Pleno Ordinario de data 06.08.2025
No pleno ordinario de xullo de 2025, celebrado o 6 de agosto de 2025, participaron 10 concelleiros e concelleiras: 5 do Goberno Municipal do PP, 2 do PSOE-PSdG, 2 de P.Orti e o noso concelleiro e portavoz municipal, Marco Schaal (BNG).
Resumo do Pleno Ordinario do mes de novembro de Ortigueira
O útimo pleno municipal abordou cuestións de grande relevancia para Ortigueira. O BNG destacou unha vez máis o seu compromiso coa transparencia, a xestión responsábel e a defensa dos intereses da veciñanza, ao tempo que criticou a constante improvisación do goberno local, que continúa xestionando asuntos cruciais de forma opaca e desorganizada.
Antes de inciar o pleno, a corporación municipal gardou un minuto de silencio polo pasamento do concelleiro José Antonio Monteagudo. Desde o BNG, unha vez máis, trasladamos o noso pésame e apoio ao Partido Popular, familia e achegados nestes momentos difíciles.
Punto 1: RECLAMACIÓN DE REINTEGRO DE GASTOS XUDICIAIS
O goberno local PP-XA, a pesar de criticar a indemnización e o alto custe da mesma, decidiu absterse nun punto clave, eludindo as súas responsabilidades. Durante o debate, o portavoz do BNG fixo referencia a informes contraditorios entre a Intervención e a Secretaría Xeral, polo que entre outras cousas, solicitou o adiamento do punto para garantir unha toma de decisións fundamentada en criterios legais, proposta que foi ignorada polo executivo municipal.
Proposta do BNG:
-
Redactar un regulamento que permita tomar decisións con base legal e transparente, para evitar futuras controversias.
Resultado da votación: O BNG, PSOE e PO votaron en contra, mentres o goberno optou pola abstención.
Puntos 2 e 3: MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA MEDIANTE CRÉDITO EXTRAORDINARIO e RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITOS
O debate destes puntos, relacionados co pago de facturas pendentes, foi adiada debido á falta de xustificación clara dalgúns gastos e aos reparos do departamento de intervención.
-
Subliñouse a necesidade de explicar detalladamente os conceptos pendentes de pago, priorizar aos provedores locais e corrixir as deficiencias detectadas.
-
Criticouse a falta de planificación e a opacidade do goberno local na xestión económica.
Punto 4: MOCIÓN DO PP SOBRE TAXAZO MUNICIPAL XESTIÓN RESIDUOS
Aprobada. O portavoz do BNG destacou que o texto presentado polo PP era un modelo estandarizado sen adaptar a Ortigueira, con erros evidentes que mostraban falta de traballo e preocupación real.
O noso portavoz municipal, Marco Schaal, criticou que o PP presentase unha moción que só busca trasladar a culpa ao Goberno central, ignorando o papel da Xunta na suba do canon de SOGAMA, ademais de que o BNG xa presentara unha moción en xullo deste ano tratando este tema.
Lembrou que o modelo actual, imposto polo PP na Xunta, é caro, centralizado e insustentábel, que prioriza a incineración fronte a alternativas máis ecolóxicas.
Propostas do BNG:
-
Impulsar a compostaxe de proximidade e a reciclaxe.
-
Reducir a dependencia de SOGAMA a través dun modelo descentralizado de xestión de residuos.
-
Solicitar que a recadación do imposto de residuos reverta na totalidade nos concellos para facilitar a transición a modelos máis sustentables.
-
Potenciar a cooperación intermunicipal para abaratar custos e mellorar a eficiencia.
Punto 5: MOCIÓN DE PO INTERESADO NA REDACCIÓN DUN PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS
Aprobada por unanimidade, esta moción buscaba establecer un plan estratéxico de subvencións e convenios para apoiar ás asociacións locais. O BNG recoñeceu a importancia do tema, pero non deixou de sinalar as carencias do goberno municipal neste ámbito, destacando a súa histórica inacción.
Marco Schaal recoñeceu a boa intención da moción, pero apuntou directamente á realidade do goberno municipal, "o goberno semella ese amigo que sempre di 'mañá comezo a facer deporte', pero nunca pasa de 'mañá'”.
Subliñou o incumprimento de compromisos básicos, especialmente o caso das axudas escolares, anunciadas reiteradamente como "inminentes" e que saíron o día anterior ao pleno, 6 meses despois, deixando claro que o goberno actúa por reacción e non por planificación.
Tamén houbo críticas á falta de concreción da proposta de PO, advertindo que, sen planificación orzamentaria nin prazos reais, esta moción podería quedar nunha declaración de intencións sen efectos prácticos, lembrando que “en 2023, preguntamos polos convenios e subvencións, e a resposta foi escorrer o bulto. Un ano despois, seguimos igual”.
Propostas do BNG
Máis alá das críticas centras nas formas de actuar e traballar do goberno municipal, o BNG sempre vai propoñer ideas e solucións :
-
Planificación orzamentaria concreta, con partidas destinadas a cultura, deporte, asociacións e axudas sociais.
-
Sistema de subvencións accesíbel para que tamén as pequenas asociacións e as das parroquias poidan beneficiarse.
-
Cumprimento de prazos en todas as iniciativas, evitando a demora habitual.
Marco Schaal destacou que non se pode seguir permitindo a parálise do goberno municipal e rematou cunha reflexión: "Non podemos quedarnos nas promesas ou no 'mañá'. As propostas teñen que materializarse. É hora de facer, non de esperar”.
Punto 6: MOCIÓN DO BNG RELATIVA Á SITUACIÓN DO IDIOMA PROPIO DA GALIZA
Aprobada cos votos do BNG, PSOE, PO e XA, e coa abstención do PP. Esta iniciativa busca dinamizar o uso do galego e fomentar o consenso arredor do seu valor como parte esencial do noso patrimonio cultural.
Punto 7: MOCIÓN DO BNG SOLICITANDO CUBRIR, ADAPTAR E GARANTIR A INCLUSIVIDADE NOS PARQUES INFANTÍS
Aprobada por unanimidade, esta moción presentada polo BNG buscaba mellorar as infraestruturas dos parques infantís no concello, propondo a súa cobertura para garantir o uso durante todo o ano e facilitar espazos inclusivos e accesíbeis para todas as crianzas.
Schaal destacou a importancia de responder a unha queixa recorrente das familias orteganas sobre o mal estado e a falta de mantemento dos parques, así como a limitación de uso pola climatoloxía adversa: "Sabemos que as chuvias e os ventos en Ortigueira obrigaron durante moito tempo ás crianzas a renunciar a espazos que son vitais para a súa aprendizaxe, socialización e lecer. Esta é unha realidade que podemos e debemos cambiar”.
Remarcou que esta proposta non é unha utopía, senón unha solución concreta e viábel, baseada en exemplos próximos: "En Ribeira, cubriron un parque infantil cunha estrutura téxtil por 97.000 euros financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña. Por que en Ortigueira non podemos facer o mesmo? Temos acceso a ese mesmo plan, ás axudas da Xunta e aos fondos Next Generation EU para proxectos públicos sustentábeis."
AA intervención fixo énfase no potencial transformador desta iniciativa, defendendo que era posible dispoñer de parques accesíbeis tamén para crianzas con diversidade funcional, co único requisito de que o goberno municipal asumise o compromiso de traballar pola súa execución.
Schaal fixo un chamamento ao consenso, apelando ao impacto positivo que esta medida tería nas crianzas e nas súas familias: "O futuro deste concello constrúese coas decisións que tomamos hoxe, e decidir cubrir os parques infantís en Ortigueira é apostar polas nosas crianzas e polas súas familias”.
A aprobación unánime da moción reflicte o recoñecemento da corporación á necesidade desta medida, quedando agora na man do goberno municipal executar a proposta co apoio dos fondos dispoñíbeis.
Punto 8: MOCIÓN DO BNG RELATIVA Á REIVINDICACIÓN DO 25N
Aprobada cos votos favorábeis de BNG, PSOE, PO e XA e a abstención do PP, a moción presentada polo BNG recoñece que, mentres exista unha soa muller vítima da violencia machista, como sociedade estaremos fallando colectivamente.
"Desde 2003, case 1.300 mulleres foron asasinadas pola violencia machista no Estado español, 72 delas aquí, na Galiza. E, si, cada unha destas mortes é un fracaso colectivo que non podemos aceptar como parte do día a día."
Referíndose á situación local, subliñou que en Ortigueira e na comarca do Ortegal tamén hai mulleres que sofren violencia de xénero, e que a resposta institucional debe ser reforzada: "estas mulleres precisan atención psicolóxica, apoio económico e garantías de seguridade. Pero o noso CIM está insuficientemente dotado para ofrecerlles todo o que precisan. Por iso, nesta moción propoñemos reforzar os seus recursos con máis persoal e unha ampliación orzamentaria para permitir unha atención integral."
A intervención recolleu tamén unha proposta fundamental: “Solicitamos a creación dunha partida específica de axudas directas para mulleres vítimas de violencia de xénero no noso municipio. Non estamos a falar de grandes cifras; estamos a falar de garantir recursos que poidan cambiar vidas, de protexelas."
No ámbito galego, denunciouse a intención do goberno do PP de privatizar os centros de crise 24 horas, precarizando un servizo esencial que debería ser público e universal. Desde o BNG reiteramos a importancia de priorizar políticas efectivas en recursos, prevención e apoio.
Schaal rematou a intervención cunha chamada á responsabilidade colectiva: “Hoxe lembramos ás mulleres que non están, pero tamén asumimos unha responsabilidade: facer todo o que estea na nosa man para que ningunha máis teña que sumar o seu nome á lista negra da violencia machista”.
A aprobación da moción é un recoñecemento da corporación á necesidade de reforzar os recursos e o compromiso municipal contra a violencia machista, quedando agora pendente a materialización das medidas propostas.
Punto 9: MOCIÓN SOBRE A REXENERACIÓN DE MOROUZOS
Aprobada cos votos de PSOE, PP e XA, coa abstención de PO e o voto en contra do BNG. A moción sobre a rexeneración de Morouzos xerou un intenso debate, no que o BNG criticou duramente as formas do Goberno Municipal.
O noso portavoz subliñou a importancia de preservar os ecosistemas dunares, mais cualificou como inaceptábel a xestión deficiente e a falta de transparencia que caracterizaron este asunto. Lembrou que o goberno local tiña coñecemento desde o 12 de novembro da necesidade de aprobar o proxecto en pleno, mais ignorou esta obriga procedemental, presentándoo como unha urxencia o día anterior, sen dar marxe para o debate ou o estudo da documentación.
Desde o BNG cuestionamos a falta de rigor técnico e esiximos aclaracións sobre aspectos clave, como a existencia de informes de impacto ambiental e os criterios que garantan que as actuacións serán efectivas e non repetir erros, como os xa vistos en Morouzos, a praia da Basteira en Cariño ou no río Mera.
Por todo isto, o portavoz solicitou a dimisión da concelleira responsábel pola reiterada falta de transparencia e o incumprimento dos procedementos democráticos.
Desde o BNG reiteramos o noso compromiso cos proxectos que protexan o patrimonio natural, mais advertimos que non toleraremos que causas tan importantes sexan xustificación para malas prácticas administrativas. "O respecto polo medio ambiente comeza polo respecto á cidadanía e aos seus representantes”, concluíu Schaal, votando en contra para denunciar as formas impropias desta xestión.
Punto 10: DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA OS MACRO PROXECTOS EÓLICOS NA COMARCA DO ORTEGAL
O BNG está totalmente de acordo co contido da declaración, que defende o noso territorio fronte a un modelo enerxético abusivo e depredador. Apoiaremos sempre a loita polo rural vivo e o respeto á veciñanza, porque non queremos que se siga impoñendo un modelo que afoga ás comunidades locais e beneficia só ás grandes empresas.
Opoñémonos ás formas do goberno, que, a pesar de ter semanas para preparar esta declaración, optou por traerla ao pleno como urxencia sen pasar antes pola comisión. Isto demostra improvisación e falta de respecto aos procesos democráticos. A urxencia non vén do contido, senón da deficiencia organizativa do goberno que contaba coa declaración institucional desde fai semanas.
Aínda que apoiamos o fondo da declaración, o goberno local debería respectar os tempos e a transparencia. O BNG está aquí para esixir un mellor goberno, e con estas formas, está moi lonxe de conseguilo.
Rogos e preguntas
O BNG trasladou varias inquietudes veciñais sobre o estado das infraestruturas e a xestión municipal, quedando pendentes as respostas do goberno para o pleno ordinario de xaneiro.
En definitiva, o pleno evidenciou unha vez máis a falta de planificación e transparencia do goberno local, que segue improvisando en cuestións clave e saltándose os acordos adoptados na celebracións das comisións e dos plenos. Pola contra, o BNG reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza, presentando propostas concretas para mellorar a xestión económica, dinamizar a cultura galega e garantir un futuro sustentábel para Ortigueira.
Pleno ordinario 27/09/24
Participaron 11 dos 13 concelleiros do pleno municipal de Ortigueira, o concelleiro Marco Schaal do BNG, os 5 do Goberno Municipal, 3 do PSOE e os 2 de PO.
Expediente 1516/2024: Aprobación inicial da ordenanza fiscal nº 39 sobre taxa polos servizos de emerxencias, prevención e extinción de incendios e salvamento
Votación: Goberno Local (a favor), BNG, PO, PSOE (abstención).
O pleno aprobou inicialmente a ordenanza fiscal para a taxa polos servizos de emerxencias, prevención e extinción de incendios e salvamento, cos votos a favor do Goberno Local e a abstención do BNG, PO e PSOE. Desde o BNG indicamos que a proposta tiña un futuro incerto debido á falta de regularización legal e que antes de impoñer a taxa, sería necesario que o goberno explicase como pensaba regularizar este servizo, que carecía de base legal e operativa clara. Dada a falta de aclaracións do goberno, o BNG optou pola abstención.
Expediente 1770/2024: Modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 42/2024 (Facturas)
Votación: Goberno Local (a favor), BNG, PO, PSOE (abstención).
A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e a abstención dos demais grupos. Seguimos lamentando que o goberno local non presentase solucións para mellorar a xestión financeira do concello, a pesar de termos proposto medidas como a división de facturas en lotes ou a creación dunha comisión de seguimento do gasto, un borrador de orzamento ou un plan financeiro-económico para os meses que quedan de ano. A falta de acción do goberno levounos a absternos nesta votación. Con todo, a responsabilidade da situación que vive o Concello de Ortigueira cos seus proveedores é exclusivamente do goberno local, que non aborda os problemas de xestión financeira nin ten intención de diálogo ou chegar a acordos coa oposición.
Expediente 1807/2024: Recoñecemento Extraxudicial de Créditos
Votación: Goberno Local (a favor), BNG (en contra), PO, PSOE (abstención).
O recoñecemento extraxudicial de créditos foi aprobado cos votos a favor do Goberno Local, a abstención do PO e do PSOE, e o voto en contra do BNG. A pesar de absternos na modificación de crédito, rexeitamos a proposta deste recoñecemento debido a que o goberno non acepte ningunha das nosas suxestións para mellorar a xestión orzamentaria e evitar a acumulación de modificacións e recoñecementos extraxudiciais. Esta acumulación é unha mostra máis de mala xestión, xa que nun concello ben administrado non serían necesarias tantas rectificacións.
Relacionado: comunicado conxunto
Expediente 1958/2024: Moción do Partido Popular sobre a situación política de Venezuela
Votación: Goberno Local, PSOE (a favor), BNG, PO (abstención).
A moción sobre a situación política de Venezuela foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e do PSOE, mentres que o BNG e PO se abstiveron. O BNG cuestionou a pertinencia de tratar un tema de política internacional nun pleno municipal, considerando que o enfoque debería estar nos problemas locais de Ortigueira. A moción presentada polo PP non resolve os problemas urxentes da nosa veciñanza e sirve como cortina de fume e de distracción para non falar da súa mala xestión ou para non falar dos problemas municipais, como a sanidade, macroparques eólicos, a calidade da comida na residencia de maiores ou o servizo deficiente do transporte público (por estrada e ferrocarril). En consecuencia, optamos pola abstención.
Expediente 1957/2024: Moción de Primeiro Ortigueira sobre queixas pola calidade da comida na residencia de anciáns
Votación: BNG, PO, PSOE, 1 concelleiro do Goberno Municipal (a favor), 4 concelleiros do Goberno Municipal (abstención).
A moción foi aprobada con maioría de votos a favor, incluíndo os do BNG, PO, PSOE e unha concelleira do Goberno Municipal, mentres que outros catro concelleiros do Goberno Municipal se abstiveron. Desde o BNG apoiamos esta moción debido ás numerosas queixas sobre a calidade da comida na residencia de maiores Dolores Díaz Dávila. Asimesmo, defendemos a necesidade de cambios estruturais na alimentación, substituíndo a comida requentada por comida fresca preparada diariamente nas instalacións da residencia. Tamén se solicitou a utilización de produtos locais para beneficiar a economía circular e apoiar así o mantemento ou creación de novos postos de traballo no noso municipio ou comarca.
Expediente 1952/2024: Moción do BNG sobre a ordenanza de estacionamento e pernocta de vehículos en Ortigueira
Votación: Aprobada por unanimidade.
A moción foi aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais. Con esta nova ordenanza preténdese regular o estacionamento e a pernocta de vehículos en Ortigueira, o que mellorará a xestión do espazo público, atendendo a unha demanda da veciñanza.
Expediente 1996/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 52/2024
Votación: Goberno Local, PSOE (a favor), BNG, PO (abstención).
A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e do PSOE, e a abstención do BNG e PO. De novo, criticamos a falta de previsión e planificación do goberno local e que non tomara medidas preventivas para renovar o contrato de renting dos equipos informáticos, que expirara en agosto de 2023. Consideramos necesario a renovación do equipamento tecnolóxico, pero ante a falta de transparencia nas comisións previas, a falta de previsión e considerando que esta urxencia non se xustificaba por imprevistos, senón pola mala planificación do goberno local, optamos pola abstención.
Expediente 1995/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 51/2024
Votación: Goberno Municipal (a favor), BNG, PSOE, PO (abstención).
A modificación orzamentaria para a reparación da cuberta traseira do Teatro de Beneficencia foi aprobada cos votos a favor do Goberno Municipal e a abstención dos demais grupos. Recoñecemos a importancia e a urxencia desta obra para garantir a conservación do teatro, pero suxerimos que este tipo de proxectos deberían planificarse con máis antelación para evitar depender de modificacións orzamentarias constantes e buscar outras vías de financiamento. Criticamos tamén a utilización das modificacións de crédito como comodín para presionar á oposición para sacar adiante as propostas, ademais de non presentar ningunha das propostas nas comisións e tendo os orzamentos das obras desde fai varios meses atrás.
Expediente 1994/2024: Proposición de modificación orzamentaria mediante crédito extraordinario 50/2024
Votación: Goberno Municipal (a favor), BNG, PSOE, PO (abstención).
A proposta foi aprobada cos votos a favor do Goberno Municipal e a abstención dos demais grupos. De novo recoñecemos a necesidade e urxencia da mellora do saneamento en Cuiña (e nas demais parroquias), pero advertimos que o orzamento presentado pola empresa, e que se aprobou polos votos do PP, non incluía custos adicionais como visados colexiais, levantamento topográfico ou estudos xeotécnicos, o que podería incrementar o prezo final da obra. Solicitamos claridade sobre se o goberno local contemplaba estas posíbeis variacións, pero ao non obter resposta, optamos pola abstención.
Pleno ordinario de data 30.05.2024
No último pleno municipal de Ortigueira, abordáronse os seguintes puntos:
-
Expediente 1156/2024. Modificación Orzamentaria mediante Crédito Extraordinario/Suplemento de Crédito 27/2024CE-SC2
-
Resultado da votación: Aprobada cos votos a favor do goberno e en contra da oposición.
-
Detalles: O BNG volve criticar duramente as formas de actuar do goberno, destacando a falta de orzamentos actualizados, a mala xestión e a falta de diálogo. A pesar de apoiar o arranxo de centros sociais e a contratación de socorristas nas praias, a oposición non puido votar a favor debido á xestión deficiente do goberno. Subliñamos, como en anteriores ocasións, que esta situación poderíase ter evitado cunha mellor planificación e transparencia.
-
-
Expediente 1130/2024. Adhesión a Declaración Institucional Día Nacional da Convención Internacional sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade
-
Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.
-
Detalles: Non houbo discusión sobre este punto, que contou co apoio de todos os grupos, demostrando consenso en cuestións de dereitos fundamentais.
-
-
Expediente 1132/2024. Apoio ao Colectivo de Persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) Galegas
-
Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.
-
Detalles: Similar ao punto anterior, non houbo controversia e foi aprobado por unanimidade, destacando a importancia de apoiar a aqueles que padecen esta grave enfermidade.
-
-
Axudas Escolares
-
Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.
-
Detalles: A primeira das 4 proposta do BNG. A moción presentouse para establecer e aumentar as axudas escolares, foi ben recibida por todos os grupos. Destacouse a importancia de garantir recursos para todas as persoas estudantes, especialmente as que estean en situacións desfavorábeis. Resaltouse a necesidade de elaborar e redactar as bases para conceder axudas escolares para o curso 2024-2025.
-
-
Exención de Pago a Portos de Galiza
-
Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.
-
Detalles: Proposta tamén do BNG, que buscaba aliviar a carga financeira do concello por mor dos canons e autorizacións cobrados por Portos de Galiza. A moción subliñou a necesidade de xestións máis transparentes e eficientes, e propoñíase a exención de tarifas para actividades de entidades locais e sen ánimo de lucro.
-
-
Proposta da CIG
-
Resultado da votación: Aprobada cos votos do BNG, PSOE e XA, e coa abstención de PO e PP.
-
Detalles: A proposta buscaba mellorar as condicións laborais e combater a pobreza laboral, destacando a importancia de establecer un Marco Galego de Relacións Laborais. Destacouse a necesidade de protexer os dereitos laborais para afrontar os cambios no tecido produtivo e o impacto das novas tecnoloxías.
-
-
Moción de Rexeitamento a ALTRI
-
Resultado da votación: Non aprobada.
-
Detalles: Só contou co voto favorábel do BNG. O PSOE e PO abstivéronse, mentres que PP-XA votaron en contra. A moción pretendía expresar o rexeitamento á instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei debido ao seu impacto ambiental e social negativo, destacando a falta de transparencia e os posíbeis prexuízos económicos e ambientais.
-
-
Expediente 1209/2024. Modificación Orzamentaria mediante Crédito Extraordinario 28/2024.CE4
-
Resultado da votación: Considerada non urxente e, polo tanto, non se votou.
-
Detalles: A moción foi considerada non urxente debido a que a documentación foi presentada polo goberno do PP-XA escasas horas antes do pleno. Ademais, o propio informe achegado polo goberno municipal indicaba un incumprimento, sinalando un déficit orzamentario de -229.025,09 euros segundo a normativa SEC 2010. O BNG criticou novamente as formas do goberno, subliñando a mala xestión e a falta de previsión económica, o que nos está levando, según os propios informes do goberno, a situación financeira a un punto crítico.
-
Pleno Ordinario 31/01
PREGUNTAS
1.- Trasládannos queixas sobre o funcionamento da "liña verde" que ten dispoñíbel o Concello de Ortigueira. A veciñanza di que presentan a dúbida ou queixa ante o organismo competente, mais non obteñen resposta. Segue funcionando esta liña de comunicación veciñanza-concello? Por que non se lles dá resposta nas 24 horas seguintes a formular a dúbida ou queixa?
O Sr. Alcalde di que o programa “Liña Verde” funciona ben e que si se lles dá resposta. Que se non se dá resposta en 24h é porque hai avarías ou incidencias que non se poden resolver nese tempo.
2.- Desde o Concello de Ortigueira publicouse que se ían convocar novas Actividades de Dinamización Sociocomunitaria. Xurdiron dúbidas ao respecto destas actividades, quen as vai desenvolver? Unha empresa privada ou as propias asociacións veciñais? Que custe lle supón ao concello facerse cargo de activdades que xa se ofertaban en diferentes centros sociais e que realizaban as diferentes asociacións veciñais? Houbo algún tipo de diálogo entre concello e asociacións para a realización destas actividades?
A Sra. Concelleira deixou claro que ou non entendeu as preguntas ou non quixo entendelas. Isto último, seguramente por falta de argumentos. Comezou o seu mitin propagandístico intentando desacreditar ao noso portavoz referíndose á vida persoal ou facendo un xuízo de valor sobre a mesma. Algo que consideramos fóra de lugar para responder ás preocupacións que nos trasladaron diferentes asociacións veciñais.
Pero si demostra con esa actitude a altura política e persoal da persoa que fai esas alusións co único fin de intentar desacreditar a un rival político. E non é a primeira vez que o fai e seguramente non sexa a última.
Tamén demostran que a política do PP-XA segue sendo a mesma que cando estaba na oposición: por falta de argumentos, van ao terreo persoal.
Era preciso facer a alusión á vida persoal? NON.
Era preciso facer o mítin xustificando o “ao redor dun café”? NON.
Respondeu ás preguntas solicitadas? ALGUNHAS. Unhas actividades que xa realizaban as Asociacións Veciñas, van ser levadas a cabo por unha empresa privada. Tamén deixa claro que non falou coas asociacións, senón que, falou coas veciñas e cos veciños, pero non coas asociacións.
3.- Preguntamos xa en agosto como ían ser os convenios coas asoaciacións veciñais, 6 meses despois ninguén sabe como nin cando se van asinar uns convenios que xa deberían estar en marcha para o bo funcionamento dos programas que desenvolven as nosas asociacións veciñais. Preguntamos de novo e non responda como da última vez “como se viña facendo” porque non se facía ben nin antes nin agora: como van ser eses convenios? Neses convenios recollerase tamén as condicións e concesión completa dos Centros Sociais parroquiais ás AAVV de ditas parroquias?
A Sra. Concelleira respondeu que se estaban reunindo coas asociacións desde fai uns meses e que o departamento xurídico do concello estaba traballando para redactar uns decretos para que todas as entidades saian favorecidas por igual.
PREGUNTAS ANTERIORES SEN CONTESTAR
Á pregunta de se o concello solicitara a subvención para conseguir un vehículo para persoas maiores, dependentes ou con discapacidade con cargos aos fondos Next Generation UE?
A pregunta xa sabiamos que era un non, pero no pleno confirmouno. Sabemos que era non porque xa estaba fóra de prazo para ser solicitada cando se lles preguntou e non a tiñan tramitada, ademais do descoñecemento de tal subvención. Pero o Sr. Alcalde intentou xustificar a perda desta subvención comentando que o máximo de subvención eran 40.000€, que o Concello debería poñer outros 30.000€ e que non contabamos con eses cartos.
Valoración: A resposta foi un “excusatio non petita, pecata manifesta”. E por riba, saíulles mal, moi mal. É redundante a escusa de “non hai cartos”. Levan 7 meses dicindo o mesmo. Pero poñela para adquirir un vehículo necesario para as nosas persoas maiores, dependentes ou con discapacidade cando fai pouco, noutro pleno, dixeron que preferían gastar os cartos nestes asuntos en vez de contratar a unha persoa para dinamización lingüística (subvención de até 20.000 euros), pois... era máis fácil dicir que non tiñan coñecemento da subvención. Máis, cando en 7 meses de Goberno PP-XA, gastaron bastante máis dos 30.000€ que o "concello non ten" en festas e festexos. Prioridades do PP-XA.
Repetimos: tampouco tería pasado nada con dicir que non a pediron porque se lles pasou ou non sabía que había esa subvención. Polo menos sería unha resposta máis honesta.
Á pregunta do poste da luz na Rúa Eugenio López, que levaba meses aí e dixo que xa estaba falado e solucionado o tema. Pero que pasaban as semanas e os meses pero o poste segue aí entorpecendo e imposibilitando o tránsito da xente. Ata cando imos ter ese poste instalado aí?
Esta pregunta xa foi respondida nese pleno e puxémola na publicación do pleno de novembro. A resposta foi: que se reuniron cos responsábeis e que se vai solucionar na maior brevidade. Tamén comentaron uns problemas en Loiba e Espasante.
Neste pleno insitiron, porque xusto uns días antes do pleno de xaneiro retiraron, por fin, ese poste. Consideramos que a todas as persoas nos alegramos pola retirada do poste, mais non foi á maior brevidade posíbel e si despois de preguntarlles varias veces polo tema.
Ligado ao anterior, tamén ían corrixir o nome do noso portavoz e concelleiro na páxina web do Concello de Ortigueira (versión en castelán). Mentres xa realizaron modificacións nese apartado, introducindo o nome da nova concelleira do PSOE, seguen sen corrixir o nome do noso partido e concelleiro, nin outros erros que hai desde fai máis de 7 meses que se tomou posición dos cargos e despois de 2 meses de solicitalo.