Pleno Extraordinario 06/05/24
O luns 6 de maio celebrouse un Pleno Extraordinario para tratar os seguintes temas: catro modificacións orzamentarias e un recoñecemento extraxudicial de créditos. Todos os puntos saíron aprobados.
Xa sabiamos que, a pesar de ser modificacións orzamentarias para dotar partidas esgotadas ou con crédito insuficiente para poder pagar facturas pendentes a proveedores, o pleno volvería a centrarse en temas paralelos e que nada tiñan que ver cos asuntos prinicipais: un goberno instalado en facer oposición á oposición, de actuar como aquel goberno que tanto criticaron durante 4 anos de oposición destrutiva e hostil, lembrando sempre o pasado para o cal se remontan á primeira década dos 2000 (onde gobernaba o seu mesmo partido…) para intentar defender unha xestión, que desde o BNG consideramos, nefasta dos recursos económicos do Concello de Ortigueira.
Todo isto poderíase ter solucionado cun orzamento actualizado e adaptado á Ortigueira actual. Ese orzamento que o propio alcalde dixo a principios de xaneiro de 2024 que estaba practicametne listo e para aprobarse a finais de xaneiro (publicitado polo propio goberno nunha entrevista nunha radio comarcal). A realidade é ben distinta: estamos a maio e non hai sequera un borrador do mesmo. Onte volveuse dicir aquilo de que “en 15 días” a oposición tería o borrador dos mesmos. Os prazos para debatelos son os que marca a lei e, de aprobarse e aplicarse, levaríanos a máis aló da segunda metade do ano 2024. Seguimos!
É preciso comentar, que solicitamos por rexistro os orzamentos cos que xestionan o Concello e, de novo, ningunha sorpresa: silencio absoluto por parte do goberno municipal e unha vez máis non recibimos resposta e van 5. Así é como entenden a transparencia e o diálogo coa oposición. Seguimos!
Desde o BNG votamos en consecuencia e non nos opuxemos á aprobación das modificacións de crédito para pagar a proveedores ou de dotar de crédito á organización e desenvolvemento do Festival do Mundo Celta de Ortigueira.
Votamos a favor de dotar de crédito o arranxo dos pozos de auga na parroquia de Senra e lembramos que hai núcleos poboacionais que sofren baixa presión, rotura de tuberías e que tamén precisan actuacións urxentes. Aquí o propio goberno admitíu que se enteraron destes problemas grazas ao BNG e a exposición da problemática no pleno de agosto de 2023. Levaban 4 anos na oposición.
E, o último punto relacionado coa Rede Cultural da Deputación, que se incluíu despois da comisión económica e na que en ningún momento nos falaron sobre este tema e se o prazo xa estaba rematado para presentar a documentación e a xustificación dos gastos. Por que non o fixeron na comisión? Con todo, a intención non era votar en contra. Non porque non queiramos acceder á Rede Cultural ou porque o consideramos malo, todo o contrario: consideramos que as actividades ofertadas son insuficientes e hai moi poucas ou practicamente ningunha actividade dirixida á mocidade. Votamos en contra porque, coma se fose un presaxio do que ía acontecer, lembramos unhas palabras que dixemos ao principio do pleno: o contido é importante, pero a forma en que se fan as cousas, é tremendamente reveladora, o goberno dixo que presentaba un documento que non era real. Consideramos que isto superou outras intervencións dos concelleiros e das concelleiras do actual goberno e que deixaban en total evidencia ao goberno local. O que fixo XA-PP foi a clara mostra do que non se debe facer e dunha falta total de rigor e seriedade nos cargos que ocupan e do deber que teñen encomendado como servidores públicos.
Ortigueira merece un goberno que actúe con responsabilidade e transparencia na xestión dos recursos públicos, algo que claramente está ausente na administración actual.