Pleno extraordinario de data 03.01.2025

O BNG de Ortigueira critica a xestión do goberno municipal e reitera o seu compromiso coa veciñanza

No pleno extraordinario do Concello de Ortigueira, celebrado o 3 de xaneiro, abordáronse dous puntos principais na orde do día: a aprobación do POS+ Adicional e a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra o proxecto eólico PE Barqueiro.

No primeiro punto, relativo ao POS+ Adicional destinado aos Servizos Sociais, aprobouse a proposta cos votos a favor do PP (4) e a abstención dos grupos da oposición (6). Durante o debate, puxemos o foco na falta de execución da proposta similar aprobada o ano pasado, que incluía a adquisición de camas articuladas e grúas para persoas dependentes.

O noso portavoz, Marco Schaal, subliñou a urxencia destas medidas, denunciando que a día de hoxe hai grúas almacenadas sen entregar e dúas persoas en lista de agarda para camas articuladas. Preguntou con insistencia polo motivo deste atraso e reclamou un calendario claro para a entrega do material pendente, tanto o aprobado o ano pasado como o que se discutía no pleno de hoxe

Ademais, destacamos que a proposta actual debe ir máis aló, incidindo na importancia de reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para atender unha demanda crecente e aliviar a carga das familias, especialmente das mulleres que asumen maioritariamente os coidados. Tamén reclamamos un maior número de camas articuladas, xa que, tal e como se recolle nos datos, existe unha lista de agarda activa e unha necesidade real que non está sendo cuberta na súa totalidade.

Marco Schaal tamén sinalou que, malia apoiar as medidas propostas, o goberno municipal segue ignorando outras liñas recollidas nas bases do POS, como as axudas de emerxencia social, o reforzo do persoal técnico ou medidas destinadas a facilitar a conciliación familiar. Reclamou un enfoque máis integral e ambicioso que poña os recursos ao servizo das necesidades reais da veciñanza.

Fronte a estas preguntas, o alcalde limitouse a responder que a situación se resolvería "no menor prazo posible", sen entrar en detalles nin ofrecer explicacións. Esta resposta foi duramente criticada, sendo cualificada como unha mostra máis da ineficiencia e falta de transparencia do goberno municipal.

Ademais, durante este punto, a portavoz do PP afirmou que "non tiña nada que aportar ou dicir", demostrando, ao noso entender, un total desinterese nun tema tan importante e urxente para a veciñanza.

No segundo punto, relativo ao recurso contencioso-administrativo contra o proxecto PE Barqueiro, a proposta foi aprobada por unanimidade. Desde o BNG destacamos a importancia de defender o territorio fronte a proxectos que priorizan os intereses externos fronte ao benestar local. Aínda así, criticamos que o goberno municipal non presentase previamente un recurso de alzada, acción que consideramos fundamental para esgotar todas as vías administrativas dispoñíbeis.

Seguiremos esixindo unha maior previsión e transparencia nos procesos administrativos, defendendo os intereses de Ortigueira e promovendo unha xestión máis eficaz e comprometida. Este pleno foi unha nova oportunidade para demostrar que o BNG está do lado da veciñanza, traballando con firmeza para atender as súas necesidades e protexer o seu futuro.

Resultados das votacións:

  • Punto 1 (Aprobación do POS+ Adicional): Aprobado cos votos a favor do PP (4) e a abstención do resto dos grupos (6).
  • Punto 2 (Recurso contencioso-administrativo contra o PE Barqueiro): Aprobado por unanimidade.