Resumo do Pleno Ordinario do mes de novembro de Ortigueira

 

  O útimo pleno municipal abordou cuestións de grande relevancia para Ortigueira. O BNG destacou unha vez máis o seu compromiso coa transparencia, a xestión responsábel e a defensa dos intereses da veciñanza, ao tempo que criticou a constante improvisación do goberno local, que continúa xestionando asuntos cruciais de forma opaca e desorganizada.

  Antes de inciar o pleno, a corporación municipal gardou un minuto de silencio polo pasamento do concelleiro José Antonio Monteagudo. Desde o BNG, unha vez máis, trasladamos o noso pésame e apoio ao Partido Popular, familia e achegados nestes momentos difíciles.

Punto 1: RECLAMACIÓN DE REINTEGRO DE GASTOS XUDICIAIS

 O goberno local PP-XA, a pesar de criticar a indemnización e o alto custe da mesma, decidiu absterse nun punto clave, eludindo as súas responsabilidades. Durante o debate, o portavoz do BNG fixo referencia a informes contraditorios entre a Intervención e a Secretaría Xeral, polo que entre outras cousas, solicitou o adiamento do punto para garantir unha toma de decisións fundamentada en criterios legais, proposta que foi ignorada polo executivo municipal.

Proposta do BNG:

  • Redactar un regulamento que permita tomar decisións con base legal e transparente, para evitar futuras controversias.

Resultado da votación: O BNG, PSOE e PO votaron en contra, mentres o goberno optou pola abstención.

 

Puntos 2 e 3: MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA MEDIANTE CRÉDITO EXTRAORDINARIO e RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITOS

   O debate destes puntos, relacionados co pago de facturas pendentes, foi adiada debido á falta de xustificación clara dalgúns gastos e aos reparos do departamento de intervención.

  • Subliñouse a necesidade de explicar detalladamente os conceptos pendentes de pago, priorizar aos provedores locais e corrixir as deficiencias detectadas.

  • Criticouse a falta de planificación e a opacidade do goberno local na xestión económica.

 

Punto 4: MOCIÓN DO PP SOBRE TAXAZO MUNICIPAL XESTIÓN RESIDUOS

Aprobada. O portavoz do BNG destacou que o texto presentado polo PP era un modelo estandarizado sen adaptar a Ortigueira, con erros evidentes que mostraban falta de traballo e preocupación real.

   O noso portavoz municipal, Marco Schaal, criticou que o PP presentase unha moción que só busca trasladar a culpa ao Goberno central, ignorando o papel da Xunta na suba do canon de SOGAMA, ademais de que o BNG xa presentara unha moción en xullo deste ano tratando este tema.

   Lembrou que o modelo actual, imposto polo PP na Xunta, é caro, centralizado e insustentábel, que prioriza a incineración fronte a alternativas máis ecolóxicas.

Propostas do BNG:

  • Impulsar a compostaxe de proximidade e a reciclaxe.

  • Reducir a dependencia de SOGAMA a través dun modelo descentralizado de xestión de residuos.

  • Solicitar que a recadación do imposto de residuos reverta na totalidade nos concellos para facilitar a transición a modelos máis sustentables.

  • Potenciar a cooperación intermunicipal para abaratar custos e mellorar a eficiencia.

 

Punto 5: MOCIÓN DE PO INTERESADO NA REDACCIÓN DUN PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS

   Aprobada por unanimidade, esta moción buscaba establecer un plan estratéxico de subvencións e convenios para apoiar ás asociacións locais. O BNG recoñeceu a importancia do tema, pero non deixou de sinalar as carencias do goberno municipal neste ámbito, destacando a súa histórica inacción.

   Marco Schaal recoñeceu a boa intención da moción, pero apuntou directamente á realidade do goberno municipal, "o goberno semella ese amigo que sempre di 'mañá comezo a facer deporte', pero nunca pasa de 'mañá'”.

   Subliñou o incumprimento de compromisos básicos, especialmente o caso das axudas escolares, anunciadas reiteradamente como "inminentes" e que saíron o día anterior ao pleno, 6 meses despois, deixando claro que o goberno actúa por reacción e non por planificación.

   Tamén houbo críticas á falta de concreción da proposta de PO, advertindo que, sen planificación orzamentaria nin prazos reais, esta moción podería quedar nunha declaración de intencións sen efectos prácticos, lembrando que “en 2023, preguntamos polos convenios e subvencións, e a resposta foi escorrer o bulto. Un ano despois, seguimos igual”.

Propostas do BNG

Máis alá das críticas centras nas formas de actuar e traballar do goberno municipal, o BNG sempre vai propoñer ideas e solucións :

  1. Planificación orzamentaria concreta, con partidas destinadas a cultura, deporte, asociacións e axudas sociais.

  2. Sistema de subvencións accesíbel para que tamén as pequenas asociacións e as das parroquias poidan beneficiarse.

  3. Cumprimento de prazos en todas as iniciativas, evitando a demora habitual.

 

Marco Schaal destacou que non se pode seguir permitindo a parálise do goberno municipal e rematou cunha reflexión: "Non podemos quedarnos nas promesas ou no 'mañá'. As propostas teñen que materializarse. É hora de facer, non de esperar”.

 

Punto 6: MOCIÓN DO BNG RELATIVA Á SITUACIÓN DO IDIOMA PROPIO DA GALIZA

   Aprobada cos votos do BNG, PSOE, PO e XA, e coa abstención do PP. Esta iniciativa busca dinamizar o uso do galego e fomentar o consenso arredor do seu valor como parte esencial do noso patrimonio cultural.

 

Punto 7: MOCIÓN DO BNG SOLICITANDO CUBRIR, ADAPTAR E GARANTIR A INCLUSIVIDADE NOS PARQUES INFANTÍS

   Aprobada por unanimidade, esta moción presentada polo BNG buscaba mellorar as infraestruturas dos parques infantís no concello, propondo a súa cobertura para garantir o uso durante todo o ano e facilitar espazos inclusivos e accesíbeis para todas as crianzas.

   Schaal destacou a importancia de responder a unha queixa recorrente das familias orteganas sobre o mal estado e a falta de mantemento dos parques, así como a limitación de uso pola climatoloxía adversa: "Sabemos que as chuvias e os ventos en Ortigueira obrigaron durante moito tempo ás crianzas a renunciar a espazos que son vitais para a súa aprendizaxe, socialización e lecer. Esta é unha realidade que podemos e debemos cambiar”.

   Remarcou que esta proposta non é unha utopía, senón unha solución concreta e viábel, baseada en exemplos próximos: "En Ribeira, cubriron un parque infantil cunha estrutura téxtil por 97.000 euros financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña. Por que en Ortigueira non podemos facer o mesmo? Temos acceso a ese mesmo plan, ás axudas da Xunta e aos fondos Next Generation EU para proxectos públicos sustentábeis."

   AA intervención fixo énfase no potencial transformador desta iniciativa, defendendo que era posible dispoñer de parques accesíbeis tamén para crianzas con diversidade funcional, co único requisito de que o goberno municipal asumise o compromiso de traballar pola súa execución.

Schaal fixo un chamamento ao consenso, apelando ao impacto positivo que esta medida tería nas crianzas e nas súas familias: "O futuro deste concello constrúese coas decisións que tomamos hoxe, e decidir cubrir os parques infantís en Ortigueira é apostar polas nosas crianzas e polas súas familias”.

   A aprobación unánime da moción reflicte o recoñecemento da corporación á necesidade desta medida, quedando agora na man do goberno municipal executar a proposta co apoio dos fondos dispoñíbeis.

 

Punto 8: MOCIÓN DO BNG RELATIVA Á REIVINDICACIÓN DO 25N

    Aprobada cos votos favorábeis de BNG, PSOE, PO e XA e a abstención do PP, a moción presentada polo BNG recoñece que, mentres exista unha soa muller vítima da violencia machista, como sociedade estaremos fallando colectivamente.

   "Desde 2003, case 1.300 mulleres foron asasinadas pola violencia machista no Estado español, 72 delas aquí, na Galiza. E, si, cada unha destas mortes é un fracaso colectivo que non podemos aceptar como parte do día a día."

   Referíndose á situación local, subliñou que en Ortigueira e na comarca do Ortegal tamén hai mulleres que sofren violencia de xénero, e que a resposta institucional debe ser reforzada: "estas mulleres precisan atención psicolóxica, apoio económico e garantías de seguridade. Pero o noso CIM está insuficientemente dotado para ofrecerlles todo o que precisan. Por iso, nesta moción propoñemos reforzar os seus recursos con máis persoal e unha ampliación orzamentaria para permitir unha atención integral."

   A intervención recolleu tamén unha proposta fundamental: “Solicitamos a creación dunha partida específica de axudas directas para mulleres vítimas de violencia de xénero no noso municipio. Non estamos a falar de grandes cifras; estamos a falar de garantir recursos que poidan cambiar vidas, de protexelas."

   No ámbito galego, denunciouse a intención do goberno do PP de privatizar os centros de crise 24 horas, precarizando un servizo esencial que debería ser público e universal. Desde o BNG reiteramos a importancia de priorizar políticas efectivas en recursos, prevención e apoio.

   Schaal rematou a intervención cunha chamada á responsabilidade colectiva:Hoxe lembramos ás mulleres que non están, pero tamén asumimos unha responsabilidade: facer todo o que estea na nosa man para que ningunha máis teña que sumar o seu nome á lista negra da violencia machista”.

A aprobación da moción é un recoñecemento da corporación á necesidade de reforzar os recursos e o compromiso municipal contra a violencia machista, quedando agora pendente a materialización das medidas propostas.

 

Punto 9: MOCIÓN SOBRE A REXENERACIÓN DE MOROUZOS

   Aprobada cos votos de PSOE, PP e XA, coa abstención de PO e o voto en contra do BNG. A moción sobre a rexeneración de Morouzos xerou un intenso debate, no que o BNG criticou duramente as formas do Goberno Municipal.

   O noso portavoz subliñou a importancia de preservar os ecosistemas dunares, mais cualificou como inaceptábel a xestión deficiente e a falta de transparencia que caracterizaron este asunto. Lembrou que o goberno local tiña coñecemento desde o 12 de novembro da necesidade de aprobar o proxecto en pleno, mais ignorou esta obriga procedemental, presentándoo como unha urxencia o día anterior, sen dar marxe para o debate ou o estudo da documentación.

   Desde o BNG cuestionamos a falta de rigor técnico e esiximos aclaracións sobre aspectos clave, como a existencia de informes de impacto ambiental e os criterios que garantan que as actuacións serán efectivas e non repetir erros, como os xa vistos en Morouzos, a praia da Basteira en Cariño ou no río Mera.

Por todo isto, o portavoz solicitou a dimisión da concelleira responsábel pola reiterada falta de transparencia e o incumprimento dos procedementos democráticos.

   Desde o BNG reiteramos o noso compromiso cos proxectos que protexan o patrimonio natural, mais advertimos que non toleraremos que causas tan importantes sexan xustificación para malas prácticas administrativas. "O respecto polo medio ambiente comeza polo respecto á cidadanía e aos seus representantes”, concluíu Schaal, votando en contra para denunciar as formas impropias desta xestión.

 

Punto 10: DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA OS MACRO PROXECTOS EÓLICOS NA COMARCA DO ORTEGAL

   O BNG está totalmente de acordo co contido da declaración, que defende o noso territorio fronte a un modelo enerxético abusivo e depredador. Apoiaremos sempre a loita polo rural vivo e o respeto á veciñanza, porque non queremos que se siga impoñendo un modelo que afoga ás comunidades locais e beneficia só ás grandes empresas.

   Opoñémonos ás formas do goberno, que, a pesar de ter semanas para preparar esta declaración, optou por traerla ao pleno como urxencia sen pasar antes pola comisión. Isto demostra improvisación e falta de respecto aos procesos democráticos. A urxencia non vén do contido, senón da deficiencia organizativa do goberno que contaba coa declaración institucional desde fai semanas.

   Aínda que apoiamos o fondo da declaración, o goberno local debería respectar os tempos e a transparencia. O BNG está aquí para esixir un mellor goberno, e con estas formas, está moi lonxe de conseguilo.

 

Rogos e preguntas

 O BNG trasladou varias inquietudes veciñais sobre o estado das infraestruturas e a xestión municipal, quedando pendentes as respostas do goberno para o pleno ordinario de xaneiro.

 

   En definitiva, o pleno evidenciou unha vez máis a falta de planificación e transparencia do goberno local, que segue improvisando en cuestións clave e saltándose os acordos adoptados na celebracións das comisións e dos plenos. Pola contra, o BNG reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza, presentando propostas concretas para mellorar a xestión económica, dinamizar a cultura galega e garantir un futuro sustentábel para Ortigueira.