Pleno Ordinario do mes de xullo de 2025

No pleno ordinario de xullo de 2025, celebrado o 6 de agosto de 2025, participaron 10 concelleiros e concelleiras: 5 do Goberno Municipal do PP, 2 do PSOE-PSdG, 2 de P.Orti e o noso concelleiro e portavoz municipal, Marco Schaal (BNG).
Pleno Ordinario do mes de xullo de 2025

Podes ver o pleno nesta ligazón: https://ortigueira.bng.gal/video/plenos/pleno-ordinario-data-0608-2025/20250806184333001133.html

Punto 2. POS+ Adicional 2/2025
Abstención do BNG. Aprobado cos votos de PP e PSOE.
O BNG valorou positivamente o investimento da Deputación da Coruña (case 400.000 €), pero advertiu da falta de ambición e planificación por parte do Goberno municipal. O portavoz Marco Schaal denunciou a ausencia de proxectos prioritarios como o saneamento e dedicalo só ao asfaltado ou aglomerado e criticou a falta de participación cidadá e política na definición das actuacións.

“O fácil é asfaltar. Pero o esencial, como o saneamento, segue esquecido.”

 

Punto 3. Días festivos locais para 2026
Aprobado por unanimidade.
Sen intervención destacada.

 

Punto 4. Adxudicación do contrato da piscina e instalacións deportivas
Aprobado cos votos do PP e P.Orti (7) e a abstención do BNG e PSOE-PSdG (3).
Desde o BNG xa advertimos nas comisións informativas como nos plenos anteriores de que o goberno municipal seguía sen responder a algunhas das preguntas formuladas sobre a execución e cumprimento dos pregos por parte do propio Concello. Xa que o Concello está asumindo gastos que, segundo os pregos pola súa ambigüidade, corresponderían á empresa concesionaria.

“Estamos a favor do deporte e máis de darlle servizos de calidade á nosa veciñanza. Tamén de crear postos de traballo e mellorar as súas condicións laborais. Pero non se pode votar a favor dun contrato mentres persistan dúbidas sobre a súa execución ou non se nos dá resposta ás preguntas ou se solucionan as dúbidas existentes.”

 

Punto 5. Moción do BNG sobre dependencia e mellora do SAF
Aprobada grazas aos 6 votos de BNG, PSOE, P.Orti e unha concelleira do goberno. PP en contra (4).
Unha moción adaptada á realidade do noso país e do noso concello que buscaba defender o sistema público de coidados, denunciar os recortes da Xunta, reclamar un SAF digno e ben financiado (dos 12€/hora aos 20€/hora) e poñer en valor ás persoas traballadoras deste servizo tan necesario. 

“O modelo do PP é claro: vén de recortar 17 millóns de euros ao SAF: 5 millóns en maio e outros 12 millóns en xuño. Fronte aos recortes, o BNG propón dignidade, financiamento e compromiso público.”

 

Punto 6. Recoñecemento extraxudicial de crédito (20.000 €)
Abstención do BNG. Aprobado cos votos do PP.
O BNG denunciou unha vez máis o uso abusivo dos recoñecementos extraxudiciais como método habitual de xestión.

“Cando estaban na oposición criticaban ao goberno por ter gastado 2,5 millóns de euros en recoñecementos extraxudiciais de crédito. Vostedes xa levan 1,5 millóns de euros en recoñecementos en 2 anos e non aprobaron un só orzamento novo. Isto non é gobernar, é improvisar permanentemente.”

 

Punto 7. Compatibilidade laboral dunha traballadora municipal
Aprobado por unanimidade.
 

 

Punto 8. Modificación de crédito de 17.000 € para festas
A favor 6 votos: 5 PP e 1 PSOE-PSdG, abstención 4: 1 BNG, 2 P.Orti e 1 PSOE-PSdG
O BNG cuestionou a falta de documentación e transparencia para xustificar esta modificación.

“Sen información clara, non é posíbel votar a favor dunha modificación de crédito sen saber a que se van destinar eses 17.000€”

 

Punto 9. Modificación de crédito de 700.000 € detraída de Servizos Sociais
Votos a favor 5 do PP, 4 en contra do BNG (1), PSOE-PSdG (1) e P.Orti (2) e unha abstención do PSOE-PSdG.

Este punto incluía unha modificación orzamentaria por valor de 700.000 €, que supón unha redución significativa na partida de Servizos Sociais. O BNG votou en contra da proposta, expresando a súa preocupación polo impacto que pode ter nun ámbito especialmente sensible e cunha elevada demanda no concello.

Durante o debate, o noso portavoz do BNG, Marco Schaal, puxo o foco na necesidade de manter e reforzar os recursos destinados ao benestar social, especialmente tendo en conta que máis de 100 persoas se atopan actualmente en lista de espera para acceder ao SAF (Servizo de Axuda no Fogar) ou cando o propio goberno municipal recoñece que existen necesidades básicas que non se dan atendido, como grúas e camas.

“É preocupante que nun momento de tanta presión sobre os servizos sociais se decida redistribuír unha partida de 700.000 euros de Servizos Sociais para outros conceptos, como por exemplo, dotar á partida de programación cultural do ano 2026 ou non se inclúen os proxectos completos das obras propostas"

 

Punto 10. Modificación de crédito – suplemento de 86.000 €
Abstención do BNG.
A pesar de valorar positivamente as explicacións do concelleiro de obras na comisión, o BNG lamentou que o proxecto non se incluíse na documentación oficial.

“Coa información e vontade ofrecida, poderiamos ter apoiado esta modificación se, como dixemos anteriormente, aportasen tamén a documentación aos expedientes do pleno”

 

Punto 11. Moción de urxencia do BNG sobre Palestina
A urxencia contou con 5 votos favorábeis (BNG, P.Orti e PSOE-PSdG), a oposición do PP (4) e a abstención dunha concelleira do goberno. Ao necesitar a maioría absoluta (7 votos favorábeis) a moción non foi debatida e, polo tanto, rexeitada.
O BNG presentou unha moción por vía urxencia para condenar a política xenocida de Israel na Franxa de Gaza: asasinatos indiscriminados de crianzas e mulleres,... ou non permitir a chegada de alimentos e produtos básicos de primeira necesidade e tamén, reclamar o fin do comercio de armas. O PP xustificou o seu voto en contra porque "a situación de Gaza, Israel e esas historias non é urxente para tratar xa”, pois non tiveron tempo de ler nin estudar nada deste asunto.

“É importante que desde Ortigueira se envíe unha mensaxe clara: non miramos cara outro lado ante un xenocidio”

 

ROGOS E PREGUNTAS

1.- Desde o grupo municipal do BNG queremos trasladar ao goberno local unha serie de rogos, preguntas e preocupacións que, máis alá da nosa función como oposición, nos fai chegar constantemente a veciñanza do Concello de Ortigueira.

Desde o noso grupo municipal queremos realizar este primeiro rogo para deixar constancia dunha actuación que consideramos impropia, irregular e preocupante desde o punto de vista institucional.

No pleno ordinario celebrado en novembro de 2024, foi debatida e aprobada unha moción presentada por este grupo, relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. A dita moción foi aprobada polo pleno, con 7 votos favorables, do BNG, do PSOE-PSdG e daquela tamén concelleira de Turismo do goberno municipal, e que hoxe ten asignada outra concellería. Sorprendentemente, no pasado pleno de maio, afirmou publicamente que esa moción quedaba 'anulada de pleno dereito'.

Esta declaración foi feita no punto de rogos e preguntas, polo tanto, sen base legal, sen expediente formal, sen proposta plenaria e sen ningunha resolución administrativa que a ampare.

Queremos deixar claro que esa afirmación é politicamente irresponsable e institucionalmente inadmisible.
Ningún membro do goberno, e moito menos unha concelleira a título individual, pode anular un acordo aprobado polo órgano soberano desta Corporación: o pleno municipal.
A única vía legal para deixar sen efecto un acordo plenario é tramitar unha nova proposta ao pleno, con xustificación motivada, e sometela a votación.

Ademais, debemos recordar que o argumento da concelleira baseábase no feito de que a moción aprobada implicaba o pagamento dunha cota de 500 euros.

Queremos deixar constancia aquí de que esa contía supón, según os propios datos do goberno municipal:

  • O 0,008 % do orzamento municipal, que ronda os 6 millóns de euros.
     

  • Menos do 0,015 % do remanente de tesourería, que ascende a case 3,5 millóns de euros.
    É dicir: estamos ante unha cifra mínima, absolutamente asumible, e que en ningún caso pode ser utilizada como escusa para bloquear un mandato democrático deste pleno.

Por todo isto, rogamos formalmente:

  1. Que a alcaldía ou presidencia do pleno aclare e corrixa publicamente esta actuación, deixando constancia de que a moción segue plenamente vixente, ao non existir revogación legal.
     

  2. Que se advirta aos membros do goberno municipal da importancia de respectar os procedementos legais, a separación de funcións e a autoridade do pleno.
     

  3. Que a concelleira implicada rectifique publicamente a súa declaración, recoñecendo que non lle corresponde invalidar acordos plenarios, menos aínda un que ela mesma votou favorablemente.
    Este rogo non é unha cuestión menor. Estamos a falar de respectar as regras do xogo democrático, de preservar o valor dos acordos plenarios, e de garantir que ningún cargo público poida actuar de forma unilateral por riba da legalidade. Sen contar coas posibles consecuencias legais que ten isto, tanto para a concelleira como para o goberno municipal.

 

2.- Rogo sobre a non invitación á inauguración das festas patronais:

Solicitamos que se aclare o motivo polo cal o BNG non foi convidado á inauguración das festas patronais deste ano 2025, organizada pola Alcaldía para o persoal do Concello de Ortigueira antes do pregón. Especialmente tendo en conta que en 2023 si se enviou convite ao meu correo persoal. En 2024, o aviso chegou de forma indirecta, enviándose a un correo ao que non teño acceso, nin solicitei en ningún momento, e do que xa se informou oportunamente noutro rogo. Por outra banda, outros convites da Alcaldía continúan chegando ao meu correo persoal.

Consideramos fundamental que as convocatorias sexan enviadas a todos os grupos representados no pleno, para garantir unha representación equitativa e respectuosa dos votantes aos que representamos. Ademais, solicitamos que se informe publicamente, así como a todas as persoas traballadoras do Concello, que a ausencia do BNG na inauguración foi debida a un erro da Alcaldía.

 

3.- Rogamos que, en futuras ocasións, o Equipo Directivo do colexio sexa informado con antelación da visita do Xefe Territorial e que se lles manteña puntualmente ao tanto do estado das obras. Non se entende que as obras estean aínda a comezar cando o curso escolar inicia o 8 de setembro. Consideramos que é responsabilidade do Concello garantir o mantemento do centro, coñecer a situación das obras e cubrir as necesidades do mesmo, co obxectivo de que o alumnado reciba unha educación de calidade nas mellores condicións posibles.

 

4.- Rogamos ao Concello que estude a posibilidade de instalar puntos de luz ou focos con auto acendido/apagado nas pistas polideportivas das parroquias, para que a mocidade poida utilizalas con seguridade ao solpor. Temos constancia de que se solicitou varias veces e fíxose caso omiso a estas peticións reiterativas. Hai disposición para habilitar iluminación básica nestes espazos?

 

4.- Rogamos que o concello e máis concretamente o concelleiro de obras atenda as queixas e demandas da veciñanza na urxencia de arranxar pistas que están nun estado practicamente instransitábel para vehículos e persoas, só dous exemplos: en Soñín en San Adrián e outra como o camiño do litoral de Loiba a Céltigos, que son dúas que xa temos reclamado en varias ocasións.

 

PREGUNTAS

Sobre os informes que se ían solicitar sobre a visita á Residencia Dolores Díaz de Dávila

No pasado pleno, preguntámoslle polos informes que, segundo se nos indicou, ían realizar os deputados provinciais despois da súa visita á Residencia Dolores Díaz de Dávila. Nese momento, vostede, Sr. Alcalde, afirmou que solicitaría ditos informes aos seus deputados.

Transcorridos xa catro meses desde a visita e dous meses desde a súa afirmación neste Pleno, seguimos sen ter constancia de ningún informe realizado polos deputados.

Por iso, volvemos formular a seguinte pregunta: Cando se prevé que estean dispoñíbeis os informes prometidos e solicitados por vostede aos seus deputados sobre a visita á Residencia Dolores Díaz de Dávila?

 

Sobre os centros sociais das parroquias

Hai centros sociais que levan anos sen mantemento: algúns piden simplemente unha man de pintura ou arranxar cousas básicas. Outros non teñen accesos adaptados para persoas con diversidade funcional, e noutros hai problemas eléctricos ou pingueiras. Teñen un plan de mantemento dos centros sociais? Hai datas previstas para atender as demandas das asociacións veciñais?

 

O mantemento das pistas municipais

As pistas municipais seguen sen limpar nin manter en moitas parroquias, un tema reiterado por veciños e tamén pola oposición ao longo de todo este ano e o anterior. Chegando á situación de que a estrada autonómica AC862 non se limpouco ata o inicio do Festival Internacional do Mundo Celta ou dificultando a visibilidade ou accesos a núcleos de vivendas ou das casas rurais. Todo isto, despois de que o concelleiro de obras afirmase que era a primeira vez que o concello contaba con 3 tractores para estas tarefas, mais a realidade é que estamos peor que nunca.

Cando teñen previsto actuar? Existe un plan de mantemento periódico ou só se actúa a demanda?

 

Sobre as imaxes de estacionamento descontrolado

Nas últimas semanas observamos en redes sociais e tamén nos fixeron chegar por varios medios imaxes de vehículos estacionados en zonas restrinxidas do núcleo urbano de Santa Marta e tamén na praia de Morouzos, creando indignación e malestar por estes feitos. Van reforzar a sinalización e o control de accesos colocando algún elemento disuasorio para evitar estas prácticas? Ou cal vai ser a súa actuación ante esta situación?

 

 Unha pregunta sobre unha queixa reiterada en practicamente todos os plenos e está relacionado cos contedores en mal estado

Seguimos recibindo queixas sobre contedores rotos ou con cheiro moi forte.
Preguntamos: Non se ía facer unha substitución progresiva? Compráronse xa novos colectores?

Por que non se limpian regularmente ou non se recorre máis ao obradoiro de Aspromor para o seu mantemento e reparación?

 

Sobre a EDAR de Espasante e análises das augas

Volvemos recibir preocupacións veciñais respecto da situación da EDAR de Espasante e os resultados das análises das augas das praias. 

Poden dar explicacións públicas e tranquilizar á veciñanza? Hai informes dispoñibles? Está a estación a funcionar correctamente?

Sobre as obras das que íamos ter novidades antes do verán de 2025, a senda peonil e os saneamentos e presión de auga en Espasante. A senda peoníl é a que ía conectar o que se coñece como A Aldea co Porto de Espasante pola estrada vella. E a outra é unha obra urxente e necesaria que levamos reclamando desde fai anos. Como van as xestións destas obras? Cales son os prazos para comezalas e rematalas? 

Tamén nos gustaría saber se valoraron tamén outras obras que propuxemos e que non se incluíron no POS e que tamén son necesaria e urxentes, como son os saneamentos nas diferentes parroquias, por exemplo  Senra, que é unha obra a medio rematar desde fai uns 20 anos. Ou a beirarrúa que conectaría a Miñaño e a Residencia Dolores Díaz de Davila co núcleo urbán de Santa Marta e que foi aprobada nunha moción por este pleno.

Pleno Ordinario do mes de xullo de 2025