Pleno ordinario de data 26.07.2024

Expediente 1352/2023 - Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para a xestión da EDAR de Ortigueira 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Preguntamos se as obras de mellora e conservación incluídas no convenio afectarán ao canon que paga a veciñanza. Ademais, será necesario presentar unha ordenanza nun prazo máximo de 6 meses tras a aprobación en pleno.

 

Expediente 1550/2024 - Determinación dos días de festas laborais no Municipio de Ortigueira para 2025 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Os días propostos son o 4 de marzo, martes de Entroido, e o 29 de xullo, día de Santa Marta.

 

Expediente 6/2024 - Aprobación do proxecto modificado titulado Humanización Avda de Cuba 

Resultado da votación: Aprobado con 4 votos a favor (3 PP e 1 concelleira Rego Martínez do Grupo Mixto) e 7 abstencións (4 PSdG-PSOE, 2 PO e 1 BNG). 

Resumo: Sinalamos a importancia de aproveitar esta obra para realizar os saneamentos necesarios, instalar canles de telefonía e fibra para internet, e resolver problemas relacionados cos bolardos e o estacionamento de vehículos.

 

Expediente 1448/2024 - Ratificación da resolución de adhesión á central de contratación da FEGAMP 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Ratificouse a adhesión do Concello de Ortigueira ao Convenio da FEGAMP para a contratación do servizo postal e telegráfico, beneficiándose así de vantaxes e descontos para comunicarse coa cidadanía.

 

Expediente 1551/2024 - Moción do concelleiro Marco Schaal Orizales (BNG) para a construción dunha beirarrúa que facilite o acceso á Residencia de Maiores 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Solicitouse a construción dunha beirarrúa para mellorar o acceso ao Centro de Día e ao Centro Residencial de Maiores en Miñaño, ampliándoa até a entrada da Senda Litoral da Ría de Ortigueira. Esta infraestrutura é esencial para a seguridade e comodidade dos residentes e transeúntes, especialmente para as persoas usuarias. Inclúense propostas de saneamentos en Miñaño e a creación dun carril bici e peonil ao longo da circunvalación.

 

Expediente 1552/2024 - Moción do concelleiro Marco Schaal Orizales (BNG) relativa ao rexeitamento da suba do canon de Sogama e por un novo modelo de xestión de residuos 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Instouse á Xunta de Galiza a mellorar a xestión de residuos e apoiar aos concellos, propoñendo a distribución equitativa dos 12.100.000 euros do Fondo Adicional segundo as toneladas de residuos, a creación dunha comisión entre SOGAMA, Medio Ambiente, Facenda e FEGAMP para definir o Canon 2025 e a promoción da compostaxe individual ou comunitaria. Tamén se mencionaron campañas de sensibilización para reciclar e separar residuos.

 

Expediente 1125/2023 - Moción dos voceiros dos grupos municipais PSdeG-PSOE e PO e do concelleiro Sr. Schaal Orizales (BNG) relativa á modificación das datas de celebración do pleno e das comisións informativas 

Resultado da votación: Aprobada con 7 votos a favor de BNG, PSdG-PSOE e PO. 

Resumo: Desde o BNG, consideramos que establecer un día concreto para realizar as comisións e plenos mellora a organización e o traballo do persoal administrativo e dos concelleiros.

 

ROGOS E PREGUNTAS

1. Ante os problemas de aparcamento en época estival, con vehículos invadindo liñas amarelas, beirarrúas e vados, sobre todo nas zonas turísticas e parroquias concorridas, pregúntase: ten o Goberno Municipal algunha medida máis efectiva que o uso da paciencia dos residentes? Están contemplando a posibilidad de habilitar zonas de aparcamento no que queda de verán?

A Concelleira de Turismo, Sra. Rego, responde que levan meses traballando nestes asuntos. En Céltigos colocaron sinais que desapareceron e hai problemas despois do aglomerado ao quedar as cunetas moi altas. En Espasante que se dotaron zonas de aparcamento pero que o problema di "temos a manía de chegar ata o mesmo sitio, ela mesma incluída", polo que unha das zonas habilitadas sempre está baleira. En Loiba seguen tendo o mesmos problemas.

2. Considerando a problemática do aparcamento en verán, pregúntase por que desde a área de Turismo non se propuxo unha liña de buses estival que facilite o acceso á praia con horarios e frecuencias axeitadas. Ou quizais o plan é fomentar o exercicio coa busca de aparcamento?

A Concelleira de Turismo, Sra. Rego, responde que analizando os custes (sobre 7000€) e os históricos desas liñas, que non había demanda suficiente para implementar este servizo. Con todo considera que ir á praia é importante pero non é de primeira necesidade.

3. Nos últimos meses, numerosas veciñas e veciños trasladáronnos queixas da falta de limpeza nos colectores do municipio. Como e cando pensa o Goberno Municipal solucionar este problema?

Responde o Sr. Alcalde, Sr. Calvín, que os operarios lle dixeron que é porque a xente bota o lixo en bolsas rompen ou directamente sen bolsa.

4. Relacionado cos colectores, nun pleno anterior preguntamos polos colectores marróns, que deberían estar en servizo xa a principios de 2024. Comentouse que se buscaban solucións, pero ata agora non vimos ningún colector novo. Está o Goberno Municipal xestionando a súa adquisición e instalación?

Responde o Sr. Alcalde, Sr. Calvín, ofrecendo a mesma resposta que dera o Concelleiro de Obras no mes de marzo de 2024. Seguen en diálogo cos demais concellos da contorna para intentar mancomunar o servizo e reducir gastos.

5. Sobre as charlas realizadas a principios de ano, concretamente a de Espasante sobre a senda peonil e a recollida de residuos en Abasteira, a veciñanza pregunta: houbo algún avance?

Responde o Concelleiro de Obras, Sr. Ponce, dicindo que é un proxecto de máis de un millón de euro e inviábel de asumir por parte do Concello de Ortigueira. A solución ofrecida é facer un convenio coa Deputación da Coruña para que se faga cargo da maior parte deste gasto.

 

 

ROGOS E PREGUNTAS presentadas no pleno e que se responderán no seguinte pleno ordinario.

 

PREGUNTAS

  1. A raíz das publicacións nas redes sociais do Concello sobre o curso de socorrismo, onde afirmaron en tres ocasións que o curso rematara (18 de maio, 26 de maio e 8 de xuño), pregúntase: por que a bolsa de contratación non se fixo ata o 10 de xullo? E máis grave aínda, por que o servizo de socorrismo non estaba operativo para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, como historicamente SI se viña facendo cando se contrataban socorristas? Por favor, eviten repetir as declaracións do Sr. Alcalde do 12 de xullo, e expliquen cal foi o verdadeiro motivo.

 
  1. Relacionado co servizo de socorrismo nos areais do Concello de Ortigueira. A xente trasládanos as seguintes preguntas: por que hai unha caseta de socorristas que está afastada a máis de 200m do areal e que nin ten vistas á zona de baño e non está no areal con vistas ao mar? Por que o persoal ten que empregar paos ou outros utensilios para pendurar as bandeiras e avisar do estado do mar? Por que as zonas de baño vixiadas nas praias non conta cunha zona delimitada con boias amarelas como historicamente se realizaba? 

 
  1. O 29 de maio anunciouse unha inversión de 50.000 euros para a mellora da Residencia de Maiores de Ortigueira, coa contratación das obras a cargo do Concello. Pregúntase: Vai facer algo o Goberno Municipal sobre os problemas estruturais nos dormitorios, baños e illamento, ou quedamos só no anuncio? E como vai a contratación das obras para a residencia? 

 
  1. Sabemos que están ao tanto das numerosas queixas por parte das persoas usuarias sobre a comida na residencia. Incluso fixeron unha comida con representantes das Consellerías, supoñemos que foi unha experiencia gastronómica reveladora. Despois de escoitar as queixas dos residentes, poderían compartir connosco a súa opinión sincera sobre a comida que alí lles ofreceron?

Poden facer algo desde o Goberno Municipal para mellorar a calidade do servizo de cátering? Por exemplo, utilizar a cociña e o forno que xa teñen na residencia para preparar a comida a diario e así mellorar a calidade e satisfacer aos nosos maiores?

 
  1. Canto lle custa de media ao Concello de Ortigueira cada Km de roza de pistas?

 
  1. Despois do Festival Internacional  do Mundo Celta de Ortigueira e con Ortigueira e Luama con sinais e paredes pintadas, algunhas cunetas con lixo, varandas estropeadas (que xa eran de antes, pero agora aínda peor), e un sin fin de máis mobiliario público en mal estado. Ten pensado o goberno municipal algún tipo de actuación para a limpeza, mantemento e conservación dos espazos públicos?

  2. Pregunta sobre as publicacións que saíron esta semana sobre o Parques Eólicos Badulaque e Barqueiro. Teñen pensado presentar finalmente o recurso de alzada ou ir ao contencioso administrativo como dixeron e reafirmaron nos plenos do verán pasado?

 

ROGOS

 
  1. Rogamos que se aborde a necesidade de mellorar o mantemento do parque automobilístico do concello. Algúns vehículos véselle un evidente deterioro e, polo que nos comentan, necesitan atención urxente para garantir a seguridade e eficiencia dos nosos servizos.

 
  1. Sabemos que a axenda cultural de xullo do Concello de Ortigueira non é para tirar foguetes, pero aínda así, os paneis informativos das parroquias seguen atrapados en xuño. De novo, rematamos outro mes e os paneis aínda non foron actualizados. Parece que a desidia e o pasotismo que tanto criticaron no pasado agora é a súa especialidade. Solicitamos e rogamos, unha vez máis, que actualicen os paneis a tempo e informen á veciñanza sobre as actividades culturais mensuais.

 
  1. Pídese que se proceda á rehabilitación e limpeza dos parques infantís, tanto no casco urbán coma o das parroquias, pois a maioría están nun estado lamentábel de conservación. 

 
  1. Fixémonos eco das queixas da veciñanza de practicamente todas as parroquias do concello. Levan semanas pedindo que se rocen as pistas, hai quitamedos, sinais, etc que xa non se ven porque están tapados de maleza. Rogámoslles que fagan caso ás demandas da veciñanza e comecen as rozas das pistas.

 
  1. Relacionado co anterior, tamén rogamos que fagan un exercicio de mantemento e conservación na lagoa de San Martiño, pois a pasarela ten táboas en mal estado, hai tramos nos que faltan etc.