Novo verquido no Río Mera
Este pasado domingo, 28 de xullo, varias persoas puxéronse en contacto cos responsábeis do BNG de Ortigueira para alertar sobre a presenza de peixes mortos flotando ao longo do río Mera e tamén se denunciou esta situación nas redes sociais.
Desde o BNG de Ortigueira consideramos que esta situación é inaceptábel e require unha resposta inmediata desde as diferentes administracións e lamentamos que unha vez máis, miren cara outro lado.
A veciñanza tamén nos comenta que empeza a estar cansa de sufrir verquidos cada certo tempo, unhas veces son cheiros, outras veces é tinguir o río de cores e, como vemos días despois, sempre con consecuencias desastrosas para a nosa fauna e flora. Como ocorreu nesta ocasión, con centos de peixes mortos.
Consideramos que tanto a administración local, como a administración autonómica deben tomar medidas urxentes para abordar este problema e protexer as nosas contornas naturais.
Tamén queremos dicir que xa nos puxemos en contacto cos nosos deputados comarcais para ver que pasos e accións podemos realizar.
Invitamos a toda a veciñanza a seguir denunciando calquera vertido que poidan observar, enviándonos información e imaxes por redes sociais ou a ortigueira@bng.gal