ORTIGUEIRA MERECE MÁIS

Ortigueira non pode seguir perdendo oportunidades

Marco Schaal
Marco Schaal
Desde o BNG traballamos para garantir que Ortigueira non perda subvencións nin recursos destinados a mellorar a vida da veciñanza. Fronte á deixadez do goberno do PP e XA, apostamos por fortalecer os servizos sociais, apoiar ás persoas autónomas e pemes, e aproveitar todas as oportunidades para crear emprego e futuro no noso concello.
Ortigueira non pode seguir perdendo oportunidades

  Ortigueira leva demasiado tempo sufrindo as consecuencias dunha xestión marcada pola improvisación, o abandono e a falta de proxecto. Nos últimos meses, a nosa vila perdeu máis de 30.000 euros en subvencións por non tramitar correctamente axudas concedidas. Que se suman a outros case 150.000€ que se tiveron que devolver no ano 2024. Estes cartos que xa estaban aprobados eran para mellorar o noso concello.

  Non o dicimos por gusto, senón porque como oposición construtiva para mellorar Ortigueira, é a nosa obriga fiscalizar, vixiar e defender os intereses da nosa veciñanza. Mais o goberno local tampouco se molesta en aclarar o motivo de por que se perden todas estas subvencións. A realidade é contundente: perder subvencións por deixadez non é só un erro, é unha irresponsabilidade que pagamos todas e todos.

  Pero o máis grave non é só o que xa se perdeu, senón o que case se perde. Nos plenos advertimos que estivemos a piques de perder tamén a subvención do POS+ Adicional para Servizos Sociais 2024, esta subvención era, precisamente, para dotar de camas articuladas e grúas ao SAF. Material que é moi necesario e que aínda recibimos recentemente as solicitadas en xaneiro de 2024 por non presentar ben a documentación, cando xa se podían contar con el ao longo do ano pasado. De ter feito ben as cousas. Agora queda agardar que coas solicitadas no POS Adicional 2025 de xaneiro non volva ocorrer o mesmo e poidamos contar co material canto antes. Pero a nosa pregunta é, como se pode permitir algo así nun concello con tantas necesidades sociais?

  Fronte a estas derivas do gobierno municipal, no BNG traballamos con outra filosofía: propoñemos, sumamos e miramos cara adiante. Por iso levamos aos plenos mocións importantes e necesarias para mellorar Ortigueira, como por exemplo, a moción sobre a Transición Xusta, para que Ortigueira non quede atrais no reparto de fondos europeos e estatais que buscan compensar o impacto do peche das centrais térmicas.  A moción foi aprobada a pesar dos votos en contra do PP, que preferiu mirar cara outro lado.

  Esta semana compartimos que en datas próximas abrirá unha nova convocatoria, relacionada coa Transición Xusta, de axudas das que poderán beneficiarse autónomos e pequenas e medianas empresas da nosa comarca e do noso concello, ao ser considerados como zona afectada polo peche da central térmica das Pontes. Asimesmo, compartimos unha charla informativa que se celebraba nas Pontes, precisamente para explicar como acceder a estas axudas e que poderían ser moi útiles para todas as persoas interesadas en crear unha nova empresa ou postos de traballo. Como vemos, hai recursos dispoñíbeis… o que falta é vontade política para facilitar información e compartila coa nosa veciñanza. O goberno municipal de PP e XA, de novo, preferiu mirar cara outro lado e nin sequera compartiu esta información. De verdade interésalles que Ortigueira funcione? Este é o seu modelo de “facer revivir Ortigueira” cando se perden subvencións e non se informa ás persoas autónomas ou pequenas e medianas empresas sobre a posibilidade de dispoñer de axudas para crear emprego?

  A pregunta que toca facerse é: queremos seguir con un goberno que perde oportunidades ou un concello que as crea?

  Desde o BNG seguiremos apostando por Ortigueira con feitos, non con fotos. Con propostas constructivas e realistas, non con escusas. E seguiremos defendendo cada euro, cada dereito e un futuro neste concello.

Ortigueira non pode seguir perdendo oportunidades