRÉDITO EXTRAORDINARIO e RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITOS

   O debate destes puntos, relacionados co pago de facturas pendentes, foi adiada debido á falta de xustificación clara dalgúns gastos e aos reparos do departamento de intervención.

  • Subliñouse a necesidade de explicar detalladamente os conceptos pendentes de pago, priorizar aos provedores locais e corrixir as deficiencias detectadas.

  • Criticouse a falta de planificación e a opacidade do goberno local na xestión económica.

 

Punto 4: MOCIÓN DO PP SOBRE TAXAZO MUNICIPAL XESTIÓN RESIDUOS

Aprobada. O portavoz do BNG destacou que o texto presentado polo PP era un modelo estandarizado sen adaptar a Ortigueira, con erros evidentes que mostraban falta de traballo e preocupación real.

   O noso portavoz municipal, Marco Schaal, criticou que o PP presentase unha moción que só busca trasladar a culpa ao Goberno central, ignorando o papel da Xunta na suba do canon de SOGAMA, ademais de que o BNG xa presentara unha moción en xullo deste ano tratando este tema.

   Lembrou que o modelo actual, imposto polo PP na Xunta, é caro, centralizado e insustentábel, que prioriza a incineración fronte a alternativas máis ecolóxicas.

Propostas do BNG:

  • Impulsar a compostaxe de proximidade e a reciclaxe.

  • Reducir a dependencia de SOGAMA a través dun modelo descentralizado de xestión de residuos.

  • Solicitar que a recadación do imposto de residuos reverta na totalidade nos concellos para facilitar a transición a modelos máis sustentables.

  • Potenciar a cooperación intermunicipal para abaratar custos e mellorar a eficiencia.

 

Punto 5: MOCIÓN DE PO INTERESADO NA REDACCIÓN DUN PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS

   Aprobada por unanimidade, esta moción buscaba establecer un plan estratéxico de subvencións e convenios para apoiar ás asociacións locais. O BNG recoñeceu a importancia do tema, pero non deixou de sinalar as carencias do goberno municipal neste ámbito, destacando a súa histórica inacción.

   Marco Schaal recoñeceu a boa intención da moción, pero apuntou directamente á realidade do goberno municipal, "o goberno semella ese amigo que sempre di 'mañá comezo a facer deporte', pero nunca pasa de 'mañá'”.

   Subliñou o incumprimento de compromisos básicos, especialmente o caso das axudas escolares, anunciadas reiteradamente como "inminentes" e que saíron o día anterior ao pleno, 6 meses despois, deixando claro que o goberno actúa por reacción e non por planificación.

   Tamén houbo críticas á falta de concreción da proposta de PO, advertindo que, sen planificación orzamentaria nin prazos reais, esta moción podería quedar nunha declaración de intencións sen efectos prácticos, lembrando que “en 2023, preguntamos polos convenios e subvencións, e a resposta foi escorrer o bulto. Un ano despois, seguimos igual”.

Propostas do BNG

Máis alá das críticas centras nas formas de actuar e traballar do goberno municipal, o BNG sempre vai propoñer ideas e solucións :

  1. Planificación orzamentaria concreta, con partidas destinadas a cultura, deporte, asociacións e axudas sociais.

  2. Sistema de subvencións accesíbel para que tamén as pequenas asociacións e as das parroquias poidan beneficiarse.

  3. Cumprimento de prazos en todas as iniciativas, evitando a demora habitual.

 

Marco Schaal destacou que non se pode seguir permitindo a parálise do goberno municipal e rematou cunha reflexión: "Non podemos quedarnos nas promesas ou no 'mañá'. As propostas teñen que materializarse. É hora de facer, non de esperar”.

 

Punto 6: MOCIÓN DO BNG RELATIVA Á SITUACIÓN DO IDIOMA PROPIO DA GALIZA

   Aprobada cos votos do BNG, PSOE, PO e XA, e coa abstención do PP. Esta iniciativa busca dinamizar o uso do galego e fomentar o consenso arredor do seu valor como parte esencial do noso patrimonio cultural.

 

Punto 7: MOCIÓN DO BNG SOLICITANDO CUBRIR, ADAPTAR E GARANTIR A INCLUSIVIDADE NOS PARQUES INFANTÍS

   Aprobada por unanimidade, esta moción presentada polo BNG buscaba mellorar as infraestruturas dos parques infantís no concello, propondo a súa cobertura para garantir o uso durante todo o ano e facilitar espazos inclusivos e accesíbeis para todas as crianzas.

   Schaal destacou a importancia de responder a unha queixa recorrente das familias orteganas sobre o mal estado e a falta de mantemento dos parques, así como a limitación de uso pola climatoloxía adversa: "Sabemos que as chuvias e os ventos en Ortigueira obrigaron durante moito tempo ás crianzas a renunciar a espazos que son vitais para a súa aprendizaxe, socialización e lecer. Esta é unha realidade que podemos e debemos cambiar”.

   Remarcou que esta proposta non é unha utopía, senón unha solución concreta e viábel, baseada en exemplos próximos: "En Ribeira, cubriron un parque infantil cunha estrutura téxtil por 97.000 euros financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña. Por que en Ortigueira non podemos facer o mesmo? Temos acceso a ese mesmo plan, ás axudas da Xunta e aos fondos Next Generation EU para proxectos públicos sustentábeis."

   AA intervención fixo énfase no potencial transformador desta iniciativa, defendendo que era posible dispoñer de parques accesíbeis tamén para crianzas con diversidade funcional, co único requisito de que o goberno municipal asumise o compromiso de traballar pola súa execución.

Schaal fixo un chamamento ao consenso, apelando ao impacto positivo que esta medida tería nas crianzas e nas súas familias: "O futuro deste concello constrúese coas decisións que tomamos hoxe, e decidir cubrir os parques infantís en Ortigueira é apostar polas nosas crianzas e polas súas familias”.

   A aprobación unánime da moción reflicte o recoñecemento da corporación á necesidade desta medida, quedando agora na man do goberno municipal executar a proposta co apoio dos fondos dispoñíbeis.

 

Punto 8: MOCIÓN DO BNG RELATIVA Á REIVINDICACIÓN DO 25N

    Aprobada cos votos favorábeis de BNG, PSOE, PO e XA e a abstención do PP, a moción presentada polo BNG recoñece que, mentres exista unha soa muller vítima da violencia machista, como sociedade estaremos fallando colectivamente.

   "Desde 2003, case 1.300 mulleres foron asasinadas pola violencia machista no Estado español, 72 delas aquí, na Galiza. E, si, cada unha destas mortes é un fracaso colectivo que non podemos aceptar como parte do día a día."

   Referíndose á situación local, subliñou que en Ortigueira e na comarca do Ortegal tamén hai mulleres que sofren violencia de xénero, e que a resposta institucional debe ser reforzada: "estas mulleres precisan atención psicolóxica, apoio económico e garantías de seguridade. Pero o noso CIM está insuficientemente dotado para ofrecerlles todo o que precisan. Por iso, nesta moción propoñemos reforzar os seus recursos con máis persoal e unha ampliación orzamentaria para permitir unha atención integral."

   A intervención recolleu tamén unha proposta fundamental: “Solicitamos a creación dunha partida específica de axudas directas para mulleres vítimas de violencia de xénero no noso municipio. Non estamos a falar de grandes cifras; estamos a falar de garantir recursos que poidan cambiar vidas, de protexelas."

   No ámbito galego, denunciouse a intención do goberno do PP de privatizar os centros de crise 24 horas, precarizando un servizo esencial que debería ser público e universal. Desde o BNG reiteramos a importancia de priorizar políticas efectivas en recursos, prevención e apoio.

   Schaal rematou a intervención cunha chamada á responsabilidade colectiva:Hoxe lembramos ás mulleres que non están, pero tamén asumimos unha responsabilidade: facer todo o que estea na nosa man para que ningunha máis teña que sumar o seu nome á lista negra da violencia machista”.

A aprobación da moción é un recoñecemento da corporación á necesidade de reforzar os recursos e o compromiso municipal contra a violencia machista, quedando agora pendente a materialización das medidas propostas.

 

Punto 9: MOCIÓN SOBRE A REXENERACIÓN DE MOROUZOS

   Aprobada cos votos de PSOE, PP e XA, coa abstención de PO e o voto en contra do BNG. A moción sobre a rexeneración de Morouzos xerou un intenso debate, no que o BNG criticou duramente as formas do Goberno Municipal.

   O noso portavoz subliñou a importancia de preservar os ecosistemas dunares, mais cualificou como inaceptábel a xestión deficiente e a falta de transparencia que caracterizaron este asunto. Lembrou que o goberno local tiña coñecemento desde o 12 de novembro da necesidade de aprobar o proxecto en pleno, mais ignorou esta obriga procedemental, presentándoo como unha urxencia o día anterior, sen dar marxe para o debate ou o estudo da documentación.

   Desde o BNG cuestionamos a falta de rigor técnico e esiximos aclaracións sobre aspectos clave, como a existencia de informes de impacto ambiental e os criterios que garantan que as actuacións serán efectivas e non repetir erros, como os xa vistos en Morouzos, a praia da Basteira en Cariño ou no río Mera.

Por todo isto, o portavoz solicitou a dimisión da concelleira responsábel pola reiterada falta de transparencia e o incumprimento dos procedementos democráticos.

   Desde o BNG reiteramos o noso compromiso cos proxectos que protexan o patrimonio natural, mais advertimos que non toleraremos que causas tan importantes sexan xustificación para malas prácticas administrativas. "O respecto polo medio ambiente comeza polo respecto á cidadanía e aos seus representantes”, concluíu Schaal, votando en contra para denunciar as formas impropias desta xestión.

 

Punto 10: DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA OS MACRO PROXECTOS EÓLICOS NA COMARCA DO ORTEGAL

   O BNG está totalmente de acordo co contido da declaración, que defende o noso territorio fronte a un modelo enerxético abusivo e depredador. Apoiaremos sempre a loita polo rural vivo e o respeto á veciñanza, porque non queremos que se siga impoñendo un modelo que afoga ás comunidades locais e beneficia só ás grandes empresas.

   Opoñémonos ás formas do goberno, que, a pesar de ter semanas para preparar esta declaración, optou por traerla ao pleno como urxencia sen pasar antes pola comisión. Isto demostra improvisación e falta de respecto aos procesos democráticos. A urxencia non vén do contido, senón da deficiencia organizativa do goberno que contaba coa declaración institucional desde fai semanas.

   Aínda que apoiamos o fondo da declaración, o goberno local debería respectar os tempos e a transparencia. O BNG está aquí para esixir un mellor goberno, e con estas formas, está moi lonxe de conseguilo.

 

Rogos e preguntas

 O BNG trasladou varias inquietudes veciñais sobre o estado das infraestruturas e a xestión municipal, quedando pendentes as respostas do goberno para o pleno ordinario de xaneiro.

 

   En definitiva, o pleno evidenciou unha vez máis a falta de planificación e transparencia do goberno local, que segue improvisando en cuestións clave e saltándose os acordos adoptados na celebracións das comisións e dos plenos. Pola contra, o BNG reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza, presentando propostas concretas para mellorar a xestión económica, dinamizar a cultura galega e garantir un futuro sustentábel para Ortigueira.

Ler novas
Novas

O BNG de Ortigueira esixe melloras urxentes nos parques infantís do concello para garantir a seguridade e a calidade de vida da infancia e mocidade

Tras atender as queixas das familias polo mal estado dos parques infantís, o BNG presentará unha moción no pleno para esixir ao Concello melloras urxentes. Entre as propostas destacan a reparación das estruturas de xogo, a creación dun programa de mantemento regular, a cubrición para protexelas das inclemencias meteorolóxicas, a adaptación para a accesibilidade universal e a inclusión de xogos multisensoriais.

Ler novas
Vídeo

Pleno ordinario 27/09/24

Participaron 11 dos 13 concelleiros do pleno municipal de Ortigueira, o concelleiro Marco Schaal do BNG, os 5 do Goberno Municipal, 3 do PSOE e os 2 de PO.

Expediente 1516/2024: Aprobación inicial da ordenanza fiscal nº 39 sobre taxa polos servizos de emerxencias, prevención e extinción de incendios e salvamento
Votación: Goberno Local (a favor), BNG, PO, PSOE (abstención).
 O pleno aprobou inicialmente a ordenanza fiscal para a taxa polos servizos de emerxencias, prevención e extinción de incendios e salvamento, cos votos a favor do Goberno Local e a abstención do BNG, PO e PSOE. Desde o BNG indicamos que a proposta tiña un futuro incerto debido á falta de regularización legal e que antes de impoñer a taxa, sería necesario que o goberno explicase como pensaba regularizar este servizo, que carecía de base legal e operativa clara. Dada a falta de aclaracións do goberno, o BNG optou pola abstención.

Expediente 1770/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 42/2024 (Facturas)
Votación:
Goberno Local (a favor), BNG, PO, PSOE (abstención).
 A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e a abstención dos demais grupos. Seguimos lamentando que o goberno local non presentase solucións para mellorar a xestión financeira do concello, a pesar de termos proposto medidas como a división de facturas en lotes ou a creación dunha comisión de seguimento do gasto, un borrador de orzamento ou un plan financeiro-económico para os meses que quedan de ano. A falta de acción do goberno levounos a absternos nesta votación. Con todo, a responsabilidade da situación que vive o Concello de Ortigueira cos seus proveedores é exclusivamente do goberno local, que non aborda os problemas de xestión financeira nin ten intención de diálogo ou chegar a acordos coa oposición.

Expediente 1807/2024: Recoñecemento Extraxudicial de Créditos
Votación:
Goberno Local (a favor), BNG (en contra), PO, PSOE (abstención).
  O recoñecemento extraxudicial de créditos foi aprobado cos votos a favor do Goberno Local, a abstención do PO e do PSOE, e o voto en contra do BNG. A pesar de absternos na modificación de crédito, rexeitamos a proposta deste recoñecemento debido a que o goberno non acepte ningunha das nosas suxestións para mellorar a xestión orzamentaria e evitar a acumulación de modificacións e recoñecementos extraxudiciais. Esta acumulación é unha mostra máis de mala xestión,  xa que nun concello ben administrado non serían necesarias tantas rectificacións.

Relacionado: comunicado conxunto

Expediente 1958/2024: Moción do Partido Popular sobre a situación política de Venezuela
Votación:
Goberno Local, PSOE (a favor), BNG, PO (abstención).
 A moción sobre a situación política de Venezuela foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e do PSOE, mentres que o BNG e PO se abstiveron. O BNG cuestionou a pertinencia de tratar un tema de política internacional nun pleno municipal, considerando que o enfoque debería estar nos problemas locais de Ortigueira. A moción presentada polo PP non resolve os problemas urxentes da nosa veciñanza e sirve como cortina de fume e de distracción para non falar da súa mala xestión ou para non falar dos problemas municipais, como a sanidademacroparques eólicos, a calidade da comida na residencia de maiores ou o servizo deficiente do transporte público (por estrada e ferrocarril). En consecuencia, optamos pola abstención.

Expediente 1957/2024: Moción de Primeiro Ortigueira sobre queixas pola calidade da comida na residencia de anciáns
Votación:
BNG, PO, PSOE, 1 concelleiro do Goberno Municipal (a favor), 4 concelleiros do Goberno Municipal (abstención).
  A moción foi aprobada con maioría de votos a favor, incluíndo os do BNG, PO, PSOE e unha concelleira do Goberno Municipal, mentres que outros catro concelleiros do Goberno Municipal se abstiveron. Desde o BNG apoiamos esta moción debido ás numerosas queixas sobre a calidade da comida na residencia de maiores Dolores Díaz Dávila. Asimesmo, defendemos a necesidade de cambios estruturais na alimentación, substituíndo a comida requentada por comida fresca preparada diariamente nas instalacións da residencia. Tamén se solicitou a utilización de produtos locais para beneficiar a economía circular e apoiar así o mantemento ou creación de novos postos de traballo no noso municipio ou comarca.

Expediente 1952/2024: Moción do BNG sobre a ordenanza de estacionamento e pernocta de vehículos en Ortigueira
Votación:
Aprobada por unanimidade.
 A moción foi aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais. Con esta nova ordenanza preténdese regular o estacionamento e a pernocta de vehículos en Ortigueira, o que mellorará a xestión do espazo público, atendendo a unha demanda da veciñanza. 

Expediente 1996/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 52/2024
Votación:
Goberno Local, PSOE (a favor), BNG, PO (abstención).
 A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e do PSOE, e a abstención do BNG e PO. De novo, criticamos a falta de previsión e planificación do goberno local e que non tomara medidas preventivas para renovar o contrato de renting dos equipos informáticos, que expirara en agosto de 2023. Consideramos necesario a renovación do equipamento tecnolóxico, pero ante a falta de transparencia nas comisións previas, a falta de previsión e considerando que esta urxencia non se xustificaba por imprevistos, senón pola mala planificación do goberno local, optamos pola abstención.

Expediente 1995/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 51/2024
Votación:
Goberno Municipal (a favor), BNG, PSOE, PO (abstención).
 A modificación orzamentaria para a reparación da cuberta traseira do Teatro de Beneficencia foi aprobada cos votos a favor do Goberno Municipal e a abstención dos demais grupos. Recoñecemos a importancia e a urxencia desta obra para garantir a conservación do teatro, pero suxerimos que este tipo de proxectos deberían planificarse con máis antelación para evitar depender de modificacións orzamentarias constantes e buscar outras vías de financiamento. Criticamos tamén a utilización das modificacións de crédito como comodín para presionar á oposición para sacar adiante as propostas, ademais de non presentar ningunha das propostas nas comisións e tendo os orzamentos das obras desde fai varios meses atrás.

Expediente 1994/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 50/2024
Votación:
Goberno Municipal (a favor), BNG, PSOE, PO (abstención).
 A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Municipal e a abstención dos demais grupos. De novo recoñecemos a necesidade e urxencia da mellora do saneamento en Cuiña (e nas demais parroquias), pero advertimos que o orzamento presentado pola empresa, e que se aprobou polos votos do PP, non incluía custos adicionais como visados colexiais, levantamento topográfico ou estudos xeotécnicos, o que podería incrementar o prezo final da obra. Solicitamos claridade sobre se o goberno local contemplaba estas posíbeis variacións, pero ao non obter resposta, optamos pola abstención.

 

Ler novas
Vídeo

Pleno extraordinario de data 06.09.2024

Asistiron ao pleno 12 dos 13 concelleiros; o concelleiro do BNG (1), PO (2), PSOE (4) e PP (5). Sendo expulsado o portavoz do PSOE no primeiro punto.

1. Expediente 1401/2024: Aprobación 2ª Fase do POS ADICIONAL 2/2024

Votación: A favor PP (5), abstencións 6 (BNG, PSOE, PO).

A Deputación da Coruña outorgou a Ortigueira case 2,4 millóns de euros para mellorar o municipio, unha cantidade maior que a destinada a concellos con máis habitantes. Estes fondos permiten renovar camiños, mellorar centros sociais, áreas recreativas e renovar un camión de lixo. Incluso, a Deputación ofrece financiamento para pagar a débeda do concello coa propia Deputación. 

A pesar de todo, o goberno municipal do PP centrouse basicamente en asfaltar pistas e esqueceuse dos investimentos en saneamentos, a pesar de que cando estaban na oposición afirmaban que eran cruciais para a ría e o sector do mar. 

Abstivémonos para que as obras saian adiante, pois considerámolas necesarias polo benestar da nosa veciñanza.

2. Expediente 1770/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 42/2024.CE4 (Facturas)

Votación para adiar o punto: A favor 6 (BNG, PSOE, PO), en contra 5 (PP).

Desde o BNG volvemos advertir da grave situación financeira do concello baixo o goberno do PP, con facturas abultadas, ambiguas e pouco claras. Baseámonos no informe da Intervención do Concello que destaca os incumprimentos de estabilidade orzamentaria e que poderían obrigar a un Plan Económico-Financeiro a dous anos, tamén se incluía un "Reparo de Legalidade con Efectos Suspensivos". 

Non é algo novo, pois é unha situación que levamos denunciando nos últimos meses, con estes informes, demóstrase unha vez máis, a falta de control e desorganización na xestión das contas municipais, resultado de non presentar un orzamento adaptado á realidade actual do concello (estamos cun orzamento prorrogado de 2022, situación social e económica de postpandemia que nada ten que ver coa situación actual de 2024). 

Propuxemos que se adíase esta modificación de crédito, que se inicie un proceso de diálogo para elaborar un Plan Económico-Financeiro que estabilice as contas ata final de ano e que as facturas se volvan traer ao pleno ordinario de setembro, desmentindo ao alcalde que afirmaba que o pago se retrasaría outros 2-3 meses. 

É moi importante resaltar neste punto que a responsabilidade de comprometer gastos sabendo que non hai crédito suficiente ou con partidas esgotadas recae unica e exclusivamente no goberno municipal do PP.

 

3. Expediente 1807/2024: Recoñecemento Extraxudicial de Créditos

Non se tratou ao adiarse o punto anterior.

4. Expediente 1808/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 43/2024.CE5 (aparcamento Magdalena)

Votación: 11 a favor.

O BNG apoia a solicitude da veciñanza da Magdalena para a realización das obras de aparcamento solicitadas, respondendo así a unha demanda que se arrastra do mandato pasado.

5. Expediente 1809/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 44/2024.CE6 (adquisición terreo)

Votación: 11 a favor.

Apóianse investimentos en saneamento e abastecemento nas parroquias, incluíndo a compra de terreo para mellorar o abastecemento de auga da veciñanza de Loiba, Céltigos e O VIso. Resaltamos tamén a necesidade de abordar problemas persistentes como roturas de tubaxes ou de presión en Espasante ou de saneamentos incompletos en Senra, por poñer só dous exemplos. 

Evidentemente, somos conscientes de que non se pode abordar todo á vez, e haberá que ir aos poucos solucionando un porblema que se arrastra desde fai moitos anos e apoiaremos as renovacións dos abastecementos e saneamentos en todas as parroquias que o precisen.

6. Expediente 1814/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 45/2024.CE7 (contrato piscina)

Votación: A favor PP (5), abstención 6 (BNG, PSOE, PO).

Apoiamos a suba salarial das traballadoras da piscina, pero esiximos máis transparencia nos contratos e nas condicións económicas coa empresa adxudicataria. Xa na comisión presentamos preguntas e dúbidas ao respecto da “memoria económica” presentada e sobre algún dos puntos e que non foron respondidas. Polo que nun principio decidimos pediar adiar o punto. Tras as aclaracións no pleno, decidimos retirar esta proposta de adiar o punto, pero vixiaremos de preto a revisión dos contratos para asegurar unha xestión adecuada.

7. Expediente 1815/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 46/2024.CE8 (traxes GES)

Votación: 11 a favor.

Votamos a favor da renovación dos traxes dos GES, destacando que a responsabilidade da mala planificación e xestión recae exclusivamente no goberno municipal do PP, que demorou a adquisición sabendo que estaban caducados desde fai anos (no pleno de maio díxose que desde 2011 e na comisión desde o 2014). 

O goberno municipal, e máis concretamente o Sr. Alcalde, debería asumir as súas responsabilidades e pedir desculpas ao persoal do GES, á veciñanza e á oposición, como fixo o concelleiro de urbanismo ao declarar que incluiu tarde a documentación, e deixar de culpar á oposición pola súa mala xestión.

Ler novas
Vídeo

Pleno ordinario de data 26.07.2024

Expediente 1352/2023 - Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para a xestión da EDAR de Ortigueira 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Preguntamos se as obras de mellora e conservación incluídas no convenio afectarán ao canon que paga a veciñanza. Ademais, será necesario presentar unha ordenanza nun prazo máximo de 6 meses tras a aprobación en pleno.

 

Expediente 1550/2024 - Determinación dos días de festas laborais no Municipio de Ortigueira para 2025 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Os días propostos son o 4 de marzo, martes de Entroido, e o 29 de xullo, día de Santa Marta.

 

Expediente 6/2024 - Aprobación do proxecto modificado titulado Humanización Avda de Cuba 

Resultado da votación: Aprobado con 4 votos a favor (3 PP e 1 concelleira Rego Martínez do Grupo Mixto) e 7 abstencións (4 PSdG-PSOE, 2 PO e 1 BNG). 

Resumo: Sinalamos a importancia de aproveitar esta obra para realizar os saneamentos necesarios, instalar canles de telefonía e fibra para internet, e resolver problemas relacionados cos bolardos e o estacionamento de vehículos.

 

Expediente 1448/2024 - Ratificación da resolución de adhesión á central de contratación da FEGAMP 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Ratificouse a adhesión do Concello de Ortigueira ao Convenio da FEGAMP para a contratación do servizo postal e telegráfico, beneficiándose así de vantaxes e descontos para comunicarse coa cidadanía.

 

Expediente 1551/2024 - Moción do concelleiro Marco Schaal Orizales (BNG) para a construción dunha beirarrúa que facilite o acceso á Residencia de Maiores 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Solicitouse a construción dunha beirarrúa para mellorar o acceso ao Centro de Día e ao Centro Residencial de Maiores en Miñaño, ampliándoa até a entrada da Senda Litoral da Ría de Ortigueira. Esta infraestrutura é esencial para a seguridade e comodidade dos residentes e transeúntes, especialmente para as persoas usuarias. Inclúense propostas de saneamentos en Miñaño e a creación dun carril bici e peonil ao longo da circunvalación.

 

Expediente 1552/2024 - Moción do concelleiro Marco Schaal Orizales (BNG) relativa ao rexeitamento da suba do canon de Sogama e por un novo modelo de xestión de residuos 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Instouse á Xunta de Galiza a mellorar a xestión de residuos e apoiar aos concellos, propoñendo a distribución equitativa dos 12.100.000 euros do Fondo Adicional segundo as toneladas de residuos, a creación dunha comisión entre SOGAMA, Medio Ambiente, Facenda e FEGAMP para definir o Canon 2025 e a promoción da compostaxe individual ou comunitaria. Tamén se mencionaron campañas de sensibilización para reciclar e separar residuos.

 

Expediente 1125/2023 - Moción dos voceiros dos grupos municipais PSdeG-PSOE e PO e do concelleiro Sr. Schaal Orizales (BNG) relativa á modificación das datas de celebración do pleno e das comisións informativas 

Resultado da votación: Aprobada con 7 votos a favor de BNG, PSdG-PSOE e PO. 

Resumo: Desde o BNG, consideramos que establecer un día concreto para realizar as comisións e plenos mellora a organización e o traballo do persoal administrativo e dos concelleiros.

 

ROGOS E PREGUNTAS

1. Ante os problemas de aparcamento en época estival, con vehículos invadindo liñas amarelas, beirarrúas e vados, sobre todo nas zonas turísticas e parroquias concorridas, pregúntase: ten o Goberno Municipal algunha medida máis efectiva que o uso da paciencia dos residentes? Están contemplando a posibilidad de habilitar zonas de aparcamento no que queda de verán?

A Concelleira de Turismo, Sra. Rego, responde que levan meses traballando nestes asuntos. En Céltigos colocaron sinais que desapareceron e hai problemas despois do aglomerado ao quedar as cunetas moi altas. En Espasante que se dotaron zonas de aparcamento pero que o problema di "temos a manía de chegar ata o mesmo sitio, ela mesma incluída", polo que unha das zonas habilitadas sempre está baleira. En Loiba seguen tendo o mesmos problemas.

2. Considerando a problemática do aparcamento en verán, pregúntase por que desde a área de Turismo non se propuxo unha liña de buses estival que facilite o acceso á praia con horarios e frecuencias axeitadas. Ou quizais o plan é fomentar o exercicio coa busca de aparcamento?

A Concelleira de Turismo, Sra. Rego, responde que analizando os custes (sobre 7000€) e os históricos desas liñas, que non había demanda suficiente para implementar este servizo. Con todo considera que ir á praia é importante pero non é de primeira necesidade.

3. Nos últimos meses, numerosas veciñas e veciños trasladáronnos queixas da falta de limpeza nos colectores do municipio. Como e cando pensa o Goberno Municipal solucionar este problema?

Responde o Sr. Alcalde, Sr. Calvín, que os operarios lle dixeron que é porque a xente bota o lixo en bolsas rompen ou directamente sen bolsa.

4. Relacionado cos colectores, nun pleno anterior preguntamos polos colectores marróns, que deberían estar en servizo xa a principios de 2024. Comentouse que se buscaban solucións, pero ata agora non vimos ningún colector novo. Está o Goberno Municipal xestionando a súa adquisición e instalación?

Responde o Sr. Alcalde, Sr. Calvín, ofrecendo a mesma resposta que dera o Concelleiro de Obras no mes de marzo de 2024. Seguen en diálogo cos demais concellos da contorna para intentar mancomunar o servizo e reducir gastos.

5. Sobre as charlas realizadas a principios de ano, concretamente a de Espasante sobre a senda peonil e a recollida de residuos en Abasteira, a veciñanza pregunta: houbo algún avance?

Responde o Concelleiro de Obras, Sr. Ponce, dicindo que é un proxecto de máis de un millón de euro e inviábel de asumir por parte do Concello de Ortigueira. A solución ofrecida é facer un convenio coa Deputación da Coruña para que se faga cargo da maior parte deste gasto.

 

 

ROGOS E PREGUNTAS presentadas no pleno e que se responderán no seguinte pleno ordinario.

 

PREGUNTAS

  1. A raíz das publicacións nas redes sociais do Concello sobre o curso de socorrismo, onde afirmaron en tres ocasións que o curso rematara (18 de maio, 26 de maio e 8 de xuño), pregúntase: por que a bolsa de contratación non se fixo ata o 10 de xullo? E máis grave aínda, por que o servizo de socorrismo non estaba operativo para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, como historicamente SI se viña facendo cando se contrataban socorristas? Por favor, eviten repetir as declaracións do Sr. Alcalde do 12 de xullo, e expliquen cal foi o verdadeiro motivo.

 
  1. Relacionado co servizo de socorrismo nos areais do Concello de Ortigueira. A xente trasládanos as seguintes preguntas: por que hai unha caseta de socorristas que está afastada a máis de 200m do areal e que nin ten vistas á zona de baño e non está no areal con vistas ao mar? Por que o persoal ten que empregar paos ou outros utensilios para pendurar as bandeiras e avisar do estado do mar? Por que as zonas de baño vixiadas nas praias non conta cunha zona delimitada con boias amarelas como historicamente se realizaba? 

 
  1. O 29 de maio anunciouse unha inversión de 50.000 euros para a mellora da Residencia de Maiores de Ortigueira, coa contratación das obras a cargo do Concello. Pregúntase: Vai facer algo o Goberno Municipal sobre os problemas estruturais nos dormitorios, baños e illamento, ou quedamos só no anuncio? E como vai a contratación das obras para a residencia? 

 
  1. Sabemos que están ao tanto das numerosas queixas por parte das persoas usuarias sobre a comida na residencia. Incluso fixeron unha comida con representantes das Consellerías, supoñemos que foi unha experiencia gastronómica reveladora. Despois de escoitar as queixas dos residentes, poderían compartir connosco a súa opinión sincera sobre a comida que alí lles ofreceron?

Poden facer algo desde o Goberno Municipal para mellorar a calidade do servizo de cátering? Por exemplo, utilizar a cociña e o forno que xa teñen na residencia para preparar a comida a diario e así mellorar a calidade e satisfacer aos nosos maiores?

 
  1. Canto lle custa de media ao Concello de Ortigueira cada Km de roza de pistas?

 
  1. Despois do Festival Internacional  do Mundo Celta de Ortigueira e con Ortigueira e Luama con sinais e paredes pintadas, algunhas cunetas con lixo, varandas estropeadas (que xa eran de antes, pero agora aínda peor), e un sin fin de máis mobiliario público en mal estado. Ten pensado o goberno municipal algún tipo de actuación para a limpeza, mantemento e conservación dos espazos públicos?

  2. Pregunta sobre as publicacións que saíron esta semana sobre o Parques Eólicos Badulaque e Barqueiro. Teñen pensado presentar finalmente o recurso de alzada ou ir ao contencioso administrativo como dixeron e reafirmaron nos plenos do verán pasado?

 

ROGOS

 
  1. Rogamos que se aborde a necesidade de mellorar o mantemento do parque automobilístico do concello. Algúns vehículos véselle un evidente deterioro e, polo que nos comentan, necesitan atención urxente para garantir a seguridade e eficiencia dos nosos servizos.

 
  1. Sabemos que a axenda cultural de xullo do Concello de Ortigueira non é para tirar foguetes, pero aínda así, os paneis informativos das parroquias seguen atrapados en xuño. De novo, rematamos outro mes e os paneis aínda non foron actualizados. Parece que a desidia e o pasotismo que tanto criticaron no pasado agora é a súa especialidade. Solicitamos e rogamos, unha vez máis, que actualicen os paneis a tempo e informen á veciñanza sobre as actividades culturais mensuais.

 
  1. Pídese que se proceda á rehabilitación e limpeza dos parques infantís, tanto no casco urbán coma o das parroquias, pois a maioría están nun estado lamentábel de conservación. 

 
  1. Fixémonos eco das queixas da veciñanza de practicamente todas as parroquias do concello. Levan semanas pedindo que se rocen as pistas, hai quitamedos, sinais, etc que xa non se ven porque están tapados de maleza. Rogámoslles que fagan caso ás demandas da veciñanza e comecen as rozas das pistas.

 
  1. Relacionado co anterior, tamén rogamos que fagan un exercicio de mantemento e conservación na lagoa de San Martiño, pois a pasarela ten táboas en mal estado, hai tramos nos que faltan etc.

Ler novas
Vídeo

Pleno ordinario de data 30.05.2024

No último pleno municipal de Ortigueira, abordáronse os seguintes puntos:

  1. Expediente 1156/2024. Modificación Orzamentaria mediante Crédito Extraordinario/Suplemento de Crédito 27/2024CE-SC2

    • Resultado da votación: Aprobada cos votos a favor do goberno e en contra da oposición.

    • Detalles: O BNG volve criticar duramente as formas de actuar do goberno, destacando a falta de orzamentos actualizados, a mala xestión e a falta de diálogo. A pesar de apoiar o arranxo de centros sociais e a contratación de socorristas nas praias, a oposición non puido votar a favor debido á xestión deficiente do goberno. Subliñamos, como en anteriores ocasións, que esta situación poderíase ter evitado cunha mellor planificación e transparencia.

 
  1. Expediente 1130/2024. Adhesión a Declaración Institucional Día Nacional da Convención Internacional sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: Non houbo discusión sobre este punto, que contou co apoio de todos os grupos, demostrando consenso en cuestións de dereitos fundamentais.

 
  1. Expediente 1132/2024. Apoio ao Colectivo de Persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) Galegas

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: Similar ao punto anterior, non houbo controversia e foi aprobado por unanimidade, destacando a importancia de apoiar a aqueles que padecen esta grave enfermidade.

 
  1. Axudas Escolares

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: A primeira das 4 proposta do BNG. A moción presentouse para establecer e aumentar as axudas escolares, foi ben recibida por todos os grupos. Destacouse a importancia de garantir recursos para todas as persoas estudantes, especialmente as que estean en situacións desfavorábeis. Resaltouse a necesidade de elaborar e redactar as bases para conceder axudas escolares para o curso 2024-2025.

 
  1. Exención de Pago a Portos de Galiza

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: Proposta tamén do BNG, que buscaba aliviar a carga financeira do concello por mor dos canons e autorizacións cobrados por Portos de Galiza. A moción subliñou a necesidade de xestións máis transparentes e eficientes, e propoñíase a exención de tarifas para actividades de entidades locais e sen ánimo de lucro.

 
  1. Proposta da CIG

    • Resultado da votación: Aprobada cos votos do BNG, PSOE e XA, e coa abstención de PO e PP.

    • Detalles: A proposta buscaba mellorar as condicións laborais e combater a pobreza laboral, destacando a importancia de establecer un Marco Galego de Relacións Laborais. Destacouse a necesidade de protexer os dereitos laborais para afrontar os cambios no tecido produtivo e o impacto das novas tecnoloxías.

 
  1. Moción de Rexeitamento a ALTRI

    • Resultado da votación: Non aprobada.

    • Detalles: Só contou co voto favorábel do BNG. O PSOE e PO abstivéronse, mentres que PP-XA votaron en contra. A moción pretendía expresar o rexeitamento á instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei debido ao seu impacto ambiental e social negativo, destacando a falta de transparencia e os posíbeis prexuízos económicos e ambientais.

 
  1. Expediente 1209/2024. Modificación Orzamentaria mediante Crédito Extraordinario 28/2024.CE4

    • Resultado da votación: Considerada non urxente e, polo tanto, non se votou.

    • Detalles: A moción foi considerada non urxente debido a que a documentación foi presentada polo goberno do PP-XA escasas horas antes do pleno. Ademais, o propio informe achegado polo goberno municipal indicaba un incumprimento, sinalando un déficit orzamentario de -229.025,09 euros segundo a normativa SEC 2010. O BNG criticou novamente as formas do goberno, subliñando a mala xestión e a falta de previsión económica, o que nos está levando, según os propios informes do goberno, a situación financeira a un punto crítico.

Ler novas
Vídeo

Pleno Extraordinario 06/05/24

O luns 6 de maio celebrouse un Pleno Extraordinario para tratar os seguintes temas: catro modificacións orzamentarias e un recoñecemento extraxudicial de créditos. Todos os puntos saíron aprobados.


Xa sabiamos que, a pesar de ser modificacións orzamentarias para dotar partidas esgotadas ou con crédito insuficiente para poder pagar facturas pendentes a proveedores, o pleno volvería a centrarse en temas paralelos e que nada tiñan que ver cos asuntos prinicipais: un goberno instalado en facer oposición á oposición, de actuar como aquel goberno que tanto criticaron durante 4 anos de oposición destrutiva e hostil, lembrando sempre o pasado para o cal se remontan á primeira década dos 2000 (onde gobernaba o seu mesmo partido…) para intentar defender unha xestión, que desde o BNG consideramos, nefasta dos recursos económicos do Concello de Ortigueira. 


Todo isto poderíase ter solucionado cun orzamento actualizado e adaptado á Ortigueira actual. Ese orzamento que o propio alcalde dixo a principios de xaneiro de 2024 que estaba practicametne listo e para aprobarse a finais de xaneiro (publicitado polo propio goberno nunha entrevista nunha radio comarcal). A realidade é ben distinta: estamos a maio e non hai sequera un borrador do mesmo. Onte volveuse dicir aquilo de que “en 15 días” a oposición tería o borrador dos mesmos. Os prazos para debatelos son os que marca a lei e, de aprobarse e aplicarse, levaríanos a máis aló da segunda metade do ano 2024. Seguimos! 

É preciso comentar, que solicitamos por rexistro os orzamentos cos que xestionan o Concello e, de novo, ningunha sorpresa: silencio absoluto por parte do goberno municipal e unha vez máis non recibimos resposta e van 5. Así é como entenden a transparencia e o diálogo coa oposición. Seguimos!

Desde o BNG votamos en consecuencia e non nos opuxemos á aprobación das modificacións de crédito para pagar a proveedores ou de dotar de crédito á organización e desenvolvemento do Festival do Mundo Celta de Ortigueira.

Votamos a favor de dotar de crédito o arranxo dos pozos de auga na parroquia de Senra e lembramos que hai núcleos poboacionais que sofren baixa presión, rotura de tuberías e que tamén precisan actuacións urxentes. Aquí o propio goberno admitíu que se enteraron destes problemas grazas ao BNG e a exposición da problemática no pleno de agosto de 2023. Levaban 4 anos na oposición.

E, o último punto relacionado coa Rede Cultural da Deputación, que se incluíu despois da comisión económica e na que en ningún momento nos falaron sobre este tema e se o prazo xa estaba rematado para presentar a documentación e a xustificación dos gastos. Por que non o fixeron na comisión? Con todo, a intención non era votar en contra. Non porque non queiramos acceder á Rede Cultural ou porque o consideramos malo, todo o contrario: consideramos que as actividades ofertadas son insuficientes e hai moi poucas ou practicamente ningunha actividade dirixida á mocidade. Votamos en contra porque, coma se fose un presaxio do que ía acontecer, lembramos unhas palabras que dixemos ao principio do pleno: o contido é importante, pero a forma en que se fan as cousas, é tremendamente reveladora, o goberno dixo que presentaba un documento que non era real. Consideramos que isto superou outras intervencións dos concelleiros e das concelleiras do actual goberno e que deixaban en total evidencia ao goberno local. O que fixo  XA-PP foi a clara mostra do que non se debe facer e dunha falta total de rigor e seriedade nos cargos que ocupan e do deber que teñen encomendado como servidores públicos.

Ortigueira merece un goberno que actúe con responsabilidade e transparencia na xestión dos recursos públicos, algo que claramente está ausente na administración actual.

Ler novas
Vídeo

Pleno Ordinario 27/03

Rogos e preguntas:

1.- No Concello de Ortigueira levamos xa un tempo sen ter cuberta a praza de arquitecto municipal, o que conleva a paralización na tramitación dos expedientes para as diferentes licenzas de obras. Cando se vai cubrir a praza?

Resposta: Van sacar unha convocatoria para dotar ao Concello de Ortigueira dun Arquitecto Municipal con praza en propiedade. Máis adiante e respondendo á mesma pregunta do grupo PO, din que é mentira que estean paralizadas as obras ou que non se dean licenzas de obra, pois nun dos puntos do día hai un informe onde se recolle que se aproban obras

📝 Apuntamento: No período de xaneiro-marzo de 2024 hai dúas.

2.- O pasado 15 de marzo presentouse o cartaz do Festival de Ortigueira e algunhas das bandas e grupos que van participar no mesmo. Como ten pensado o goberno do Concello de Ortigueira garantir o desenvolvemento do Festival tendo en conta que seguimos cun orzamento prorrogado e non hai un borrador dos Orzamentos 2024. Entendemos que xa contemplades a posibilidade de recorrer a un recoñecemento extraxudicial de crédito para asegurar o cumprimento dos contratos en tempo e forma ? Van informar á oposición do traballo que se está levando a cabo desde o comité organizador?

Resposta: xa teñen pechado un convenio coa Xunta da Galiza de 110.000€ e van pechar outras dúas subvencións (coa Deputación e o Ministerio) e non saben exactamente o montante porque a convocatoria sae sobre agosto, polo que si, terán que levalo a un recoñecemento extraxudicial de crédito. Con respecto á segunda parte, responden que irán informando.

 

3.- Adheriuse o Concello de Ortigueira ás axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento participativo (EDLP) aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Resposta: si, que o proxecto é a Senda Azul do Litoral da Ría de Ortigueira. Se a conceden é para arranxar a actual Senda Litoral da Ría de Ortigueira.

4.- O 23 de marzo publicouse en redes sociais do Concello de Ortigueira a rehabilitación dun edificio municipal e crear un centro de procesado de produtos agroalimentarios. Solicitaron en tempo e forma a subvención para a rehabilitación de edificios municipais? Sabendo que xa hai un na Comarca, cal é o motivo polo que non se adheriron como sí fixeron Valdoviño, San Sadurniño, Cedeira ou Cerdido?

Resposta: Si e que a subvención ascende a algo máis de 600.000€ para a rehabilitación do antigo matadoiro e mercado municipal. Cara o final da resposta di que é no caso de saír beneficiarios de dita subvención.

Non nos adherimos ao Centro Comarcal porque había que pagar unha cota.

5.- O concelleiro de Obras anunciou na Comisión Informativa do mes de setembro que a Sala de Raios X estaría operativa a finais de marzo e nunha nota de prensa do Concello de Ortigueira anunciábase que disporiamos deste servizo nos primeiros meses do ano 2024. Poden dicirnos en que estado real se atopan as obras e cando se prevén que se finalicen e estea operativo dito servizo?

O concelleiro de obras responde que aínda están en obras e que non vai estar operativa o día 1 de abril como anunciaran.

6.- En decembro de 2023 finalizaba o prazo para instalar os colectores marróns en concellos de máis de 5000 habitantes. Como está actuando o Concello de Ortigueira para a súa implantación? 

O Concelleiro de obras responde que non se puido cubrir en prazo porque non había cartos. Que se solicitou unha subvención en xullo e que están a falar con concellos limítrofes para facer unha especie de mancomunidade para lograr reducir a inversión.

7.- Está ao tanto o Sr. Alcalde da realidade que está a vivir a veciñanza relativa aos vertidos no Río Mera, os malos cheiros e a calidade da auga? En caso afirmativo, que medidas tomou o equipo de goberno para abordar estes problemas de vertidos nos nosos ríos e, en última instancia, na nosa ría?

Resposta: que llo comunicaron ao servizo de SEPRONA e que falaron coa Xunta da Galiza. Que non teñen competencias pero a propia Xunta e SEPRONA automaticamente lles abre expediente e, se é o caso, sanciona.

📝Apuntamento: A sensación é que é unha resposta tipo para saír do paso, pois sendo alcalde, debería saber que a Fiscalía abriu un expediente tanto á empresa SOGARISA como á Xunta por considerarse indicidiariamente un delicto contra os recursos naturais e o medio ambientee de prevaricación administrativa, respectivamente.

Alén diso, ADEGA, ten denunciado á Xunta por denegar o acceso aos resultados dos controis realizados en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada de SOGARISA. A.D.X. de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.- Sobre o mantemento e conservación no Concello de Ortigueira. A veciñanza fainos chegar queixas sobre o mal estado do alumeado en varios puntos do concello, principalmente, na zona da piscina e centro médico de Santa Marta e no paseo marítimo de Espasante, onde hai un número considerábel de farolas rotas ou coas bombillas fundidas. O BNG presentou o 21 de febreiro un escrito solicitando o arranxo das mesmas, pero non se arranxaron estas deficiencias. É por iso que lle preguntamos ao grupo de goberno do Concello de Ortigueira se teñen pensado repoñer as bombillas e reparar estes desperfectos ou se polo contrario teñen pensado manter a mesma política de desidia, inacción e pasotismo que denunciaban ata maio de 2023?

A resposta é que levamos uns temporais importantes ao longo de todo o inverno e que só contamos con 3 electricistas no Concello de Ortigueira. 

📝 Apuntamento: Non responderon nada ao respecto de arranxar as farolas, cambiar as bombillas, limpar o limo de bancos ou de implementar un “Plan de Conservación e Mantemento” como xa temos comentado en máis dunha ocasión e ir arranxando os pequenos desperfectos.

 

Quedaron sen responder estas dúas preguntas ao realizarse no pleno sen previo rexistro.

1. Como ten pensado proceder o Concello de Ortigueira co camiño da costa en Loiba? Por poñelos en contexto: A veciñanza de Loiba púxose en contacto con nós hoxe sobre o estado no que se atopa dito camiño, que parece ser que foi arranxado a semana pasada para tapar as fochancas e deixala transitábel para estes días nos que o Concello recibe bastantes turistas. Tamén comentan que se pedíu permiso para meter tubos e facer cunetas. Pois ben, parece ser que a empresa deixou o camiño peor do que xa estaba. Sabendo que ía ser unha temporada con rutas de sendeirismo e con afluencia de turistas. Está ao tanto a concellería responsábel desta actuación e do malestar que causa na veciñanza? E se é afirmativa, que medidas van tomar ao respecto?


2. Varias persoas pregúntannos cal é a Praza do Olivo en Ortigueira, xa que parece que non hai tal praza no rueiro oficial de Ortigueira e están recibido notificacións de multas nesa localización. Poden aclarar onde está dita praza?

 

 

para velo online: Pleno 27/03

Ler novas