Encontros coa Veciñanza
O BNG de Ortigueira iniciará en xaneiro unha rolda de "Encontros coa Veciñanza" nas diferentes parroquias do Concello de Ortigueira.
Estas reunións pretenden presentar o traballo realizado desde a oposición nestes meses de lexislatura e ir sumando ideas para crear entre todas e todos un proxecto de concello.
O obxectivo prioritario destes encontros é abrir un novo tempo no noso concello, resetear dinámicas para crear en positivo, escoitando e dialogando con todas as persoas do noso municipio e recollendo suxestións e propostas.
Viñemos con ilusión e practicar unha política nova, baseada na participación cidadá. Consideramos que a democracia non consiste en só ir votar cada 4 anos. É moito máis. É darlle á cidadanía as ferramentas e a posibilidade de que a xente participe de verdade na toma de decisións.
Sabemos que é un camiño longo e complicado, pero as nosas portas están e estarán abertas a todo o mundo para construír un futuro mellor para Ortigueira e para Galiza.
Para axilizar e facer efectivas estas reunións é importante levar pensadas as iniciativas, suxerencias e ideas que se queiran presentar nestas asembleas. Para iso, é importante ter en conta que as propostas sexan necesarias, que beneficien a toda a veciñanza e, sobre todo, que sexan asumíbeis cos recursos cos que conta o concello.
Nestes orzamentos tamén se poden incluír actuacións no ámbito deportivo, cultural, suxestións dirixidas á mocidade, ás persoas maiores, etc. non todo ten que xirar ao redor de infraestruturas e obras.
Para aquelas persoas que non poidan participar ou achegarse ás asembleas, poden achegar as súas propostas a través do seguinte formulario en liña e anónimo