O BNG de Ortigueira propón cubrir e adaptar os parques infantís para garantir espazos accesíbeis e inclusivos durante todo o ano

O BNG propón cubrir e adaptar os parques infantís de Ortigueira para crear espazos accesibles e inclusivos para todas as crianzas.

A proposta inclúe xogos multisensoriais e unha partida nos orzamentos municipais para garantir o acceso ao lecer todo o ano.

 O Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Ortigueira rexistrou unha moción que será debatida na próxima comisión de asuntos xerais e que, de ser aprobada, será presentada no pleno do mes de novembro. A proposta busca cubrir e adaptar os parques infantís do concello coa fin de ofrecer espazos de lecer accesíbeis e inclusivos para todas as nenas e nenos ao longo de todo o ano.

 A iniciativa xorde en resposta ás numerosas solicitudes de familias do concello, que expresaron a súa preocupación polo estado de mantemento dalgúns parques e pola necesidade de contar con zonas cubertas. "En Ortigueira, as inclemencias do tempo dificultan o uso regular destes espazos de xogo, especialmente en días de choiva e vento, que son frecuentes na nosa zona", explicou Marco Schaal, portavoz municipal do BNG.

 Schaal subliñou a importancia dos parques infantís para o desenvolvemento integral da infancia: "Non son só espazos para a actividade física, senón tamén lugares fundamentais para a socialización e a aprendizaxe. É esencial que todas as crianzas, incluídas aquelas con diversidade funcional, poidan xogar en igualdade de condicións".

 A moción inclúe propostas concretas, como a instalación de xogos inclusivos e multisensoriais que fomenten a interacción entre todas as crianzas, independentemente das súas capacidades físicas ou cognitivas. "Queremos que Ortigueira se converta nun exemplo de compromiso coa inclusión e a calidade de vida das familias. É fundamental que os parques sexan espazos nos que todas as nenas e todos os nensos se sintan benvidos e valorados", engadiu Fani Pérez, responsábel local do BNG.

 Para garantir a implementación efectiva destas melloras, o BNG solicita que o concello inclúa unha partida específica nos próximos orzamentos municipais. A proposta non só busca ampliar a oferta de lecer do concello, senón tamén transformar os parques en lugares de encontro para as familias, independentemente das condicións meteorolóxicas.

 Desde o BNG consideramos que, con estas medidas, daremos un paso firme cara á accesibilidade e a defensa dos dereitos da infancia. Estamos comprometidos a mellorar a calidade de vida das familias de Ortigueira.