COMUNICADO DO BNG DE ORTIGUEIRA SOBRE O PACTO PP–PSOE PARA OS ORZAMENTOS 2026
O Bloque Nacionalista Galego de Ortigueira quere trasladar á veciñanza a súa posición ante o pacto anunciado entre o Partido Popular e o Partido Socialista para aprobar os orzamentos municipais de 2026, así como aclarar o papel que xogou o BNG no proceso previo.
1. Unha negociación inexistente co BNG
Desde o primeiro momento, o BNG mostrou máxima disposición para dialogar e contribuír á elaboración dunhas contas municipais que respondan ás necesidades reais do noso concello, tal e como viñamos solicitando desde hai 2 anos.
Porén, só fomos convocados a unha única reunión, na que o concelleiro Ponce e a concelleira Rego, comprometeron a enviarnos documentación complementaria e a manter unha segunda reunión nun prazo de 15 días.
Nin se remitiu a documentación prometida nin se nos convocou a unha segunda reunión.
O BNG quedou totalmente fóra de calquera proceso real de negociación, malia o compromiso adquirido polo propio goberno local. Esta práctica evidencia que non existiu vontade de acordar cos outros grupos da oposición, e que o pacto PP–PSOE xa estaba deseñado e decidido de antemán ANTES de ter a reunión co BNG.
2. Un pacto que rehabilita os orzamentos de Muras que antes se cualificaban de nefastos
O anuncio do acordo PP–PSOE unha gran sorpresa para as bancadas populares, independentes de XA e socialistas: pasamos de traballar durante anos cos orzamentos prorrogados de 2022, elaborados polo señor Muras e cualificados polo propio PP e XA como nefastos para Ortigueira, a aprobar agora uns orzamentos 2026 actualizados polo mesmo señor Muras, que ademais será quen xestione a maior parte do investimento anunciado.
É dicir:
o PSOE recupera o control político e orzamentario, e o PP do Sr. Calvin delegou todas as competencias económicas e de xestión noutros partidos.
3. Os datos que explican o pacto
Segundo as cifras difundidas polo propio goberno:
O orzamento total ascenderá a 8,5 millóns de euros.
Nos anteriores orzamentos, o capítulo de persoal rondaba os 4 millóns.
Polo tanto, quedarían 4,5 millóns reais para investimentos e outras partidas.
Deses 4,5 millóns:
3 millóns destínanse ás actuacións propostas polo PSOE,
1,5 millóns quedarían baixo control do PP.
Isto significa que:
O PSOE xestionará aproximadamente o 66% do investimento municipal real.
O PP, que mantén a alcaldía, apenas o 33%.
Non estamos ante un acordo “polo ben da vila”, como aseguran.
Estamos ante un reparto bilateral do orzamento, excluíndo deliberadamente ao resto da corporación e á pluralidade política expresada pola veciñanza nas urnas.
4. Consecuencias para a democracia local
O BNG non considera grave que o PP e o PSOE pacten en privado unhas contas que condicionarán todo o 2026. Pero si consideramos grave que:
- culpen a outras forzas da falta de acordo cando nin sequera cumpriron co mínimo de transparencia nas negociacións.
- presenten o pacto como un acto de responsabilidade, cando os feitos amosan que se trata dunha operación de reparto político e non dun programa serio para mellorar o concello.
Para o BNG, a política local debe basearse na participación, na transparencia e no diálogo real, non en pactos pechados que se anuncian á veciñanza sen contar co resto da corporación.
5. O compromiso do BNG
O noso compromiso con e para Ortigueira é claro:
Seguiremos traballando con responsabilidade e rigor, como fixemos sempre.
Seguiremos fiscalizando cada euro destes orzamentos para garantir que se empregue con criterios de interese público e non de intercambio político.
E continuaremos defendendo unha Ortigueira con servizos dignos, investimentos estruturais, participación cidadá e un modelo de desenvolvemento pensado para o futuro, non para cubrir pactos oportunistas.
Nos dous anos que levamos de mandato, presentamos alternativas, propostas e melloras que beneficiaron, benefician e beneficiarán ao conxunto do Concello de Ortigueira e que desde a nosa posición, con 1 único concelleiro de 13, seguiremos defendendo para o noso concello.
BNG Ortigueira
Ao servizo da veciñanza. Ao servizo de Ortigueira.