Preguntas do BNG para o Pleno do 29/09/23
O venres 29 de setembro de 2023 celébrase o pleno ordinario do mes de setembro e estas son algunhas das propostas que levará o BNG.
No pasado pleno do 10 de agosto de 2023, dixeron que falarían e que nos informarían en menos de 15 días sobre algunhas preguntas que realizamos.
1.- Preguntamos sobre o estado das depuradoras do noso Concello. A súa resposta foi que encargaría un informe para saber en que situación estaban. Encargou este informe? Pode trasladarnos esa información á oposición como solicitou o BNG de Ortigueira?
2.- Preguntamos sobre a obra realizada na zona do peirao de Ortigueira ao respecto da instalación de papeleiras e varandas. Dixo vostede Sr. Alcalde que a final de mes (agosto) tería unha reunión e trataría este tema. Estamos a final de setembro e non hai instaladas papeleiras nin varandas. Cando se vai realizar esta actuación?
3.- Presentamos un rogo relacionado con solicitar o servizo de psiquiatría a domicilio e a hospitalización a domicilio por ser dous servizos que desde o noso punto de vista son necesarios e urxentes no noso Concello. Poden dicirnos se fixeron algunha xestión ao respecto?
4.- Outra das preguntas sen responder foi a referida á regularización da área de autocaravanas en Loiba. Dixo que falaría coa Sra. Rego e que ela nos transmitiría en que situación estaba. Non houbo esa chamada nin se nos aportou información respecto ao solicitado. Poden dicirnos desta volta en que situación se atopa esta xestión?
5.- Respecto á Declaración Institucional, a persoa que preguntou no turno de palabra da cidadanía pediu que esa Declaración Institucional estivese visíbel en redes sociais e páxina do Concello de Ortigueira para darlle publicidade e visibilidade. Certo é que saíu en redes e como “complemento” a outra que seguramente tiña máis importancia para o seu grupo de Goberno. A pregunta é: por que tapan así a nova e por que non se lle deu máis publicidade?
6.- Na mesma declaración recóllese no punto 5 dar traslado deste acordo á Xunta e ao Ministerio. Déronlle traslado á Xunta de Galicia e ao Goberno de España da posición do Concello de Ortigueira respecto á instalación destes Parque Eólicos? Tamén se recolle (punto 3b) que o Concello de Ortigueira lle solicita á Xunta de Galicia paralizar todos os parques eólicos en tramitación, actualmente ademais do PE Barqueiro e PE Badulaque, por se non o sabían, temos o PE Penas Longas en tramitación e que afecta á parroquia de Devesos e parte do Concello de Mañón, vaille solicitar ou solicitoulle xa á Xunta de Galicia que paralice o trámite (que é de competencia autonómica) tal e como apoiaron na Declaración Institucional?
7.- A última pregunta sen responder foi sobre a simboloxía franquista que queda no noso concello. É verdade que falou comigo, mais non aportou ningunha solución á pregunta formulada, só que ía facer cumprir a Lei. Avanzou algo neste tema desde que formulamos a pregunta no pleno e desde que vostede me chamou?