MARCO SCHAAL TOMA POSESIÓN COMO CONCELLEIRO DO BNG NO CONCELLO DE ORTIGUEIRA
O BNG volve á corporación municipal
Bo día veciñas e veciños,
Felicitar desde o BNG de Ortigueira a D. Valentín Calvín Fondevila polo seu nomeamento como novo alcalde de Ortigueira.
Por outra banda, agradecer o apoio a toda a veciñanza que depositou en nós a súa confianza e coa cal, o nacionalismo galego recupera voz e voto na corporación municipal de Ortigueira.
Tamén quero agradecer ás persoas que conformaron a candidatura do BNG comigo, aos militantes e aos simpatizantes polo inmenso traballo realizado ao longo destes últimos meses, sen vós, tampouco sería posíbel que hoxe estivésemos aquí.
Hoxe comeza unha nova lexislatura e a partir de xa é o momento de cumprir co que dixemos ao longo das dúas semanas da nosa campaña e que fomos explicando nos nosos encontros coa veciñanza. Ortigueira decidiu que estivésemos na oposición, e aí estaremos. O noso traballo será controlar e fiscalizar ao equipo de goberno, desenvolver unha oposición leal, capaz de dialogar e de chegar a acordos para o noso concello. Unha oposición construtiva mirando polo ben común.
Tamén traeremos propostas que partirán das diferentes reunións que manteremos nas parroquias ao longo de toda esta lexislatura e que dean resposta ás necesidades e inquedanzas da nosa veciñanza.
Moitas grazas.
Marco Schaal Orizales