Comunicado conxunto da oposición

BNG, PSOE e PO presentan un comunicado mostrando o seu malestar pola actitude de PP-XA
Os grupos políticos PSOE, Primeiro Ortigueira e Bloque Nacionalista Galego - BNG queren manifestar de forma pública o seu profundo malestar polos constantes cambios nas comisións informativas e sesións plenarias que están levando a cabo o equipo de Goberno do Sr. Valentín e da Sra. Rego.
No pleno de organización, 11 de xullo, acordouse que estas comisións e plenos ían realizarse a última semana dos meses impares e previo acordo entre os portavoces dos grupos municipais.
 
Por diferentes motivos o equipo de goberno comunicounos que as comisións e pleno ían levarse a cabo na semana seguinte (primeira semana de agosto). Nunha reunión informal de portavoces, o día 21 de xullo, transmitíronnos que polos mesmos motivos non ían poder realizarse nese prazo e adiaban as comisións para o día 7 de agosto e o pleno para o día 10 de agosto.
 
A día 1 de agosto, de forma unilateral e sen previa comunicación, nin reunión, nin intención de chegar a consenso entre os grupos que conformamos a corporación municipal, comunícasenos que as comisións van ter lugar o venres 4 de agosto.
 
Non nos parece serio, que despois de terse aprobado en pleno un acordo para establecer os días e horas das comisións e plenos, que despois dunha xunta (informal)de portavoces na que se comunica que as comisións van ser o día 7 de agosto e o pleno o 10 de agosto, volvan modificar por terceira vez as datas, saltándose os acordos plenarios aprobados e tamén a súa promesa de diálogo, transparencia e comunicación coa oposición.
 
Pedímoslles que cesen XA estas actitudes e pensen nos inconvenientes que están a crear nas persoas que conformamos a corporación municipal con 3 rectificacións de datas e coa imposición doutra sen previo aviso.