Pleno Ordinario 29/09/23

Pleno Ordinario 29/09/23

Pleno Ordinario setembro

Un pleno que durou case 4 horas, e hai que dicilo, por culpa unica e exclusivamente do Partido Popular e máis concretamente do Sr. Alcalde que, no primeiro punto estivo dando unha resposta lendo un informe moi interesante do cronista de Ortigueira, o Sr. Carlos Breixo. Mais consideramos que puideron dar traslado dese informe antes do pleno ás concelleiras e aos concelleiros e de exposición pública para toda a veciñanza, evitando así a prolongación do mesmo ata as case 4 horas.
A Moción sobre o Camiño do Mar saíu adiante cos votos a favor de BNG, PO e PSOE (7).

Se non lle chegou ao Sr. Alcalde con ternos unha hora escoitándoo no primeiro punto, no punto sobre a nosa moción sobre o estado dos centros educativos, decidiu falar dos pasados da Sra. Ana Franco (PO) ou do Sr. Juan Penabad (PSOE) pero tamén de falar de mocións, accións e demais historias que pasan noutros concellos. Entendemos que o tema lles era incómodo e precisaban algo para desviar o tema, embarralo, crispar e seguir na súa liña de facer ineficientes os plenos.
E todo, repetimos, TODO o dito, fóra do punto da moción que se debatía, pois nin tiñan que ver coa moción do centro educativo (raios x? asfaltado de pistas? bailes VIP?). Aquí é xusto e necesario dicir e recordar que no anterior pleno (10/08/23) o Sr. Alcalde que chamou á orde, interrompeu e practicamente retirou a palabra ao noso concelleiro, Marco Schaal, xa que este decidiu desistir facer uso da súa palabra polas interrupcións que o Sr. Calvin estaba a realizar. Pero curiosamente nesta ocasión quen se foi do tema por completo e, de novo, innecesariamente foi o Sr. Alcalde e nin se lle interrompeu, nin se lle chamou á orde e moito menos se lle retirou a palabra por iso. Lembrámoslles que presentamos unha solicitude de reunión urxente aos 5 partidos (aceptada por PSOE e PO) o pasado 30 de agosto, a 29 de setembro seguimos sen ter resposta e preguntamos varias veces ao longo do pleno e a resposta era a esperada: silencio.
Polo menos a moción presentada polo BNG saíu adiante por unanimidade.

A outra moción que presentamos, e que se presentou en toda Ferrolterra e Ortegal, sobre o servizo de autobuses no Concello e na comarca, tamén saíu adiante. Sorprende que o PP cando está no goberno sexa descoñecedor absoluto de queixas de usuarias, do incumprimento de horarios, etc. pero si se acordaba ou tiña constancia cando gobernaban outros. A moción saíu adiante grazas aos votos a favor do BNG, PSOE e PO (7) e as abstencións do PP (5).
Nesta moción lembrámoslles tamén que presentamos unha solicitude de información sobre os posíbeis convenios que poida ter o concellos coa(s) empresa(s) adxudicatarias e, de existir, informar sobre as condicións.

O tempo botábase enriba e quedaban os turnos de preguntas e rogos, e tivemos que omitir algunhas preguntas e que presentaremos no seguinte pleno, mais deixamos a que máis preocupación ou interese espertou na veciñanza, a Festa-Baile do 26 de agosto. Despois de evitar responder aos concelleiros de PO e PSOE (Ana Franco e Juan Penabad), preguntamos a que subvención da deputación concorreron para pagala, xa que nunha comisión dixeron, literalmente, que "ao concello non lle vai custar nada, que o paga a deputación". Nun despiste, e á pregunta da concelleira Ana Franco, a concelleira de cultura dixo que "las luces las pagó el concello". Como coa partida dos 25.000€ de Educación, cansáronse a dicir que non había cartos e as partidas estaban esgotadas, pero hai estaba unha partida de Educación con 25.000€. Pois coa festa xa sabemos o que vai pasar: invita o PP, pero paga o concello cos cartos de toda a veciñanza, ou coa partida de "Festas Populares e Festexos" (coñecida anteriormente tamén como "Partida complementaria de educación").

Quedaban os rogos, nos que o noso portavoz e concelleiro lle solicitou ao Sr. Alcalde que retirase as dúas acusacións que lanzou contra el e sen posibilidade de réplica, insinuando que obrigaba a falar en galego e que se ría sobre o persoal do SAF.
Primeiro hai que dicir que como representantes públicos e atendendo a 3 Leis temos o deber de dinamizar, normalizar e promover o uso da nosa lingua, e aínda así, non obrigamos a ninguén a empregalo.

E en segundo lugar, acusar ao noso voceiro de rirse do persoal do SAF xa é  intolerábel e insulto ao propio SAF. Máis cando é unha persoa que sempre estivo e está ao lado dos traballadores, que leva desde que accedeu ao cargo movéndose e comunicándose con asociacións e organizacións (lembremos que só temos 1 concelleiro e con todas aínda non demos contactado),  e que participou en múltiples folgas e mobilizacións, de todos os sectores e nos que se reclamaban dereitos e melloras laborais (por poñer algúns exemplos: movementos xuvenís, Marea Branca (sanidade), Marea Verde (educación) Marea Naranxa (servizo sociais), e poderiamos seguir) ou nos movementos ambientais e de protección do noso patrimonio natural. Polo tanto é, foi, inadmisíbel esa actitude por parte do Sr. Alcalde. Polo menos recapacitou e pediu desculpas pola súa acusación.

Pleno Ordinario 29/09/23