O BNG de Ortigueira solicita unha ordenanza para regular o estacionamento e pernocta de autocaravanas

O BNG considera que o Concello de Ortigueira está a perder unha gran oportunidade para atraer turismo de calidade ao termo municipal debido á ausencia de áreas habilitadas que permitan acoller a práctica do autocaravanismo.

O BNG de Ortigueira vén de rexistrar unha moción no Concello para ser debatida no próximo pleno coa finalidade de solicitar a redacción dunha ordenanza municipal que regule o estacionamento e a pernocta de autocaravanas, vehículos tipo camper e caravanas no termo municipal. Esta medida busca mellorar a convivencia entre o turismo itinerante e a veciñanza, así como preservar o espazo público e o medio ambiente.

A crecente chegada de autocaravanas a Ortigueira, especialmente en tempada estival e durante os festivos, está a provocar problemas relacionados co estacionamento descontrolado e o uso inapropiado de espazos públicos. A situación actual, situación que afecta tanto á imaxe do concello como á calidade de vida dos seus habitantes.

A proposta suxire a creación de áreas específicas para o estacionamento destes vehículos, dotándoas dos servizos necesarios, como a evacuación de augas grises e negras ou acceso a auga potábel. Tamén se solicita que o proceso de redacción da ordenanza conte coa participación da veciñanza e expertos no sector, co obxectivo de garantir unha normativa equilibrada e axustada ás necesidades locais.

Consideramos que é necesario regular o turismo itinerante en Ortigueira, seguindo exemplos doutros concellos, xa que isto permitirá fomentar un turismo sustentábel e de calidade, ao tempo que se protexe o entorno natural e se contribúe ao desenvolvemento económico do municipio. A ordenanza, que debería estar aprobada antes do verán de 2025, tamén establecería normas claras para reducir o impacto ambiental e urbano desta actividade.

Pensamos que coa aprobación desta ordenanza non só melloraría a experiencia das persoas que practican este tipo de turismo, senón que tamén solucionaría moitas das queixas veciñais que se veñen rexistrando nos últimos anos.