O BNG denuncia que o goberno local presume de superávit mentres abandona as necesidades da veciñanza
Desde o BNG de Ortigueira criticamos que o remanente e superávit anunciados polo PP e XA se conseguiron a costa de non executar investimentos esenciais para mellorar infraestruturas e servizos públicos.
Reclamamos unha política económica ao servizo das persoas e non de titulares electoralistas.
O BNG de Ortigueira quere facer unha aclaración sobre o anuncio por parte do Goberno Municipal de PP-XA do superávit de case 2 millóns de euros e o remanente de 3,5 millóns no peche do orzamento de 2024 xa que en realidade non reflicten unha boa xestión, senón unha falta clara de execución dos investimentos previstos para mellorar o municipio.
Mentres vemos que se acumulan fondos nas contas municipais, tamén vemos que:
-
Persiste o abandono das infraestruturas básicas.
-
Non se reforzan servizos públicos fundamentais como pode ser o mantemento urbano das parroquias.
-
Que se permite a degradación de espazos públicos sen actuacións de mantemento.
Ademais, coa pouca información coa que contamos, xúrdenos unha gran preocupación polo feito de que máis do 10% do orzamento municipal figura como "importes de dubidoso cobro" e polas facturas pendentes de pagamento ao rematar o ano 2024.
Un modelo que prioriza o marketing electoral sobre as necesidades reais
Criticamos que o goberno local do Sr. Calvín (PP) e da Sra. Rego (XA) se limite a presentar titulares triunfalistas mentres non abordan os problemas reais de Ortigueira. A política económica dun Concello non pode basearse só en gardar os cartos, senón en investir para mellorar a calidade de vida da nosa xente.
Desde o BNG esiximos:
-
A execución inmediata dos investimentos comprometidos.
-
A recuperación efectiva dos fondos de "dubidoso cobro".
-
Unha planificación orzamentaria baseada en criterios sociais e de utilidade pública.
As propostas do BNG: investimentos con visión social e de futuro
Desde o BNG de Ortigueira apostamos por utilizar o remanente municipal en proxectos que teñan un impacto directo e positivo, entre outras:
-
Un plan integral de mellora de infraestruturas, priorizando rúas, pistas e beirarrúas.
-
Programas de apoio ao comercio local, á hostalería e á cultura, sectores esenciais para revitalizar a economía de Ortigueira.
-
Reforzo dos servizos públicos básicos, como o transporte, reforzo de persoal na recollida de lixo, o mantemento dos espazos públicos, etc.
-
Recuperación e dinamización dos espazos públicos, creando áreas recreativas, culturais e deportivas.
-
Aposta pola sustentabilidade e o medio ambiente, máis investimento para mellorar a eficiencia enerxética, mobilidade sustentábel e a conservación dos nosos espazos naturais.