O BNG de Ortigueira pide melloras urxentes para o CEIP José María Lage

CEIP Jose María Lage
CEIP Jose María Lage

O BNG de Ortigueira reuníuse coa dirección do CEIP José María Lage para recoller as demandas e diferentes problemas que arrastra o colexio e para trasladarlles o apoio e compromiso para conseguir os acordos necesarios cos demais partidos políticos para mellorar as infraestruturas do centro de Educación Primaria e Educación Infantil

O noso portavoz, Marco Schaal , tomou nota das cuestións que lle trasladou a dirección, como é o deterioro que soporta o edificio, onde hai dúas gretas moi visibles e que poden afectar á seguridade da estrutura e pídese unha análise e solución urxente das mesmas por parte das administracións públicas.

Engádense a estes deterioros as canalizacións, en mal estado en practicamente todo o centro e inexistentes noutras partes o que provoca filtracións e humidades en diferentes aulas. A necesidade de pintar o centro, tanto por dentro coma por fóra, o mantementos dos espazos verdes, onde se inclúe a poda das árbores e desbroce, a revisión urxente do tellado onde está a cociña, que ademais de poder afectar á seguridade afecta xa á salubridade, xa que a Inspección de Sanidade sempre avisa da necesidade urxente de solventar estes problemas de humidades na zona de cociña e comedor.

Outras deficiencias importantes que afectan ao centro é a seguridade, xa que nas fines de semana do inverno e, sobre todo, na última quincena de agosto, os patios cubertos aparecen vandalizados e en mal estado, ademais de que nos últimos días entraron no colexio de noite e prenderon lume no chan do ximnasio que foi cambiado recentemente e tamén nas cortizas de diferentes aulas.

Asimesmo, trasladouse a necesidade dunha intervención rápida por unha posíbel plaga de Scleroderma Doméstica, derivada da carcoma existente na madeira, que produciron picaduras tanto no alumnado coma no profesorado e que precisaron de atención médica.

Desde o BNG de Ortigueira consideramos que hai unhas actuacións que son urxentes realizar no noso centro educativo, tanto por hixiene como para ter un espazo educativo en boas condicións para toda a comunidade educativa.

Por todo isto, o BNG de Ortigueira urxe aos demais partidos políticos a crear unha comisión para avaliar a situación dos centros educativos do concello e ofrecer unha solución urxente ás deficiencias máis graves antes do inicio do curso 2023/24 o vindeiro 11 de setembro.

O BNG de Ortigueira pide melloras urxentes para o CEIP José María Lage
O BNG de Ortigueira pide melloras urxentes para o CEIP José María Lage