VALORACIÓN DA VISITA REALIZADA Á RESIDENCIA DO CONSORCIO GALEGO “DOLORES DÍAZ DE DÁVILA” NO CONCELLO DE ORTIGUEIRA

Mon Fernández

Mon Fernández analiza a visita á Residencia Dolores Díaz Dávila de Ortigueira

O BNG insta a tomar medidas concretas para reverter e mellorar a situación

1. Antecedentes

 O día 28 de setembro o portavoz municipal do BNG en Ortigueira, Marco Schaal, e máis eu, reunímonos con varias persoas residentes no centro Dolores Díaz de Dávila que nos fixeran chegar as súas queixas sobre a mala calidade da comida que lles serven na residencia, que resumidamente foron as seguintes: 

 A comida é subministrada por unha empresa de cátering unha vez á semana, os martes, normalmente un menú que se repite semana tras semana. No momento de servirse a comida apenas poden distinguirse ou identificarse os alimentos. A mala calidade da comida fai que moitas persoas residentes pasen sen comer.

 Non teñen queixas dos demais servizos da residencia en absoluto, mais a mala calidade da comida é un problema grave non só por afectar á saúde das persoas, senón tamén porque provoca unha profunda sensación de insatisfacción e polo tanto de calidade de vida.

 Infórmannos da existencia na propia residencia dunha cociña en bon estado e perfeitamente equipada coa que se podería prestar o servizo de comidas, o que sen dúbida melloraría a calidade da comida.

 Infórmannos das dificultades cognitivas de boa parte das persoas residentes no Centro debido sobre todo a súa idade elevada, e máis da realización de reunións das persoas residentes guiadas por un psicólogo dentro da operativa habitual do Centro. É nestas reunións onde se produce a posta en común dos problemas e onde chegan á conclusión da necesidade de tomar medidas.

 Pola nosa parte comprometémonos a trasladar as súas reivindicacións ao Parlamento Galego e recomendámoslles que se organicen como colectivo e mesmo que se doten dunha páxina de Facebook para facer públicas as súas queixas e darlles difusión.

 O día 30 de setembro do 2024 o Grupo Parlamentario do BNG rexistramos unha batería de iniciativas: -Pregunta para resposta oral en Pleno, -Pregunta para resposta oral en Comisión, -Pregunta para resposta por escrito, e - Proposición non de lei para o debate en Comisión.

 O día 17 de xaneiro a Xunta contesta por escrito á nosa pregunta. Na súa resposta repite a contestación enviada pola dirección do Consorcio ás cartas de queixa remitidas polas propias persoas residentes, que resumidamente consiste en afirmar que o sistema elixido polo Consorcio para prestar o servizo de comidas é o mellor, máis seguro e máis saudábel para as persoas residentes, que o nivel de satisfacción é moi bon, e que a Inspección da Consellaría realiza un control de todos os servizos do Consorcio.

 O día 24 de xaneiro do 2025 o Grupo parlamentario do BNG rexistramos unha solicitude para que unha representación de deputados e deputadas do Parlamento Galego poda visitar a residencia.

 O día 23 de febreiro tivo lugar unha masiva concentración cidadá de protesta diante da casa do Concello de Ortigueira. A protesta foi convocada polas persoas residentes organizadas como Plataforma Comida Digna XA. Tamén conseguiron darlle difusión as súas queixas a través dunha páxina de Facebook.

 O día 12 de marzo do 2025 a Conselleira de Política social e de Igualdade, Da. Fabiola García, contesta no Pleno á pregunta oral do BNG reproducindo o contido xa coñecido das contestacións escritas. 

 Durante todo este tempo a comunicación do BNG coas persoas residentes foi constante a través do portavoz municipal Marco Schaal, e nomeadamente realizamos outra reunión presencial o día 9 de marzo á que asistín acompañado pola responsábel local do BNG de Ortigueira, Fani Pérez.

 A dirección da empresa de cátering solicitou unha reunión co grupo parlamentario do BNG. Recibímolos no Parlamento Galego a deputada Ariadna Fernández e máis eu. Nesa reunión a empresa comunicou que os seus procedementos de traballo son os mellores, que a calidade da súa comida está contrastada e que o problema da residencia de Ortigueira consiste en que “un determinado partido político local” quere atacar ao alcalde con este asunto.

 Toda a súa liña argumental sostense sobre a premisa de que as persoas residentes que protestan son moi poucas, e ademais minten ou están manipuladas.

 Nós comunicámoslles que non tiñamos motivos para acreditar semellante cousa, que todos os testemuños cos que contábamos confirmaban a mala calidade da comida e que a masiva mobilización social e de apoio ás súas reivindicacións referendaban esa opinión.

 

2. Visita

 O día 11 de abril ás 12:30h puiden realizar a visita ao Centro. Participaron na visita dous deputados do Partido Popular e ningún do PSOE. A visita estivo guiada pola directora do Centro e máis polo subdirector do Consorcio Galego de servizos de igualdade e benestar. É de salientar a boa disposición que a directora do centro mostrou en todo momento.

 Respeito da problemática en concreto da calidade da comida cómpre salientar 3 notas:

 2.1 No transcurso da visita pasamos polo comedor no momento en que había persoas a xantar e non tivemos problema para deternos o que quixemos. O aspecto da comida non era tan malo como o que se podía apreciar nos vídeos que difundiran con anterioridade as persoas residentes. Con todo, ninguén diría que tiña un aspecto apetitoso.

 2.2 Á saída do comedor e mentres agardaban por nós a directora do centro e o subdirector do Consorcio mantiñan unha conversa no corredor na que a directora se mostraba satisfeita pola mellora substancial da calidade da comida xa que antes era “difícil distinguir o que comían”, o subdirector replicaba que si se distinguía e a directora reafirmábase en que non era así.

 2.3 A visita continuou polas instalacións e chegamos á unha habitación onde un grupo de persoas residentes mantiña unha reunión coa participación co psicólogo do centro. Varias das persoas eran precisamente as que lideran as protestas. Todas as persoas alí presentes confirmaron a versión destes “portavoces ad hoc”: A comida ten mellorado nas últimas 2 ou 3 semanas. Nos dous anos que levan de protestas, primeiro a través das canles internas e despois socialmente, non é a primeira vez que experimentan unha mellora temporal da comida que axiña queda en nada. Agradecen a nosa visita e aproveitan para manifestarlle publicamente ao subdirector do Consorcio, que coñecía perfeitamente os antecedentes destas protestas, que a súa pretensión é conseguir aínda algunha mellora sobre a situación actual, mais que en ningún caso están dispostos a aceptar de novo unha volta atrás.

 

3. CONCLUSIÓNS

 3.1 Malia os intentos de desacreditar as queixas das persoas residentes fica perfeitamente claro para o BNG que efectivamente a calidade da comida era moi mala antes das protestas comezar.

 3.2 O estado de saúde e cognitivo da maioría das persoas residentes, e as súas circunstancias sociais e familiares, fan delas un colectivo especialmente vulnerábel en canto que teñen serias dificultades obxectivas para defender os seus dereitos máis básicos.

 3.3 A calidade da comida afecta gravemente ao estado de saúde e de ánimo.

 3.4 O comportamento da Xunta de Galiza como titular das competencias e do servizo non é de recibo. Non só ofrece un servizo de mala calidade senón que mantivo, desde o primeiro até o último momento, unha campaña de descrédito contra as persoas residentes que decidiron exercer os seus lexítimos dereitos, afectando á súa sensación de abandono e de seren cidadáns sen voz ou sen defensa. O estado social e democrático quédalles moi lonxe a estas persoas.

 3.5 Os antecedentes que puidemos coñecer obrigan a manter a atención sobre a calidade da comida na residencia.

 3.6 Poñer en marcha a cociña do centro parece a única solución con plenas garantías a futuro.