Por que o BNG solicitou de forma urxente a publicación das bases dos postos de artesanía do Festival de Ortigueira tamén en galego?
O Goberno XA-PP ten revelado as súas prioridades políticas, lamentabelmente, a promoción, defensa ou normalización do galego non figuran entre elas. Esta falta de compromiso quedou patente cando decidiron publicar exclusivamente en castelán as Bases que regulan os postos de artesanía do Festival de Ortigueira 2024. Este "descoido" ou acción neglixente, máis que un simple descoido, podería ter consecuencias moi negativas para o Festival do Mundo Celta 2024, pois o non incluír o galego puxo en grave perigo unha subvención da Deputación da Coruña para o Festival de Ortigueira, ou mesmo podería verse substancialmente reducida por non cumprir con diferentes puntos das bases dunha subvención, que supoñemos terán solicitado para este 2024.
Esta acción revela dúas cousas: unha total falta de interese en respectar as bases das subvencións que se solicitan e, o que é máis preocupante, un menosprezo evidente polo noso idioma e cultura.
Ante esta situación, o BNG actuou de forma rápida e urxente, demandando o mesmo día da publicación (venres 19 de abril) que as bases tamén fosen publicadas en galego. Esta intervención áxil, fixo rectificar ao Goberno XA-PP hoxe mesmo e incluír as bases tamén en galego (luns 22 de abril). Estas accións poñen de manifesto a necesidade de supervisar de preto as actuacións deste Goberno, para que se cumpran as bases e as diferentes leis e que non perdamos subvencións presentes e futuras.
O BNG quere deixar claro que é imprescindíbel o cumprimento das obrigas lingüísticas por parte das administracións públicas galegas. Ademais, reafirmamos o noso compromiso incuestionábel coa defensa do noso patrimonio lingüístico e cultural, así como co mantemento das subvencións para eventos culturais tan importantes para todas nós, como é o Festival do Mundo Celta de Ortigueira.