O BNG de Ortigueira constitúe a súa Asemblea Local coa elección de Fani Pérez como responsábel local
O Bloque Nacionalista Galego deu un paso importante co proceso de constitución oficial da súa Asemblea Local en Ortigueira. No acto, Fani Pérez foi elixida responsábel local, Manuel Riveira asumiu o cargo de responsábel de mocidade, e Marco Schaal foi designado vice-responsábel e portavoz municipal.
Fani Pérez destacou a importancia do proceso de organización e unidade en Ortigueira: "A Asemblea Local é hoxe unha realidade grazas ao compromiso do contínuo crecemento de militantes e simpatizantes. Estou segura de que chegaremos ás eleccións máis reforzados e dispostos a que Ortigueira se convirta nun Concello BNG."
Marco Schaal tamén subliñou a importancia do traballo de base: "O traballo político de base é o corazón que impulsa a nosa loita. Con este equipo forte e comprometido, estamos construíndo o camiño que nos levará á alcaldía, demostrando que o BNG é a mellor opción para Ortigueira"
O acto contou co respaldo de cargos comarcais e nacionais do BNG. Mon Fernández, deputado no Parlamento Galego, puxo en valor o esforzo colectivo realizado en Ortigueira: "A constitución desta Asemblea Local non é só un paso organizativo, é un paso de transformación. O BNG está a ser unha alternativa real para Ortigueira e para Galiza. Estamos a traballar cun proxecto sólido, con xente comprometida, e imos seguir avanzando, porque a nosa forza está na acción política de base."
Pilar Lozano, responsábel comarcal do BNG, tamén destacou a importancia deste proceso: "Este equipo ten claro o que quere: traballar para cambiar as cousas desde o corazón do pobo. O BNG non só é un partido, é un movemento que está a crecer e que non se detén, e desde a comarca estamos aquí para apoiar cada paso deste proceso."
A constitución desta Asemblea Local é unha mostra de que o BNG está preparado para asumir novos retos e liderar un cambio real en Ortigueira. O proxecto segue crecendo con forza, e o BNG ten claro que o futuro é de cambio e de loita polos intereses da veciñanza.
Avante BNG!