COMUNICADO DO BNG DE ORTIGUEIRA SOBRE O PACTO PP–PSOE PARA OS ORZAMENTOS 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Ortigueira quere trasladar á veciñanza a súa posición ante o pacto anunciado entre o Partido Popular e o Partido Socialista para aprobar os orzamentos municipais de 2026, así como aclarar o papel que xogou o BNG no proceso previo.

1. Unha negociación inexistente co BNG

Desde o primeiro momento, o BNG mostrou máxima disposición para dialogar e contribuír á elaboración dunhas contas municipais que respondan ás necesidades reais do noso concello, tal e como viñamos solicitando desde hai 2 anos.

Porén, só fomos convocados a unha única reunión, na que o concelleiro Ponce e a concelleira Rego, comprometeron a enviarnos documentación complementaria e a manter unha segunda reunión nun prazo de 15 días.

Nin se remitiu a documentación prometida nin se nos convocou a unha segunda reunión.

O BNG quedou totalmente fóra de calquera proceso real de negociación, malia o compromiso adquirido polo propio goberno local. Esta práctica evidencia que non existiu vontade de acordar cos outros grupos da oposición, e que o pacto PP–PSOE xa estaba  deseñado e decidido de antemán ANTES de ter a reunión co BNG.

2. Un pacto que rehabilita os orzamentos de Muras que antes se cualificaban de nefastos

O anuncio do acordo PP–PSOE unha gran sorpresa para as bancadas populares, independentes de XA e socialistas: pasamos de traballar durante anos cos orzamentos prorrogados de 2022, elaborados polo señor Muras e cualificados polo propio PP e XA como nefastos para Ortigueira, a aprobar agora uns orzamentos 2026 actualizados polo mesmo señor Muras, que ademais será quen xestione a maior parte do investimento anunciado.

É dicir:
o PSOE recupera o control político e orzamentario, e o PP do Sr. Calvin delegou todas as competencias económicas e de xestión noutros partidos.

3. Os datos que explican o pacto

Segundo as cifras difundidas polo propio goberno:

O orzamento total ascenderá a 8,5 millóns de euros.

Nos anteriores orzamentos, o capítulo de persoal rondaba os 4 millóns.

Polo tanto, quedarían 4,5 millóns reais para investimentos e outras partidas.

Deses 4,5 millóns:

3 millóns destínanse ás actuacións propostas polo PSOE,

1,5 millóns quedarían baixo control do PP.

Isto significa que:

O PSOE xestionará aproximadamente o 66% do investimento municipal real.
O PP, que mantén a alcaldía, apenas o 33%.

Non estamos ante un acordo “polo ben da vila”, como aseguran.
Estamos ante un reparto bilateral do orzamento, excluíndo deliberadamente ao resto da corporación e á pluralidade política expresada pola veciñanza nas urnas.

4. Consecuencias para a democracia local

O BNG non considera grave que o PP e o PSOE pacten en privado unhas contas que condicionarán todo o 2026. Pero si consideramos grave que:

- culpen a outras forzas da falta de acordo cando nin sequera cumpriron co mínimo de transparencia nas negociacións.

- presenten o pacto como un acto de responsabilidade, cando os feitos amosan que se trata dunha operación de reparto político e non dun programa serio para mellorar o concello.

Para o BNG, a política local debe basearse na participación, na transparencia e no diálogo real, non en pactos pechados que se anuncian á veciñanza sen contar co resto da corporación.

5. O compromiso do BNG

O noso compromiso con e para Ortigueira é claro:

Seguiremos traballando con responsabilidade e rigor, como fixemos sempre.

Seguiremos fiscalizando cada euro destes orzamentos para garantir que se empregue con criterios de interese público e non de intercambio político.

E continuaremos defendendo unha Ortigueira con servizos dignos, investimentos estruturais, participación cidadá e un modelo de desenvolvemento pensado para o futuro, non para cubrir pactos oportunistas.

Nos dous anos que levamos de mandato, presentamos alternativas, propostas e melloras que beneficiaron, benefician e beneficiarán ao conxunto do Concello de Ortigueira e que desde a nosa posición, con 1 único concelleiro de 13, seguiremos defendendo para o noso concello.

BNG Ortigueira
Ao servizo da veciñanza. Ao servizo de Ortigueira.