Pleno Ordinario 30 de maio de 2025

BNG Ortigueira: Fiscalización rigorosa, propostas claras e defensa do interese común

vídeo do pleno

No pleno ordinario do 30 de maio, o BNG de Ortigueira mantivo a súa liña de traballo seria e propositiva. As intervencións do seu portavoz, Marco Schaal, puxeron de manifesto tanto a falta de rigor do Goberno municipal como a capacidade do BNG para ofrecer alternativas realistas e sensíbeis co territorio. A continuación, resumimos os principais puntos tratados:

1. Corrección dun erro no acordo POS+2025

O BNG abstívose, reiterando o seu apoio aos proxectos incluídos, moitos deles propostos polo noso grupo desde fai 2 anos, pero denunciamos a cadea de erros administrativos cometidos polo Goberno e solicitamos que se implementen sistema de control e supervisión para evitar que erros coma estes retrasen as solicitudes de axudas que benefician a toda a veciñanza (outro caso semellante foi a solicitude de grúas e camas, que se retrasou máis de 13 meses, recibíndose aínda no primeiro trimestre do ano 2025) .

🔸 Resultado: aprobado cos votos do PP (5); abstención da oposición (7).

2. Adhesión á APLU e delegación de competencias urbanísticas

O BNG mostrou cautela ante unha proposta que considerou precipitada e sen a información mínima necesaria para a súa valoración. O noso portavoz solicitou dúas quendas de palabra. Na intervención inicial, formulou preguntas concretas que non foron respondidas nin polo alcalde nin polo concelleiro de urbanismo.:

  • Cantos expedientes urbanísticos están pendentes no Concello?

  • Que casos concretos xustifican esta urxencia para delegar competencias na APLU?

  • Que beneficios e custos prevé o Goberno con esta adhesión?

  • Por que se propón delegar antes de actualizar as Normas Subsidiarias ou iniciar un PXOM?

  • Que garantías hai de que a APLU actúe con proporcionalidade e sensibilidade coa realidade rural de Ortigueira?

  • Que mecanismos se habilitarán para informar á veciñanza sobre as consecuencias desta decisión?

Sen recibir resposta a ningunha destas cuestións, e sen permitir unha segunda quenda de intervención, o Goberno levou o punto a votación, sen dispoñer da maioría absoluta necesaria (7 votos). A proposta non foi aprobada. Desde o BNG denunciamos unha vez máis este modo de actuar, que reflicte unha falta de vontade para dialogar e construír acordos, especialmente grave nun contexto de goberno en minoría, e máis aínda cando o grupo de goberno se presentou ao pleno con só 5 dos seus 6 concelleiros.

🔸 Resultado: non aprobada.

3. Aprobación do contrato de limpeza e hixiene en edificios municipais

O BNG advertiu da falta de planificación: detectáronse erros nas horas asignadas por centro, como a asignación de limpeza anual a edificios sen uso actual, ou o uso de horarios parciais mal desagregados. Denunciouse a ausencia dun estudo técnico realista que xustificase o custo (superior aos 700.000 euros). A intervención apuntou á necesidade de explorar a remunicipalización como vía máis eficiente.

🔸 Resultado: aprobado cos votos do PP (5) e PSOE-PSdG (4); abstención do BNG (1) e P.Orti (2).

4. Exclusión dunha oferta no proceso de licitación

🔸 Resultado: aprobado cos votos do PP e PSOE; abstención do BNG e P.Orti.

5. Recoñecemento extraxudicial de crédito

Unha vez máis, o Goberno recorreu a este mecanismo para regularizar facturas de gastos realizados sen orzamento aprobado. O BNG lembrou que este recurso era criticado polo PP cando estaba na oposición e agora convértese nunha práctica habitual. Exixiuse a presentación inmediata do orzamento 2025, comprometido desde decembro.

🔸 Resultado: aprobado cos votos do PP (5); abstención da oposición (7).

6. Modificación da ordenanza fiscal nº15 (Festival do Mundo Celta)

Desde o BNG recoñecemos a necesidade de actualizar as taxas municipais, especialmente no Festival do Mundo Celta, pero temos que denunciar unha vez máis a falta de previsión do goberno local ao presentar esta modificación sen tempo para aplicala este ano. A proposta chega tarde e con subas desproporcionadas que afectarían gravemente á participación.

O portavoz do BNG exemplificou o impacto: un gastrobús pasaría a pagar máis de 1.000€ (reservados 12 postos), e un posto de artesanía, case 300€ (reservados 40 tipo 1 e 10 tipo 2). Esta última cifra resúltanos especialmente preocupante, pois a feira de artesanía é o principal foco de actividade diúrna do festival mentres non hai concertos. Consideramos que subir a taxa ata os 300€ aos artesáns é poñer en risco a Feira de Artesanía.

Con todo, o BNG sempre está aberto ao diálogo e aportar idea, de aí que propuxéramos un modelo máis xusto: tarifas adaptadas, bonificacións e diálogo cos diferentes sectores e axentes implicados.

A oposición aprobou retirar o punto (7 votos fronte a 5 do PP), para poder ser revisada con rigor.

🔸 Resultado: retirada.

7. Recoñecementos de compatibilidade laboral

O BNG apoiou os recoñecementos ao cumpriren os requisitos legais.
🔸 Resultado: aprobados por unanimidade.