O pleno como espectáculo e estratexia de distracción

Outro pleno de pesadelo antes de Nadal: un novo logro producido polo codesgoberno Calvín-Rego

Pleno extraordinario urxente

En Ortigueira, a mala xestión municipal transformouse nunha especie de drama repetitivo: un ciclo de improvisación e despropósitos que se converte nun pesadelo para a veciñanza antes de Nadal e que ben puido ser representado na reestrea do Teatro da Beneficencia. A convocatoria dun pleno extraordinario e urxente para o luns ás 9 da mañá, anunciada o venres pola tarde, é un exemplo máis da falta de respecto polas formas democráticas e pola veciñanza, ademais de evidenciar unha xestión municipal que é todo menos responsábel.


Como era de esperar, o principal asunto a tratar neste pleno urxente xa fora presentado no pleno ordinario de novembro. Nese momento, quedou claro que había facturas que necesitaban aclaracións. Pero, fiel ao seu estilo de improvisación, o equipo de goberno non fixo nada por aclarar os documentos. E agora, nunha manobra que parece propia dunha administración esgotada, pretende que os grupos municipais da oposición acepten os pagos a cegas. Esta falta de transparencia e planificación converte a situación nunha verdadeira farsa, onde os principais afectados son os provedores, atrapados nunha situación insostíbel.


Un pleno como espectáculo de distracción

Máis que resolver problemas, o goberno local semella centrado en crear espectáculos de confrontación. Este pleno extraordinario non foi máis ca outro exercicio de propaganda, onde se busca culpar á oposición da parálise municipal. O máis chocante é que nin sequera os concelleiros do goberno local acudiron con vontade de defender a aprobación das facturas. Ningunha das dúas portavoces do goberno intentaron dar unha explicación ou motivar o debate. Limitáronse a dicir "nada que comentar", mentres que o propio alcalde afirmou: "non imos alongar isto". Estas actitudes son mostra suficiente de que a intención real non era sacar os puntos adiante, senón xerar un novo episodio de confrontación e botar balóns fóra.

Neste contexto, queren que a oposición apareza como o branco de acusacións, culpada de bloquear a xestión municipal. Pero, cando os propios responsábeis do executivo local non consideran importante defender os asuntos en pleno, é preciso preguntarse quen está realmente a boicotear a xestión municipal. O que queda claro é que esta maneira de actuar non resolve os problemas da veciñanza, senón que intenta desviar a atención e trasladar culpas.


Unha administración que necesita responsabilidade

A convocatoria dun pleno extraordinario e urxente para facer un recoñecemento extraxudicial, é un exemplo máis da desidia do actual goberno municipal. En canto de actuar con responsabilidade e transparencia, optan por perpetuar un xeito de xestionar marcado polo caos e a confrontación. Mentres non se cambie este xeito de actuar, a situación non mellorará, e os principais perxudicados seguiremos sendo a veciñanza e os provedores que dependen dun funcionamento correcto da administración local.
Se algo queda claro despois deste último "episodio", é que este goberno parece incapaz de avanzar cara a unha xestión responsábel e eficaz, deixando á veciñanza atrapada nun ciclo de desilusións e pesadelos antes de Nadal.