Ano e medio de mandato: falta de proxecto e ineficacia no día a día

Marco Schaal
Marco Schaal

A falta dun rumbo claro e unha xestión marcada pola improvisación definen o balance do goberno do PP en Ortigueira.

Mentres o goberno improvisa e promove anuncios baleiros, desde o BNG estamos comprometidos con propostas realistas que respondan ás necesidades da veciñanza.

Ortigueira merece un goberno que vaia máis aló da propaganda, con proxectos claros e centrados no benestar da súa xente.

Ano e medio de mandato: falta de proxecto e ineficacia no día a día

 Cando levamos xa 18 meses deste mandato, a pregunta que debemos facernos é: alguén sabe cal é o proxecto do goberno do PP para Ortigueira? A falta dun rumbo claro e unha xestión marcada pola improvisación e o desleixo definen o balance do goberno formado por Calvín e defendido por Rego. Nun momento no que se requiría determinación para afrontar os desafíos, atopámonos cun goberno que non está á altura. 

 Non é propio do BNG nin de min negar calquera logro, mais custa atopar indicios dun modelo definido por parte do goberno. Cal é o plan para Ortigueira nos Servizos Sociais, na Cultura, no emprego ou no urbanismo? O único que vemos é o retorno ao pasado: deixarse levar pola inercia, a desidia e evitar tomar decisións que realmente transformen o concello. 

 Un exemplo é a planificación urbanística. Máis aló de vagos anuncios, non se perciben avances reais nin existe unha estratexia coherente. No ámbito social, as necesidades urxentes tampouco atopan respostas e vímolo recentemente coa adquisición de camas e grúas para as persoas usuarias de Servizos Sociais, unha axuda da Deputación que se aprobou en xaneiro de 2024, pero despois de 10 meses non se tramitou. Só cando se viu expirar o prazo solicitaron unha prórroga. Non o tramitaron cando temos 2 persoas en lista de agarda e material nos almacéns que podería ser usado por persoas que as precisasen. É inaceptábel que non se tramitase esta subvención como inaceptábel que o Sr. Calvín non respondese no pleno cal foi o motivo para non telo solicitado a tempo. 

 Mais a falta de previsión e organización xa é un dos piares desta administración. Exemplo diso foi o mercado de Nadal: anunciouse que, se funcionaba ben, prolongaríase un día máis. A participación foi boa, pero o goberno nin sequera considerou cumprir o prometido. O mesmo aconteceu coas axudas escolares: as bases redactáronse ás présas, cun prazo de solicitude de só 7 días hábiles e ningún tipo de comunicación ou publicidade, o que deixou a moitas familias sen poder acceder a elas. 

 Polo que si destaca este goberno é por manter a crispación política e a falta de consenso que non son máis que síntomas dunha administración esgotada e sen liderado. A interacción nos plenos caracterízase pola confrontación constante, interrompendo as intervencións da oposición e desacreditando o debate, cortando os plenos, deixando á oposición sen posibilidade de segundo turno ou réplica. Este clima de tensión non só impide o avance de propostas, senón que tamén erosiona a democracia. 

 Fronte a esta deriva, desde o BNG traballamos para construír unha alternativa sólida e ilusionante para Ortigueira. As nosas propostas parten das necesidades do concello e dunha visión a longo prazo. Defendemos proxectos realistas e ben fundamentados, como o reforzo dos Servizos Sociais, o impulso da economía local e a mellora das infraestruturas. 

 Mentres o goberno improvisa e promove anuncios baleiros, desde o BNG estamos comprometidos coa veciñanza, escoitando e propoñendo solucións que respondan ás súas necesidades.

 Ortigueira merece un goberno que vaia máis aló da propaganda e dos festexos. Ortigueira non pode permitirse seguir na deriva actual. Quedan dous anos para que o BNG demostre que hai unha alternativa real: un proxecto claro, con ideas viábeis e centradas nas necesidades da veciñanza. Non se trata de promesas baleiras, senón de traballar con rigor e ambición para mellorar o presente e asegurar un futuro mellor. 

 O noso compromiso é ofrecer a Ortigueira un concello que coide das persoas, promova o emprego local e recupere a súa identidade. Porque hai moito que facer, pero estamos listos para asumir ese reto. 

Marco Schaal 

Portavoz municipal do BNG

Ano e medio de mandato: falta de proxecto e ineficacia no día a día