Declaración Institucional contra o P.E. Barqueiro e o P.E. Badulaque
Vista a oposición dos 5 partidos que conformamos a corporación municipal de Ortigueira á instalación dos P.E. Barqueiro e P.E. Badulaque, o BNG de Ortigueira presentou unha proposta de declaración institucional aos demais partidos, para incluír e/ou debater os diferenetes puntos para conseguir o maior consenso posíbel antes de levala ao Pleno Municipal e que se votase, ou non, a súa aprobación.
A declaración que finalmente saíu adiante, foi a que continúa:
O BNG de Ortigueira solicítalle á corporación municipal de Ortigueira que aprobe unha declaración institucional que rexeite a instalación do Parque Eólico Badulaque e Parque Eólico Barqueiro promovidos por ENEL GREEN POWER ESPAÑA S.L.
Exposición de motivos:
A previsión de localización de parques eólicos na comarca do Ortegal, e no noso concello en particular, non se está a levar a cabo tendo en conta as necesidades da comarca, os intereses das comunidades locais, a protección do territorio e o medio e a compatibilidade con actividades socioeconómicas propias do contorno, nomeadamente o sector primario. Pola contra, prevalecen os intereses de grandes grupos económicos do sector enerxético que teñen unha visión puramente extractivista dos recursos.
Por todo isto apostamos de maneira decidida polas enerxías renovábeis como a eólica, se ben entendemos que a enerxía debe ser considerada como un ben público galego e os seus beneficios deben repercutir no conxunto da veciñanza dos territorios onde se xera. Para iso defendemos a participación pública galega na planificación e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular.
Por outro lado, os avances técnicos nos aeroxeradores, como os avances a nivel de normativa europea, nos estándares de protección ambiental, paisaxística e de participación cidadá fan que a lexilación vixente hoxe en día ao respecto e no Plan Eólico de Galicia , do ano 1997 e cunha última modificación no 2002 necesiten unha actualización e adaptación á nosa realidade, que debería recoller as achegas da Administración local, como administración máis achegada aos principais colectivos afectados.
Así mesmo, e de acordo cos estándares ou obxectivos marcados desde a propia UE, debemos ter en conta que no 2019, Galiza produciu o 65% do mix de xeración galega en renovábeis, que vén sendo o dobre do obxectivo que marca a UE para os Estados membros para o ano 2030. Polo que tampouco os datos de produción de enerxía renovábel parecen avalar que sexa agora o momento de impulsar unha carreira de implantación de parques eólicos na Galiza, senón de desenvolver a potencia eólica dun xeito racional, sustentábel e ordenado
Acollemos explicitamente a demanda que nos traslada a veciñanza e o movemento asociativo así como colectivos afectados que, unha vez consultados os proxectos expostos ao público, trasladan a súa fonda preocupación polos prexuízos e danos que causaría a instalación destes parques eólicos no noso territorio.
Por todo isto, propóñolle ao Pleno da Corporación a aprobación da seguinte declaración institucional:
1.- O Concello de Ortigueira rexeita a instalación do parque eólico Barqueiro e do parque eólico Badulaque polos impactos negativos que deles se derivan para o conxunto do territorio e veciñanza do noso concello.
2.- O Concello de Ortigueira solicítalle á Xunta de Galicia o preceptivo informe de impacto ambiental e que, evidenciando os prexuízos que a instalación do devandito parque suporía para o ámbito do noso concello, emita informe negativo á súa instalación .
3.- O Concello de Ortigueira insta á Xunta:
a) Anular a declaración do P.E. Barqueiro como proxecto dunha clara incidencia territorial con función vertebradora e estruturante do territorio.
b) Paralizar todos os proxectos eólicos en tramitación actualmente e, en colaboración coa Xunta de Galicia e respectando as súas competencias propias nesta materia, realice unha valoración conxunta do desenvolvemento eólico para unha planificación adecuada e coordinada na que se teña en conta as achegas da Administración local.
c) Elaborar xunto coa Xunta de Galicia unha Planificación Eólica conxunta asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola, gandeiro e forestal.
d) Informar das axudas outorgadas ou previsto outorgar a Enel Green Power tanto por parte do Goberno español como do Banco Europeo de Investimentos para a posta en marcha do plan industrial de desenvolvemento eólico que configuran os parques eólicos de Ortigueira, así como as súas infraestruturas
4.- O Concello de Ortigueira insta á Dirección General de Política Energética y Minas do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a que non autorice a instalación do P.E. Barqueiro e P.E. Badulaque.
5.- Dar traslado deste acordo da Corporación Municipal de Ortigueira á Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia e ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.