Ortigueira aproba por unanimidade a proposta do BNG para regular o turismo de autocaravanas e mellorar a convivencia e o medio ambiente

Ortigueira aproba por unanimidade a proposta do BNG para regular o turismo de autocaravanas e mellorar a convivencia e o medio ambiente

O Concello de Ortigueira aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 27 de setembro a moción presentada polo BNG para a redacción dunha ordenanza municipal que regule o estacionamento e a pernocta de autocaravanas, vehículos camper e caravanas no termo municipal. Esta medida responde á necesidade de conciliar o crecemento do turismo itinerante coa preservación do espazo público, a protección ambiental e a mellora da convivencia coa veciñanza.

A proposta, presentada polo grupo municipal do BNG, ten como obxectivo facer fronte aos problemas derivados do incremento de autocaravanas que chegan a Ortigueira, especialmente en temporada estival e durante festivos. O portavoz nacionalista, Marco Schaal, subliñou que "o estacionamento descontrolado e o uso inapropiado de espazos públicos afectan negativamente tanto á imaxe do concello como á calidade de vida dos seus habitantes".

A moción contempla regular a situación da área de autocaravanas en Loiba e a creación de novas áreas específicas no municipio para o estacionamento destes vehículos, que deberán estar dotadas de servizos básicos, como o acceso a auga potábel, a evacuación de augas grises e negras, así como a recolla de residuos. Deste xeito, Ortigueira non só se adaptaría á normativa vixente, senón que tamén melloraría a experiencia dos turistas que practican o turismo itinerante, un sector en constante crecemento tanto en Galiza coma no resto de Europa.

Na moción solicitábase que esta nova ordenanza estea aprobada antes do verán de 2025 e que sexa redactada tendo en conta as achegas de expertos no sector e da propia veciñanza, co fin de garantir unha normativa equilibrada e adaptada ás necesidades locais. Ademais, con este proceso participativo búscase que o regulamento reflicta tanto as demandas das persoas usuarias de autocaravanas como as preocupacións da cidadanía en xeral.

“Regular o turismo itinerante é unha medida fundamental para fomentar un turismo sustentábel e de calidade, ao tempo que se protexe o noso entorno natural e se reduce o impacto ambiental e urbano desta actividade”, sinalou o portavoz do BNG. Ademais, destacou que moitos concellos que xa dispoñen de áreas de estacionamento para autocaravanas observan un impacto positivo no comercio local e na hostalería, grazas á afluencia de turistas que practican este tipo de turismo, desestacionalizado e cun forte crecemento en toda Europa.

Con esta iniciativa, Ortigueira suma un importante paso para conciliar a actividade turística co benestar da súa veciñanza, ao mesmo tempo que se abre a novas oportunidades de desenvolvemento económico local. O BNG considera que esta regulación non só beneficiará ás persoas que practican o turismo itinerante, senón que tamén solucionará moitas das queixas veciñais rexistradas nos últimos anos debido ao estacionamento inadecuado destes vehículos.

Ortigueira aproba por unanimidade a proposta do BNG para regular o turismo de autocaravanas e mellorar a convivencia e o medio ambiente