BNG denuncia os continuos cortes de luz no Concello de Ortigueira
Desde o BNG de Ortigueira queremos trasladar a nosa preocupación pola situación que están a sufrir varias parroquias do noso concello.
No pleno de marzo levamos esta problemática, poñendo en coñecemento do goberno municipal desta situación. Porén, estes días de abril, seguimos recibindo queixas que evidencian que os problemas se repiten e que continúan sen solución.
Nos últimos días, veciños e veciñas denunciaron quedar sen iluminación pública durante horas. Unha situación que, segundo nos indican, xa non se produce só, con maior incidencia, no inverno.
Ademais, denunciamos que houbo apagóns no servizo de televisión durante días, deixando ás familias sen acceso a un servizo básico.
Por iso formulamos as seguintes cuestións:
• Que ocorre exactamente para que se produzan estes apagóns prolongados e reiterativos?
• Que medidas se van adoptar para garantir que non volva suceder?
• Que actuacións vai impulsar o Concello ante as empresas subministradoras cando, en situacións de temporais e, agora, sen eles, deixan zonas enteiras sen luz durante horas ou días?
• Vaise reclamar responsabilidade ás eléctricas por estes cortes reiterados?
Non é admisíbel que a veciñanza teña que vivir durante meses con servizos deficientes nin depender da sorte cada vez que hai mal tempo.
Desde o BNG de Ortigueira seguiremos esixindo solucións reais, mantemento axeitado das infraestruturas e responsabilidades claras para garantir uns servizos públicos dignos para toda a veciñanza.