Non queda nada
O pasado venres 01/12 o noso compañeiro Manuel Riveira Carballo publicaba o seguinte artigo na Voz de Ortigueira
NON QUEDA NADA
Non queda nada, ou máis ben, remataron con todo. A identidade do galego responde a un carácter Local, polo que o nacional moitas veces nos resulta alleo a nós, pero se tomamos todas as localidades como pezas dun quebracabezas, podemos xuntos armalo enteiro.
Podemos observar como diariamente, mes tras mes, ano tras ano, se repiten as mesmas protestas. O que comezou coma un recorte menor, rematou sendo unha catástrofe. A xente recibe atónita a nova de que no seu pobo non haberá máis médicos, máis caixeiros, máis transporte público, máis profesorado, máis industria… en outras palabras, a xente recibe a noticia de que o seu pobo é unha vítima máis da imprudencia e ignorancia dos seus gobernantes (ou quizáis dun desmantelamento premeditado?).
Cando todas as entidades locais sofren polo mesmo, podemos chegar á conclusión de que o erro quizais non se atope no local, senón no ámbito nacional.
Os culpábeis seguen sacando maiorías absolutas, tendo eles a responsabilidade de todas estas competencias.
Nós, os galegos e galegas que habitamos na crúa realidade, debemos abandonar a submisión e sacar fóra toda a nosa personalidade.
Fronte ó atropelo ó que nos someten, dignidade coma pobo.
Manuel Riveira Carballo