O BNG denuncia que os Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2024 confirman o abandono do Ortegal
O BNG, a proposta do BNG de Ortigueira, presentará emendas aos Orzamentos 2024
O BNG de Ortigueira vén de realizar unha valoración do proxecto de Orzamentos presentado pola Xunta de Galiza para 2024 que actualmente están en fase de tramitación no Parlamento Galego.
O Goberno amigo do Sr. Calvín (PP) é castigado pola Xunta de Galiza de Rueda (PP) e tamén o fai coa nosa veciñanza que é a máis afectada por este abandono e esquecemento. Non hai ningunha gran actuación prevista no noso Concello e todo o prometido polo actual equipo de goberno, dirixido polo PP e un apoio incondicional e sorprendente de XA, vaino levar o vento e quedará en nada, pois as inversións “reais” previstas para as dragaxes e balizamentos en Ortigueira e Espasante suman menos de 50.000€, a rehabilitación dos centros sanitarios ou a instalación da sala de Raios X teñen partidas orzamentarias de case 350.000€ para toda a Área Sanitaria de Ferrol (rehabilitacións 185.000, instalacións 150.000€), por non falar xa da utópica VAC Costa Norte, que desta volta xa nin se contempla máis alá dunhas actuacións de mellora na AC862 e que de mellora, polo que estamos a ver, non ten nada (mesmas curvas, máis perigosidade, recurte escaso no tempo de viaxe,...).
Desde a Asemblea Local consideramos que estes orzamentos, unha vez máis, deixan no esquecemento á comarca do Ortegal e principalmente a Ortigueira. Esquécense das necesidades que temos en Ortigueira e hai un abandono claro das infraestruturas nos servizos básicos e que son competencia da Xunta. Vimos de ver o estado do CEIP José María Lage, a necesidade urxente de dragaxes nos portos de Espasante e Ortigueira despois de 20 anos sen realizarse, a recuperación da Ría de Ortigueira e Ladrido, o Río Mera ou o Río Esteiro, a continuación da construción da VAC Costa Norte (lembrar que o único treito construído foi durante o período do bipartito), a necesidade de seguir cos saneamentos nas parroquias (Senra, Ermo, Espasante, Loiba,...), rehabilitación dos centros sanitarios e educativos, servizo de pediatría diario no PAC de Ortigueira,...
Podemos observar como as reunións e, sobre todo, as fotos diarias do Sr. Calvín cos diferentes Conselleiros e Conselleiras anunciando imposíbeis serviron unicamente de propaganda, así como a continua crítica á oposición ou ao anterior goberno, pero a verdade é que todos os investimentos, todas as obras, todas as actuacións seguen sen aparecer por ningún lado nos orzamentos galegos. Lembremos tamén que, os “compromisos” que ten o Sr. Calvín son como aquela famosa partida destinada a educación e que acabou en festexos e festas, aínda que despois queira dicir que non había bases reguladoras para sacala adiante (tiveron 3 meses para elaboralas, pero non están para facer, só para vender fotos e propaganda).
En definitiva, os Orzamentos presentados polo actual goberno da Xunta, que levaba 4 anos dicindo que era a lexislatura do rural é a mostra definitva de transformarse na lexislatura do desmantelamento do rural e que é un goberno que está acabado, que xa non ten nada que ofrecerlle a Ortigueira nin ao Ortegal, pero tampouco ten ningún proxecto para o noso País.
Desde o BNG aproveitaremos a tramitación parlamentaria para presentar alegacións que recollan as necesidades da nosa veciñanza, que melloren en todo o posíbel os orzamentos da Xunta en Ortigueira para 2024, demostrando que o BNG ten proxecto político para Ortigueira e para Galiza.