Pleno Extraordinario do 14 de maio de 2025 (9:00h)

1.- LIQUIDACIÓN ORZAMENTARIA

Non houbo debate nin votación.

Mais queremos dicir que desde o BNG criticamos o triunfalismo do Goberno Municipal ante a liquidación orzamentaria, denunciando que os máis de 3 millóns de remanente e o superávit non se traducen en melloras reais para a cidadanía. Fáltalles planificación, execución e, sobre todo, transparencia.

Propostas do BNG:

  • Plan integral de mellora de servizos sociais.

  • Reforzar o Servizo de Atención no Fogar (SAF) e mellorar as condicións laborais.

  • Plan de mantemento e conservación de infraestruturas (beirarrúas, pistas, espazos públicos).

  • Plan urxente de recuperación dos importes de dubidoso cobro.

  • Maior transparencia e planificación real dos investimentos.


2.- MODIFICACIÓN DE CRÉDITO

Sae adiante cos votos a favor do Goberno Municipal (6) e a abstención da oposición 6 (BNG, PSOE-PSdG, P.Orti)

O BNG recoñece positivamente actuacións moi necesarias e que están incluídas na modificación e que levamos meses solicitando (mellora da depuradora de Espasante, reparación do muro de San Roque, arranxo de rúas e pistas en todas as parroquias,...).

Con todo, denunciamos a falta de transparencia, improvisación e desorde, como a inclusión de partidas xenéricas sen xustificación, desgloses que non coinciden co total que se quere gastar ou documentación entregada a escasas horas de celebrarse o pleno para a súa revisión.

Propostas do BNG:

  • Separar por bloques as partidas para poder votar con criterio.

  • Entregar a documentación en tempo e forma.

  • Planificación seria e agrupación dos gastos por temática.

  • Fiscalización clara das partidas, especialmente as máis cuantiosas.


3.- RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL

Sae adiante cos votos a favor do Goberno Municipal (6) e a abstención da oposición 6 (BNG, PSOE-PSdG, P.Orti)

Somos coñecedores de que en moitos concellos e outras administración é necesario botar man dos recoñecementos extraxudiciais de crédito, pero que deberían de ser excepcionais. En Ortigueira e baixo o Goberno Calvín-Rego convertéronse en norma e forma de gobernar. Isto só amosa improvisación e falta de control orzamentario, ademais de non contar cun orzamento elaborado polo actual goberno e baseándose nun que consideraban nefasto para Ortigueira. Levan case 2 anos de mandato.

Propostas do BNG:

  • Un modelo de xestión ordenado e planificado.

  • Orzamentos propios e actualizados, fronte á prórroga do de 2022 que consideraban nefastos.

  • Apoiamos o pago aos provedores sen avalar a desorde actual.

 

4.- RECOÑECEMENTOS COMPATIBILIDADE LABORAL

Votamos a favor de todas.