Ortigueira decidirá en setembro se debate a moción do BNG contra os ataques de Israel, bloqueada polo PP en agosto

Ortigueira con Palestina
Ortigueira con Palestina
Ortigueira decidirá en setembro se debate a moción do BNG contra os ataques de Israel, bloqueada polo PP en agosto

Desde o BNG de Ortigueira volveremos levar ao pleno de setembro unha moción para que a Corporación Municipal condene os ataques do Estado de Israel contra Palestina e esixa o cese inmediato dos bombardeos sobre a poboación civil de Gaza.

A moción, que xa fora presentada no pleno do pasado 6 de agosto por vía de urxencia, foi vetada cos votos en contra do PP, polo que non se incluíu na orde do día, impedindo así que se debatera. Agora, a proposta regresa ao pleno ordinario de setembro, onde deberá ser sometida de novo a votación para a súa incorporación á orde do día e, posteriormente, para o seu debate e aprobación.

O texto presentado polo BNG insta a expresar a condena institucional ao xenocidio en Palestina, a apoiar as mobilizacións pacíficas de solidariedade, e a trasladar o acordo á Xunta de Galicia e ao Goberno español para que actúen en consecuencia.

Desde o BNG de Ortigueira subliñan que “non podemos ficar en silencio diante da barbarie” e lembran que o propio Parlamento Galego xa aprobou por unanimidade unha resolución en defensa do cumprimento das resolucións da ONU e do recoñecemento dos dereitos colectivos do pobo palestino.

 

Texto completo da moción:

MOCIÓN PARA MOSTRAR A CONDENA E REXEITAMENTO ÁS ACCIÓNS XENOCIDAS DO ESTADO DE ISRAEL EN PALESTINA

Nos últimos meses, e de maneira máis intensa nas últimas semanas, centos de persoas foron e están a ser asasinadas en Gaza polo exército israelí. A estratexia de aniquilación do pobo palestino non se limita ás masacres recentes: a política practicada polo Estado de Israel, baseada en detencións masivas, batidas policiais, destrución de vivendas e infraestruturas esenciais, pode cualificarse como un crime de lesa humanidade.

Centos de cidadás e cidadáns galegos e doutras partes do Estado manifestaron nestes días a súa dor e solidariedade co pobo palestino. O propio Parlamento Galego aprobou, por unanimidade, unha resolución en defensa do cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, para poñer fin ao sometemento do pobo palestino e recoñecer os seus dereitos colectivos. Ese acordo propón avanzar cara á resolución dun conflito desigual, no que un Estado poderoso esmaga un pobo que só pretende vivir dignamente na súa terra.

Cómpre esixir o cese inmediato das hostilidades e ataques contra o pobo palestino, porque o respecto á dignidade humana non é compatíbel co escenario de destrución e morte que se está a vivir en Gaza. A comunidade internacional debe actuar con firmeza, facendo cumprir a legalidade internacional e as múltiples resolucións do Consello de Seguridade da ONU que Israel incumpre de maneira reiterada.

Como galegas e galegos non podemos permanecer indiferentes. Consideramos necesario expresar a máis enérxica condena perante esta operación de limpeza étnica e estas prácticas terroristas contra unha poboación civil desarmada, que teñen causado decenas de miles de vítimas.

Por todo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO

  1. O Pleno do Concello de Ortigueira condena o ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a Franxa de Gaza e reclama o cese inmediato dos bombardeos e agresións contra o pobo palestino.
     

  2. O Pleno apoia os actos de carácter pacífico que se convoquen para expresar a repulsa social diante destes feitos, e fai un chamamento á cidadanía de Ortigueira, e de Galiza en xeral, a manifestar publicamente o seu rexeitamento a este xenocidio.
     

  3. Dar traslado deste acordo ao presidente da Xunta de Galiza e ao presidente do Goberno español para que actúen en consecuencia.
     

  4. Difundir nas redes sociais do Concello a seguinte mensaxe:
    "A Corporación Municipal de Ortigueira expresa o seu rexeitamento e condena as accións xenocidas do Estado de Israel en Palestina. Non podemos ficar en silencio ante esta barbarie."

Ortigueira decidirá en setembro se debate a moción do BNG contra os ataques de Israel, bloqueada polo PP en agosto